Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O próximo 5 de xuño

Tesouros Vivos para o 15 aniversario de Ponte nas Ondas

A realización en directo dunha revista oral será centro das actividades nesta edición do evento que une escolas de Galiza e Portugal.

Redacción - 12:00 20/05/2009
Cartaz da edición de Ponte nas Ondas do ano pasado

Cartaz da edición de Ponte nas Ondas do ano pasado

O colectivo pedagóxico Ponte nas Ondas fai balance da vizosa traxectoria acumulada e prepara novos proxectos de posta en valor do patrimonio cultural galego-portugués. Unha vez máis, escolas de Galiza e Portugal únense para unha programación especial que, este ano, vaise emitir o próximo venres 5 de xuño entre as 10 da mañá e as 14h, e que poderá seguirse en directo por televisión a través de internet.

De xeito especial, para este 15 aniversario preparouse a bautizada Revista Oral dos Tesouros Vivos (que será ademais a VII Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa) e á que se poderá asistir desde o Museo Verbum de Vigo a partir das 21h do venres 5 de xuño. Trátase dun proxecto adicado a destacar e homenaxear aquelas persoas e grupos que posúen un saber ou unha habilidade relacionada con calquera disciplina de coñecemento e da cultura. "Persoas portadoras que manteñen e transmiten as diversas expresións do patrimonio inmaterial pois o futuro da comunidade precisa de persoas que transmitan saberes e destrezas aprendidas das xeracións anteriores", subliñan.

"Preténdese recoñecer publicamente o mérito das persoas que atesouran eses saberes e ao tempo propiciar o arquivo e o estudo do recompilado, sensibilizar á sociedade actual sobre a importancia deses saberes e aproveitarnos das novas tecnoloxías para unha maior difusión e recoñecemento deste patrimonio", expoñen desde Ponte nas Ondas.

Será hora e media de festa e participarán entre outros: Elba Requeijo, de Abadín, recitadora e narradora de contos; Manuela de Barro, de Cerdedo, voz portentosa da copla e do cancioneiro; popular tradicional. José Cortizo, de Cerdedo, poeta popular e cantor; cantadeiras de Gargamala (Mondariz), mulleres que conservan na súa memoria os cantos de labor. Tamén as mulleres da raia e Diana Gonçalves (protagonistas e directora do premiado documental). Xavier Blanco, de Moaña, músico de raíz, recuperador dos chamados "instrumentos pobres". Grupo Abertal, A Rúa, grupo de baile e música tradicional que leva 25 anos de andadura baixo a dirección de Manuel Durán. Pancho Álvarez, de Tui, músico, recreador de sons á maneira tradicional coma os do mítico Florencio, o cego da Fontaneira.

Ademais, Pancho presentará temas do seu último traballo Sólidos galicianos. Salientan desde o colectivo que neste traballo dise: "Os romanos crían que ao cruzar as augas do río Limia esquecerían o seu pasado. Este río chega ata Portugal, país co que compartimos un pasado que ás veces, uns e outros tamén esquecemos".


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Amelia Muge, Joao Afonso e José Barros envíannos polas ondas un cantar de amigo