Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Queixas na comunidade educativa

Pouco acadado e por riba "involución" na atención á lingua nas aulas

A intención de Educación de enviar unha circular ás escolas que inicia a erosión do decreto do galego, incomoda os equipos de normalización e os sindicatos do ensino.

A. Rodríguez - 19:00 29/04/2009
Cadriño de Xaquín Marín

Cadriño de Xaquín Marín

A decisión foi avanzada por dous xornais galegos na súa primeira plana esta cuarta feira: o Goberno "ordenaralle aos centros educativos que lles permitan aos seus alumnos elixir o idioma no que se dean as clases". Unha orde que, presuntamente, "partiu do presidente do Goberno", Alberte Núñez Feijoo, quen se dirixiu á Inspección Educativa, e materializarase, "de xeito inmediato" nunha circular que a Consellaría de Educación ha mandar a todos os colexios.Nesta noticia tamén se di que esta nova medida non vai constituír un "incumprimento do Decreto 124/2007" no ensino, xa que, segundo parece, a Xunta consultou con fontes xurídicas antes de tomar esta decisión.

Mais isto último non lle parece certo ao secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, quen sinalou que as instrucións da Xunta "non poden contradicir a Lei". "Non teñen marco legal para aplicar esta medida, porque en materia de normalización lingüística hai que ter en conta o Estatuto de Autonomía, a Lei de Normalización Lingüística e o Decreto 124/2007, por esta orde", lembrou Louzao. Alén disto, o sindicalista da CIG sinalou que, segundo puideron comprobar, na Inspección Educativa non teñen noticia desta "orde de Feijoo". Nesta liña tamén se manifestou o responsábel de Pública da Federación do Ensino de CCOO, Jose Fuentes Fariña e a voceira da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística, Valentina Formoso.

"Escoite os expertos en sociolingüística e tome as medidas que eles aconsellan para potenciar a nosa lingua", pídenlle ao presidente da Xunta desde o Sindicato de Traballadores do Ensino (STEG). "Todos os estudos sociolingüísticos están a recoñecer a falla de competencia lingüística en galego por parte do alumnado", reprochan desde este colectivo. Ironizan desde o STEG chamando a atención sobre o feito de que o mesmo argumento co que se quere obstaculizar o uso do galego nas aulas serviría para as aulas de inglés ou francés, onde no caso de que o profesorado decidise o uso oral destas linguas "o alumnado poderá invocar a liberdade de elección e mesmo a Constitución para non cumprir cunha medida fundamental para o aprendizaxe das linguas".

"Día tras día só oímos medidas contra o galego, e estas últimas afirmacións son sumamente graves"
Nesta liña, Louzao quixo sinalar que "dende o primeiro día", dende a "toma de posesión, e mesmo dende antes", o PPdeG vén comunicando unha "serie de medidas involucionistas para a nosa lingua ante as que, dixo, non van "ficar impasíbeis". "Imos facer todo o posíbel para que non haxa nin unha soa medida que supoña un paso atrás no que levamos conseguido neste tempo, nas loitas do profesorado e da sociedade".

Louzao sinalou que a central sindical ha ollar a posibilidade de que a circular chegue aos centros "dende unha perspectiva legal", e no caso de que a cousa vaia cara adiante, han "levar á Xunta de Persoal este tema, para facer fronte común todos os representantes dos traballadores, para chegar a un acordo conxunto que paralice as medidas involucionistas deste Goberno". "Agardamos que outras organizacións sindicais coincidan nisto, porque parece que para moitos esta non é unha cuestión de interese prioritario, pero agardamos que haxa un mínimo de receptividade", dixo Louzao, lembrando que "precisamos unha normativa que ampare o noso idioma, porque somos conscientes de que estas medidas do Goberno están creadas contra o futuro da lingua galega, para poñela en tea de xuízo como lingua de uso no ensino e na sociedade". "Os datos dos que dispoñemos falan dunha preocupante perda de falantes, o que tería que apurar o Goberno a activar medidas e mecanismos para que isto non se produza, non ao contrario: o certo é que en Galiza hai unha realidade diglósica na que a nosa lingua é a desfavorecida, tendo menos dereitos que o castelán, o idioma que historicamente foi imposto. Non podemos permitir que o galego se trate coma un idioma estranxeiro", concluíu Louzao.

"Están creando conflito onde non o había, e gobernando para unha minoría sectaria"
Segundo lle contou a Vieiros Jose Fuentes Fariña, responsábel de Pública da Federación do Ensino de CCOO, "a norma que hai, mentres non haxa outra, hai que cumprila". Nesta liña sinalou que lle parecía "esperpéntico" que sexa o propio Goberno o que faga un "chamamento para que non se cumpran as leis". "Somos conscientes de que son escravos das palabras que dixeron durante a campaña electoral para captar o apoio dunha minoría, pero facer o que se dixo en campaña non implica fomentar o incumprimento da lei", sinalou Fuentes Fariña.

"Se fomentamos que cada un faga o que lle dea a gana, podemos atoparnos con que os alumnos terminan a ESO sen as competencias curriculares precisas, sexa en galego, sexa en castelán, o que non os farían aptos para aprobar o curso", lembrou o sindicalista de CCOO, detallando que "non se lle poden poñer pedras no camiño ás competencias curriculares estabelecidas por lei".

Alén disto, outro feito que incomodou altamente a CCOO é que o Goberno tomase esta decisión unilateralmente, sen manter un "diálogo social". "Están a gobernar só para un sector minoritario e sectario, xa que a maior parte da poboación non está de acordo con esta medida". Nesta liña, sinalou que dende o seu sindicato tentaron contactar repetidas veces coa Consellaría de Educación, para contrastar as informacións aparecidas nos medios de comunicación, mais "non houbo resposta de ningún tipo".

"Esta medida lexitima a ilegalidade real comprobada nalgúns casos"
"Polo que lemos, parécenos que esta medida chama ao incumprimento do decreto do Galego, e parécenos que é inaudito que un Goberno apele a non cumprir a lexislación vixente, e ademais nun ámbito social tan delicado como é a educación", contoulle a Vieiros Valentina Formoso, voceira da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística. Facendo unha análise do publicado, Formoso sinalou, en primeiro lugar, "unha circular non pode ir en contra dunha norma estabelecida, senón que debe ser aclaratoria no relativo a esa norma"; en segundo, que "esta medida está feita sen consenso ningún, cando o propio Feijoo dixo na súa investidura que había gobernar para todos e a nós, por exemplo, ninguén nos chamou, sendo como somos parte implicada".

"Semella", dixo Valentina Formoso, "que os votos prestados dos que falaba o conselleiro de Educación hai ben pouco no mesmo xornal que publica esta información agora, pesan máis que o consenso". Formoso tamén quixo facer fincapé en que, con esta medida anunciada, o Goberno non vai poder "conseguir os obxectivos que marca a lexislación educativa vixente, a LOE", que sinala que nunha Comunidade onde haxa dúas linguas oficiais, o alumnado debe ser competente nas dúas: "un alumno que, por exemplo, teña lingua galega coma se fose unha lingua estranxeira, non vai ser competente, do mesmo xeito, en galego e en castelán, ademais de que nalgúns contextos, como os urbanos, aos alumnos failles falta máis espazos de uso para aprender galego". Finalmente a voceira da Coordinadora Galega de EDNL dixo que esta medida, de se cumprir, "ha lexitimar a ilegalidade real e probada, nalgúns casos, xa que nin o Decreto de 1995 nin o actual se están a cumprir en varios centros". Nesta liña Formoso sinalou que lle parece "surrealista" que se escolla a lingua das clases, dándolle esta "liberdade ao profesorado para que faga o que queira... Agora parece que imos poder escoller até se queremos dar sintaxe, ou literatura medieval", concluíu.


5/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Outro cadriño, este de Xosé Lois
Outro cadriño, este de Xosé Lois
Unha imaxe do Correlíngua
Unha imaxe do Correlíngua
Feijoo e os seus conselleiros no Consello da Xunta, desenvolvido a pasada semana
Feijoo e os seus conselleiros no Consello da Xunta, desenvolvido a pasada semana
Feijoo recibindo, a pasada sexta feira, o comisario europeo de Multilingüismo, Leonardo Orban
Feijoo recibindo, a pasada sexta feira, o comisario europeo de Multilingüismo, Leonardo Orban