Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PATRICIA JANEIRO, ESCRITORA

"A guerra civil non xera polémica, pero se escribes sobre o presente arríscaste a que a xente non o acolla ben"

'A perspectiva desde a porta', unha novela incómoda sobre o independentismo galego, publícase dous anos despois de ser finalista do Xerais.

Marcos S. Pérez - 12:30 29/04/2009

A perspectiva desde a porta é unha novela viva': alí aparecen os presos independentistas (os de antes e os de agora), o debate sobre a loita armada (na Transición e agora), os debates xeracionais, a especulación do turismo en Compostela, a soidade e a rutina dunha crise de parella, todo contado con crueza, con valentía, con talento para fiar todos os temas. Na súa presentación, este martes na Libraría Pedreira de Santiago, Mario Regueira felicitaba a Patricia Janeiro por "dar o salto sen rede", por arriscarse a falar do presente, "é moi doado falar da guerra civil, todos sabemos quen son os bos e os malos, pero por que a literatura galega non fala do presente?" preguntábase Regueira, que concluía que "iso debería ser un reto para os escritores: o ofrecerlles aos lectores eses matices, por que non o fan?". O libro, nacido en boa medida a raíz da Operación Castiñeira é incómodo; foi finalista do Premio Xerais hai dous anos, pero peteirou nas portas de todas as editoriais galegas sen atopar resposta. Até que chegou a Positivas.

A novela ten dúas historias que xuntan polo camiño, grazas a varios elos; como naceu o libro? Sempre tiveches en mente esta estrutura?
Eu levaba tempo querendo facer a parte que transcorre no 76, a de Malvina e Braulio; apetecíame facer unha historia de amor retorcido, e apetecíame tamén o tema político, contar o momento no que se debateu a conveniencia da loita armada no nacionalismo que agora lle chamamos 'histórico', pero a historia non daba para unha novela.

Ese proceso aparece na novela, na voz da nai de Nadia, que está escribindo a súa propia historia e di: "intento que teña un fío condutor, pero Braulio non me parece o suficientemente forte para construír toda a novela arredor del" (páx. 23)...
Si, gústame rir de min mesma, pero é certo que non me daba para unha novela. E despois un día (que por iso llelo agradezo ao final de todo) fixeron a operación Castiñeira para criminalizar o independentismo. Eu traballaba nunha empresa de rexistro de páxinas web; o día da operación entraron aí a saco para bloquear a páxina web de AMI. Iso xa pasara outras veces; pero normalmente cando un xuíz ordenaba bloquear unha web, mandaba un burofax, e despois viña un funcionario recoller as copias.

Pero que pasou ese día?
Ese día entrou unha ducia de gardas civís, coa capucha posta, pistola ao cinto, cámaras, un montón de trebellos tecnolóxicos metidos en maletíns. Entraron arrasando, de malos modos, tratáronnos fatal, como a criminais perigosísimos, e nós eramos empregados dunha empresa. E cando saín de traballar souben toda a historia, as detencións, que ao final quedaron en nada, porque non se sostiñan por ningún lado, e decidín escribir a outra historia. Non tiña moi claro como enfiar as dúas tramas, pero quería preguntarme que pasaría se un día espertamos coa ilegalización dun partido, ou dun sindicato ou co peche dun xornal, como pasa noutros lugares. E como reaccionariamos nós, porque parece que todo o mundo está mirando para outro lado continuamente. Cando nos imos empezar a mollar con eses temas, independentemente da nosa posición política? E ocorréuseme o personaxe de Nadia, que fiaba as dúas historias.

Despois do traballo de investigación que fixeches, cambiou a visión que tiñas da Transición?
Cambiou máis ben a visión que teño da actualidade. Aprendín que as cousas non cambiaron case nada dende entón, e que nalgúns aspectos cambiaron a peor. Antes a xente que se tiña que mollar mollábase máis; non vou dicir que os presos dos oitenta tiñan moitísimo máis apoio, pero si que o tema saía máis non medios e estaba máis na rúa. Non sei se é que agora a xente pasa máis do tema, ou se os medios, que son quen lle teñen que dar eco, hai cousas que prefiren obviar. Non cambiaron as cousas no fondo e na forma creo que estamos peor.

"Onde esta o sector crítico do voso partido? (...) como agora cobrades ben todo o mundo a calar a boca e mirar para outro lado" (páx. 37), escribe na novela un militante independentista nun foro de Internet. Como analizas a evolución ideolóxica que seguiu o nacionalismo galego dende 1976 até agora? Cres que vai cambiar algo agora que xa non está no poder?
Non creo que tivesen mala intención, pero igual deixáronse marabillar polo poder e prescindiron das bases, integrándose no aparato do Estado, no xogo dos partidos españolistas e no que lle chaman 'reglas de juego democrático'. Pero creo que estas eleccións foron un tirón de orellas moi grande e espero que lles sirva para facer autocrítica, aínda que de portas a fóra non a fagan. E espero que lles sirva para pensar máis nas bases e nos problemas do país.

"Nadia rebuscou por riba das discusións enquistadas na cuestión nacional na procura dalgún dato empírico (...) pero os visitantes das páxinas libres andaban demasiado ensarillados reprochándose desencontros de hai 20 anos..." (páx. 38). Que lle pasa ao independentismo, e á esquerda en xeral?
O soberanismo en conxunto ten un problema. Perdémonos discutindo quen ten lexitimidade moral para defender o país en vez de poñernos a traballar polo país, para solucionar os problemas que de verdade lle importan á xente. Non nos decatamos de que somos catro monos os que sabemos todas as siglas. É como cando entras no teu sindicato e aténdenche ou non, ou fanche máis caso ou non en función de es dun partido ou doutro; eu cando vou a un sindicato é porque teño un problema e quero que me atendan.

"Decatouse de que había outra forma de ler o xornal que consistía en notar as ausencias, que o oco que deixa unha noticia non publicada entre as páxinas do xornal é indeleble e só hai que saber ler un pouco entre liñas para velo..." (páx. 115). Os medios reflicten a realidade?
Non, claro que non. Hoxe lin a entrevista que lle fixerades en Vieiros a Javier Ortiz e quedei coa frase de que antes cando menos había que disimular, e agora nin sequera, agora unha empresa paga e manda; hai moi poucos medios que eu considero independentes.

Hai vías de escape?
Quero pensar que si, pero non se me ocorre. Internet é importante: os medios libres, os foros, calquera cousa que se publique sen depender de quen che pague creo que é interesante. Que sexan independentes non implica que teñan a verdade, pero igual si que lle aprenden á xente a ser máis crítica.

Despois de ser finalista do Premio Xerais, tiveches que petar en moitas portas para conseguir publicar o libro?
Petei nalgunhas. Pouco despois de rematar o libro, mandeino ao Xerais a ver que pasaba e sorprendeume moito cando souben que era finalista. E despois non gañou, houbo unha certa polémica nalgún foro de internet, no que comentaban que a algún membro do xurado a novela non lle gustaba polo seu contido político, pero pouca cousa, e tampouco me parece interesante. Pero o que si me parece triste é que en Xerais, que normalmente publican tamén as novelas finalistas, non lles interesou nada, estivéronme dando largas moitísimo tempo, estiven moito tempo coa novela parada, e ao final ofrecéronme publicala nunha colección menor e case como se me estivesen facendo un favor. E daquela díxenlles que non, que prefería publicala nun sitio no que estivese contenta. Despois envieilla a case todas as editoriais galegas, e a maior parte nin me contestou, até que me respondeu Positivas, e estou moi contenta, porque Paco Macías coida moito aos escritores e nótase que lle entusiasma o seu traballo.

"Antes escribía por gusto (...) e agora de súpeto converteuse na miña profesión..." (páx. 23). Estás falando de ti? Cambiou a túa forma de achegarte a un texto?
Quizais agora si que me dá un pouco de medo decepcionar, non estar á altura no que escriba a partir de agora.

Cres que á literatura galega fáltalle valentía, tanto na forma coma nos temas tratados? Cres que por iso esta novela choca máis?
Falar de 'literatura galega' é un pouco arriscado, eu non teño nada que ver con Rosalía ou Pondal, evidentemente, pero tampouco con Teresa Moure ou Diego Ameixeiras. Creo que a literatura que se está facendo agora en Galiza é como a que se fai no resto do Estado Español; quedaron encantados co tema da guerra civil, porque aí non hai ningún problema en determinar quen son os bos e os malos, non xera polémica, e porque é un tema que xera público. Se escribes sobre os anos setenta ou sobre o presenre arríscaste a que a xente non o entenda ou non o acolla ben, pero se che apetece escribir sobre o independentismo, telo que facer. O que non sei é se hai máis xente que quere escribir sobre isto e non se atreve, ou se non hai ninguén que queira falar destes temas.

Quizais iso estase empezando a romper na túa xeración. Están aí as novelas de Alberto Lema, dende logo moi politicamente incorrectas...
Aos medios, quizais, non lles queda outro remedio que ser politicamente correctos, pero a xente que facemos ficción non temos por que selo. E ti cando contas unha historia non tes por que estar defendendo o posicionamento político dos seus personaxes.

Dis nos agradecementos que che pediron un final feliz, e resultou un final aberto. Foi duro tomar esa decisión?
A novela ten o final que tiña que ter, porque se estou falando da actualidade, de cousas que están aí, tampouco vou dicir 'David saíu de prisión e Nadia atopou un traballo caralludo e é moi feliz co seu home', porque é absurdo. A realidade é que hai dous rapaces en prisión preventiva sen xuízo, a centos de quilómetros da súa casa, e van estar aí por moito tempo. E despois deles chegarán outros. Sería hipócrita poñer un final feliz, e ademais eu como lectora non creo nos finais felices. Despois, a inclusión do epílogo foi debida a unha cuestión persoal. Cando era pequena e lía novelas moi tráxicas, como Rebeldes, de Susan Hilton, dábame moita rabia que acabasen mal, e cada vez que acababa esa novela choraba moito, porque morría o protagonista, así que volvía lela e deixábaa no medio, cando aínda estaba vivo. Por iso no epílogo aparece unha escena na que Braulio aínda vive.

No derradeiro capítulo fas unha caste de tese da novela na que pareces dicir que todos os personaxes están movidos pola soidade. É para ti o tema do libro?
Cando o escribín érao, cando a acabei estaba convencida de que era o tema da novela. Eu téñolle pánico á soidade; esa soidade pode ter moitas formas: podes ter familia e parella e estar só. Cando a volvín ler agora, sorprendinme porque creo non trata da soidade, senón do amor.

Que se ve dende a porta? Cal é esa perspectiva da que fala o título?
O libro fai moi fincapé na perspectiva que ten cada un, como cada un se enfronta aos problemas. A min impactoume moito o que me dixo unha vez un preso, que a prisión 'dá perspectiva sobre a vida'. E o libro está cheo de portas, portas físicas, como as que David soña en atravesar para saír da cadea, e portas mentais, como as que Nadia ten que atravesar para seguir adiante coa súa vida.

Inclúes na novela uns versos do Sucede de Daniel Salgado: "Non pasarán e sempre pasaban/ pasaran tantas veces/ que xa ninguén dicía/ non pasarán". Como cres que nos inflúe esa perspectiva histórica, esa consciencia, ese realismo das derrotas que xa sufrimos? É un lastre? Ou axúdanos a actuar?
Eu creo que deberiamos ter aínda máis presente o pasado, porque o que vivimos agora é consecuencia diso, do que non fixemos e dos erros que debéramos asumir, por iso interesoume ligar o anos 76 coa actualidade. Pensamos na ditadura como un mal que sufriron os nosos pais ou os nosos avós e que non ten que ver con nós. Dáme rabia o xeito en que moita xente nova ignora todo iso, pero tamén me molesta o discurso de 'eu xa corrín diante dos grises'; hai unha xeración que como xa se manifestou co 'Cojo Mantecas' e vivimos en democracia, mira para outro lado.


4.87/5 (77 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Paco Macías, Patricia Janeiro e Mario Regueira, na presentación da novela, este martes
Paco Macías, Patricia Janeiro e Mario Regueira, na presentación da novela, este martes