Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Logo de abrir a vía ao completo

Santiago-Lalín... Ourense: a peaxe máis cara pendente de resolver

Durante a pasada lexislatura o PP propuxo ampliar e redistribuír a taxa actual en todo o trazado, agora cavilan unha redución con bonos no treito inicial.

R. Noguerol - 08:00 04/05/2009
Imaxe aérea da AP53

Imaxe aérea da AP53

Comparativamente a autoestrada Santiago-Lalín (AP-53) vén sendo desde a finalización dese primeiro treito a vía máis cara a nivel estatal. De feito, e malia a polémica que rodea o trazado desde hai tempo, 2009 chegaba cun incremento do 5% no seu custo. Deste xeito, cada vehículo que complete nunha ou outra dirección os escasos 40 km entre as dúas localidades ten que aboar desde comezos deste ano un total de 5,15 euros.

O anterior Goberno salientou o caso da autovía Lalín-Santiago como exemplo da viraxe estratéxica na Xunta. Así, os socialistas censuraban que o PP facilitase no seu momento a construción dunha autoestrada de peaxe no canto de optar por unha autovía libre de cargas para os usuarios. Nesa liña, o anterior presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, repetiu en diversas ocasións a idea do treito Dozón-Ourense sen peaxe como aposta polo impulso ao "reequilibrio territorial" entre a Galiza costeira coa interior.

A recente finalización do trazado completo entre Ourense e Santiago, co último treito, AG-53, aberto ao tráfico o pasado 25 de abril, non trouxo de momento novidades ao respecto do futuro que a actual Xunta cavila para esta viaxe.

Rifa política pola liberación de peaxe até Ourense
Desde as formacións políticas exprésanse visións contrapostas. "Houbo unha utilización política na liberación do segundo treito", opina Román Rodríguez, concelleiro de Urbanismo en Lalín e desde hai poucas semanas tamén deputado no Parlamento. Admite Rodríguez o carácter "positivo" da posibilidade de circular entre o Deza e Ourense sen pagar peaxe neste segundo treito, pero considera que se trata da explicitación dunha "política bananeira" practicada polo PSOE a nivel estatal. Na súa opinión, o goberno español veu suprimindo as peaxes "sen criterio" e fundamentalmente en Cataluña e Andalucía. "Onde lles interesaba e con certo revanchismo como neste caso, onde se mantén o elevadísimo custo entre Santiago e Lalín", reprocha.

Da outra beira, o voceiro parlamentario do PSdeG en materia de Obras Públicas, Pablo López Vidal, recorda que "é o PP o que crea o problema". Lembra o deputado socialista que "a herdanza envelenada de Manuel Fraga e Álvarez Cascos" inclúe o paradoxo de que o PP pretenda agora que os cidadáns paguen "até tres veces" os erros daquelas administracións. Refírese López Vidal ao feito de que a Xunta achegase naquel momento unha importante inxección económica, 60 millóns de euros, para unha vía que debera ter pagado integramente o ministerio que lideraba Cascos e que por riba lle impuxeran unha peaxe e deixase amarrada a concesión para décadas. "E agora queren que Galiza volva pagar", ironiza.

Ideas na mesa: bonos para o primeiro treito ou peaxe menor pero para todo o trazado
Durante a pasada lexislatura, o PP daquela na oposición levou ao Parlamento a proposta de redistribuír a taxa actual do treito Santiago-Lalín ao trazado completo Santiago-Ourense. A iniciativa non pasou a peneira da maioría de 38 deputados que nese momento tiñan socialistas e nacionalistas. "Foi un capricho do alcalde de Lalín, que naquel momento mandaba moito no partido", avalía o socialista López Vidal. Pola súa banda, o popular Román Rodríguez defende a validez daquel proxecto, malia destacar que non necesariamente tería que ser a solución a aplicar até o de agora. Consultados ao respecto, na Consellaría de Medio Ambiente e Infraestruturas non achegan luz de momento sobre os plans para a vía.

Nese sentido, Rodríguez, representante do PPdeG na comisión parlamentaria de Obras Públicas, remite a posíbel estratexia de Goberno á última promesa realizada polo propio Alberto Núñez Feijoo durante a última campaña electoral. En mitin na propia vila de Lalín, Feijoo comprometeuse a impulsar unha rebaixa de até o 50% do prezo que os veciños pagan por viaxar deica Santiago. Na práctica, explica Rodríguez, introduciríanse bonos para os usuarios habituais, con reducións progresivas en función do número de viaxes. Desde os asentos da oposición, o ourensán Pablo López Vidal é pesimista ao respecto dos proxectos para este trazado que poida ter o actual Goberno e recorda que o bipartito "tivo que levantar casetas para a peaxe xa colocadas" no treito até Cea, inaugurado no seu momento por Pérez Touriño. "Deberían comezar por recoñecer que cometeron un erro grave e dicirlles a verdade aos cidadáns", recoméndalle López Vidal aos populares.


1.2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: