Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
XUSTO BERAMENDI, CATEDRÁTICO DA USC

"A cuestión é se era necesario enterrar o PG para facer o labor de galeguización que levou a cabo Piñeiro"

O historiador repasa para Vieiros a estratexia política realizada por Piñeiro dende os anos 50 e a súa vixencia na actualidade.

Marcos S. Pérez (texto) / Isabel G. Couso (vídeo) - 14:30 11/05/2009

Iniciamos con esta a publicación dunha serie de entrevistas con distintos investigadores e representantes da sociedade galega sobre a figura de Ramón Piñeiro e a pegada que deixou na política e na cultura do noso país. Formarán parte dun completo especial que Vieiros publlicará antes da fin de semana para celebrar o Día das Letras.

A estratexia de Piñeiro nos anos 50

"Non ten sentido atacar a Piñeiro polo que se fixo ou non se fixo no ano 50; daquela, francamente, non se podía facer máis. E o que se fixo tivo o efecto positivo de polo menos darlle unha vía de continuidade ao ideario, aínda que fose algo deturpado, do nacionalismo de preguerra. E socializaron ese nacionalismo a un pequeno grupo de mozos, que aínda que fose moi pequeno protagonizaron o rexurdir dese nacionalismo".

...E na Transición
"O que é máis discutíbel é a actitude de Piñeiro a partir dos anos sesenta, sobre todo na Transición. A xustificación que había nos anos cincuenta para a inhibición da acción política deixou de existir a mediados dos anos sesenta; boa proba diso é que Piñeiro promove un partido socialdemócrata (o PSG) e intenta promover outro, democristián, que non calla. Iso indica que el cambiou radicalmente de pensamento e empeza a actuar en función dunha ideoloxía elaborada por el, que é o galeguismo non nacionalista, que nega as bondades do nacionalismo. A partir de aí Piñeiro convértese nunha figura polémica, porque entra no xogo político do lado no que non estaba. El, que foi dos que máis contribuíu á supervivencia do nacionalismo en momentos moi duros, despois convértese nun axente que facilita o labor político dos rivais do nacionalismo. Iso explica a hostilidade do nacionalismo novo contra Piñeiro, e a recíproca".

Era necesario liquidar o Partido Galeguista?
"Houbo en partidos de ámbito estatal unha asunción da necesidade de preservar e defender a lingua que antes da guerra non existía, houbo unha galeguización parcial de AP, UCD e dos socialistas. A cuestión é se era necesario enterrar o Partido Galeguista para facer ese labor de galeguización. Se facemos un estudo comparado con Cataluña e co País Vasco, cando un nacionalismo cobra forza, os seus competidores sempre acaban procurando apropiarse dalgunhas das reivindicacións dese nacionalismo para competir mellor con el. Isto empeza a insinuarse a finais da Segunda República. Isto reagromou no tardofranquismo, de maneira que sen que houbese ningún Piñeiro, hai unha asunción do catalanismo e do vasquismo por forzas políticas non nacionalistas. É posíbel que sen sacrificar o PG, o Partido Socialista e a UCD asumisen ese galeguismo para competir mellor co nacionalismo".

A deriva do PP supón un ataque directo ás teses de Piñeiro?
"O PP está sometendo a unha revisión negativa o legado de Piñeiro, que contribuíu a crear un mínimo común denominador respecto da lingua. Amosa os primeiros indicios e non sabemos onde chegará. Ese discurso do PP en Galicia, que introduciu Fraga con intelixencia para poder fagocitar o espazo electoral do nacionalismo de centro, e que foi moi monolítico, está quebrado. E o españolismo en Galicia, que sempre estivo moi á defensiva, saíu no tempo de Aznar da latencia na que estaba e empezou a actuar, e por cálculos electorais inmediatos foi incorporada polo PPdeG por primeira vez. Que Feijoo vaia facer honor a eses compromisos que adquiriu co españolismo, está aínda por ver. Veremos se dilapida o legado de Piñeiro, ou se esa españolización foi unha finta para evitar que UpyD, que é o partido nacionalista español quimicamente puro, lle puidese arrebatar un número importante de votos".


4.47/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: