Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
20 ANOS DE ZËNZAR

Cerceda, capital do rock

A banda celebra o seu cumpreanos presentando o seu álbum, 'A Tribu', canda a Machina e o seu novo disco 'Post-Bravú' e a Kastomä. Vídeos no interior.

Marcos S. Pérez (texto) / Isabel G. Couso (vídeo) - 14:30 30/04/2009

E van 16. Dezaseis edicións do Festival de Cerceda organizado pola Asociación Cultural Lucerna, que este ano vai servir para presentar en directo os novos discos de Zënzar e Machina, seguramente as dúas bandas máis representativas do rock de Cerceda, un dos lugares do país do que máis bandas saíron nas últimas décadas (Desertores do Arado, Nasser, Shangrila, Sensacha, Presencia Zero...), con Zënzar e o propio Festival de Cerceda como como columna vertebral, "moitos grupos nacían así, para tocar no Campo da Feira; 'podemos tocar o ano que vén?', preguntaban uns rapaces, 'se tedes un grupo, si', respondíanlles, e así era todo".

Cóntao Xosé Bocixa, cantante de Zënzar, que celebra o seu vinte aniversario presentando o seu novo álbum, A Tribu, unha referencia á comunidade de músicos e bandas que agromou neste tempo no concello, tocando e ensaiando xuntos, colaborando, formando novos grupos. Acababan os anos oitenta e xa había un importante ambiente de rock en Cerceda, con bandas como Desertores do Arado ou o Festival Rock de Meirama, semente para o Festival de Cerceda. Un grupo de rapaces comezou a tocar, co nome de Mördor e facendo versións do Jumpin' Jack Flash dos Rolling.

Despois chegou o cambio de nome, e os primeiros concertos (o Non Sei, o Picolino, a Discoteca Plató, o Badulake...), as primeiras maquetas: Contos e Lendas de Terra Adentro e Fascinados polo Prohibido, e en 1997 o primeiro LP, Disparados ó Futuro, rock contundente e letras en galego. Zënzar e bravú naceron ao tempo, guitarras eléctricas nas cortes e palleiros, pero cando a etiqueta musical esmoreceu, a banda continuou crecendo. O seu quinto álbum, despois de Todo Vai Ben (2001), Rocanrol (2002), Sigue e Dálle (2006) é A Tribu, cos mesmos principios que convertiron a Zënzar nun dos referentes do rock en galego, mais con sorpresas: un tema en barallete (Canendo Ruainas), un narcocorrido mexicano e un tema (A forza da palabra), no que colaboran Xurxo Souto, Vituco de Ruxe-Ruxe e Carlinhos Gende co seu Beatbox.

Pero non só Zënzar presenta disco. Tamén o fai Machina, co seu primeiro LP, titulado Post-bravú, un xogo de palabras que non renega do estilo, senón que fai moca das etiquetas musicais. O álbum, que se pode descargar de balde na Regueifa Plataforma, e que ao igual que o de Zënzar está editado con licencia Creative Commons, ofrece trece temas de hardcore, punk e metal, con colaboracións sorprendentes como a de Xabier Díaz.

O festival, que se celebrará no Campo da Feira de Cerceda o sábado 2 de maio a partir das nove da noite, complétano os Kastomä de Ordes. No espectáculo, presentado por Xurxo Souto e Sofía de Labañou, haberá sorpresas, como a participación de varios dos músicos que participaron na gravación dos discos de Zënzar e Machina.


4,79/5 (19 votos)


Comentarios (3)

Tarelo #1 30/Abril/2009 Tarelo
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Felicidades a Zënzar! Orgulloso de ser o primeiro en inaugurar os comentarios desta nova e a votación da mesma. Escoiteinosun par de Vecesen Redondela. Merqueilles un CD. Encantanme! "Dalle, Zënzar! Da lle! Canto tempo agardado, metidiños no buraco...!Por iso agora Dar lle!"

lute #2 30/Abril/2009 lute
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Parabéns a Zenzar, em particular a Bocixa e a Lucerna por abrir-lhe as portas da música aos moços; e por dar-nos a todos durante anos ao resto a oportunidade de disfrutar da NOSSA música máis fresca.

Se hai gente em Galiza de entrega desinteressada á promoçom da nossa cultura com umha pegada ireversível na dignificaçom do rock galego esses sodes vós.

Eternamente agradecido; e fodido, por nom poder ir ao meu festival favorito. Um vizinho.

P.D: Vieiros, poderiades anunciar estes concertos com máis antelaçom? Avissade antes ho!

arinspunk #3 2/Maio/2009 arinspunk
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Que grandes sodes caralho!

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Falamos con Zënzar

...e con Machina...

...e mesmo con Gende beatbox

Zënzar
Zënzar
Machina
Machina