Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ACTOS CENTRAS DO DÍA DAS LETRAS

...E Piñeiro regresou a Láncara

A localidade lucense acolleu o acto institucional do 17 de maio, convocado pola Real Academia, ao que asistiu o presidente da Xunta. Le aquí o especial Letras 09 de Vieiros.

Redacción - 17:24 17/05/2009

Os actos contaron cunha presenza institucional moi importante, e así, por exemplo, no salón de plenos do concello de Láncara, asinaron o Libro de Ouro o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a presidenta do Parlamento galego, Pilar Rojo, o presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro, e o delegado do Goberno, Antón Louro, en presenza do alcalde, Darío Fernández.Tras destacar o labor político e cultural de Piñeiro, Feijóo apelou no seu discurso ao "recoñecemento de todos os galegos ao galeguismo cordial". A seguir, toda a comitiva institucional e cultural desprazouse ao edificio multifuncional do concello, onde a Real Academia Galega celebrou unha asemblea extraordinaria. Interviron Ramón Villares, Víctor Freixanes e Andrés Torres Queiruga, pechando o acto o presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro.

Ramón, 'o do Baixo'
A familia paterna de Ramón Piñeiro, era coñecida en Láncara como "Os de Baixo", ou a caste da "Casa de Baixo", e ese alcume pasou ao intelectual e aos seus irmáns, aínda que nunca viviron naquela casa, unha boa construción que erguera o seu tataravó grazas a unha arqueta de moedas de ouro que atopara no prado. Conta Piñeiro no primeiro capítulo das súas memorias que "o apelativo tiña unha connotación especial, porque era crenza común que os membros desa familia eramos todos raros, atoldados. A opinión colectiva dos veciños apúñanos a todos, como patrimonio xenético, o sermos intelixentes e tolos".

No devandito primeiro capítulo do seu libro de memorias, Piñeiro escribe sobre o seu ingreso na escola que "Deica entón, deica os seis anos, a miña lingua única fóra a galega, así que o choque máis importante que me produciu a escola foi o cambio de lingua. O escolante, que era de Lugo, falaba en castelán dentro e fóra da escola (...) Non facía a menor concesión. Falaba en castelán coa intransixente firmeza de quen cumpre un alto e sagrado deber (...) Como a miña expresión espontánea e habitual se manifestaba en galego -o galego era o meu idioma-, o súpeto e ríxido cambio de lingua producía en min un sentimento de distancia psicolóxica (...) A utilización ríxida dunha lingua distinta da nosa, dunha lingua que excluía á nosa, dáballe (ao escolante) unha autoridade extraña, unha autoridade que non era natural, unha autoridade que tiña un significado negativo, xa que en lugar de establecer a superioridade persoal do mestre trataba de establecer a nosa inferioridade colectiva. E non só a nosa inferioridade en canto escolares senón a inferioridade nosa en canto galegofalantes. Mais esa inferioridade englobaba tamén os nosos pais, os nosos irmáns e familiares, os nosos veciños, a todo o que era o noso mundo propio".


2.5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: