Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
NOVO DISCO: 'A GRANDE EVASIÓN'

Ataque Escampe: Viaxe de Ida e Volta

Despois da polémica e o éxito de 'Galicia es una mierda', marchan de viaxe, evádense cun segundo LP sen nomes propios nin países.

Marcos S. Pérez (texto) / Isabel G. Couso (vídeo) - 16:23 17/05/2009

Unha evasión? Si, queres vir?, Steve McQueen dálles o pé a Ataque Escampe para iniciar a escapada. Galicia es una mierda era un disco comprometido, moi ligado a nomes e lugares, ao redor da cuestión nacional e do barrio de Vista Alegre. Pero chegou o cansazo: 'hai un pirata que xa non pode máis', din no tema que abre o álbum; en boa medida recoñecemos a sensación en toda unha xeración que viu defraudadas as promesas de rexeneración do país e de cambio real ('os proxectos de lei do revés', 'os piñeiros e o luar outra vez', cantaban no disco anterior). A evasión, din, "refírese á evasión física, a saír de viaxe, a ver cousas novas. Queríamos ver se eramos capaces de facer un disco non que non mencionásemos a Galicia. O disco é máis ou menos lineal: comeza como unha evasión do cárcere e vai viaxando por distintas situacións, e ao final acaba regresando á prisión".

Un regreso xusto a tempo: "A situación política de agora non é un factor alleo á interpretación que se lle poida dar a ese regreso", anticipan: "Este álbum é coma unha antítese do anterior, que necesitará unha resolución da contradición nun terceiro disco". Despois do 1 de marzo a frase de Galicia es una Mierda reactualizouse e "cobrou un sentido se cadra máis propio", din, "en todo caso se antes as cousas non estaban como todos quixéramos, agora en principio están peor, pero creo que se está creando unha especie de fronte antifascista que vai dar moito que falar e que vai unir á resistencia galega nestes catro anos e que nos vai facer máis fortes".

En canto á polémica que se xerou co título de Galicia es una Mierda, aseguran que "eramos conscientes do que podía provocar o título, e en xeral estamos bastante contentos da aceptación, sobre todo porque se captou a compoñente crítica e tamén a compoñente irónica. E sobre todo gustounos que foi interpretado dunha forma cómplice pola xente que está na onda da conciencia de Galicia como construción nacional antiesencialista. En cambio a xente que ten algúns prexuízos fomentado a partir do autoodio, pois non o entenderon; vese ben claro en medios como La Voz de Galicia ou Faro de Vigo, que reaccionaron moi mal nas críticas que nos fixeron, ou o propio El Corte Inglés, que non deixou que se vendese o disco".

Alcatraz

O futuro da navegación (Non se trata da versión definitiva, aínda pendente de masterizar)

Un novo rexistro musical e nas letras
Ataque Escampe muda, leva anos facéndoo. Muda de formación, coa incorporación de Lois, que se ocupa dos teclados, e que substitúe o acordeón de Francesc, de regreso aos Países Cataláns. Cambian tamén, xaquelogo, os instrumentos, cun meirande peso para o banjo e a guitarra eléctrica, a incorporación dunha batería electrónica e un peso moito menor do caixón flamenco e do kazoo. "Sempre que se trata de facer produtos creativos, é importante non repetirse. A aceptación que tivo o disco anterior igual podía movernos a seguir facendo o mesmo; nós precisamente quixemos facer o contrario".

'Ultimamente penso que nos collemos dos garfios/ que nos deixamos levar e o mar fai o seu traballo/ O tiburón é un animal ao que todo lle dá igual/ Estamos no mundo para acabar no ventre do animal/ Por que non falar de amor?'. Temas máis intimistas e canción máis lentas, acaídas para os malditos domingos pola tarde. "Ao tratarse dun disco narrativo, convén escoitalo todo seguido e convén escoitalo relaxadamente, deixarse levar pola evocación e a suxestión musical, e se cadra darlle unha segunda oportunidade. Creo que é o mellor disco que levamos gravado", explican.

"A respecto dos textos, nós temos a virtude ou o defecto de ser a maioría filólogos, e o xermolo do grupo naceu da facultade de Filoloxía. Estabamos obsesionados coa poesía galega. Iso é o que nos move a facer uns textos currados, complexos, esixentes. Nós cada vez dámoslle máis importancia á música, intentámolo, esperemos que se note". A grande evasión ten máis instrumentos, máis música, unha produción profesional (responsabilidade de Marcos Payno), un disco máis completo e barroco, máis redondo.

O disco poderase descargar de balde na Regueifa Plataforma nuns días e terá unha versión física nas primeiras semanas de xuño. Será o momento de valorar un disco luminoso, emocionante e sutil, maduro e orixinal. No seu derradeiro corte, unha voz marca o regreso da viaxe de ida e volta: 'Este foi o meu planeta/ tan cheo de bolboretas/ que non hai sitio para a xente/ Fóra vai moita calor/ e eu onde mellor estou/ é no meu lugar de sempre (...) A min as viaxes fanme vomitar/ e na casa cómese moito mellor/ Alcatraz, aquí estou de regreso da grande evasión'. Continuará.


4.82/5 (84 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: