Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN OUTEIRO DE REI

Un grupo de cooperativas confirma o seu interese en adquirir a planta de Pascual

Mentres, o comité de empresa da fábrica pediu ao subdelegado do goberno en Lugo que faga un seguimento das negociacións.

Redacción - 17:30 19/05/2009

O futuro da planta que o Grupo Leite Pascual ten no concello de Outeiro de Rei (Lugo) está no aire. Mentres se define a situación na que quedarán os 155 traballadores afectados polo expediente de regulación de emprego (ERE) exposto pola patronal sobre a totalidade do persoal, os movementos no sector para facerse coa factoría xa comezaron a notarse.

De momento, non é máis que un ruxe-ruxe, mais semella que un grupo de cooperativas galegas xa están a amosar o seu interese en adquirir a planta. A única confirmación até o de agora é a de Cooperativas Lácteas de Galiza (COLAGA), quen xa adiantou que, malia que non se deron pasos definitivos, a posibilidade de mercar a factoría é unha opción que está en estudo. Con todo, o seu presidente, Xabier Taboada, asegura que para que unha suposta operación de compra deste tipo tivera éxito, deberían comprometerse cooperativas de solvencia no país, e cita a Feiraco, Melisanto ou Arzuana. Con todo, diferentes voces apuntan a outras como a cooperativa Icos (Chantada) e os Irmandiños (Ribadeo). Finalmente, tamén hai voces que apuntan o posíbel interese de entidades de fora de Galiza, como Mercadona e Covap, que adicarían a planta galega a envasar leite da marca Hacendado.

Futuro laboral
Malia estas hipóteses de futuro, o presente fala dunha incerta situación laboral dos 155 traballadores afectados polo ERE, e que nada ten que ver, de momento, cos futuros propietarios da empresa. Até o de agora, os membros do comité de empresa reuníronse co subdelegado do goberno en Lugo, Xosé Vázquez Portomeñe, quen se comprometeu a realizar un seguimento das negociacións e a manter informados aos representantes dos traballadores sobre a evolución deste expediente. Na mesma liña, os traballadores recadaron apoios entre os partidos políticos, organizacións sociais e institucións públicas da provincia de Lugo.

O vindeiro venres, reuniranse coa patronal en Benavente (Zamora) para iniciar as negociacións. Será a primeira xuntanza entre a compañía e os traballadores dende que, a comezos de mes, recibiran a notificación por parte da empresa do inicio deste expediente.


4.83/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: