Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Iñaki Irazabalbeitia, candidato de Aralar

"Aralar non acepta que ningunha organización armada lle diga o que ten que facer"

O representante desta forza de esquerda abertzale considera que Euskal Herria e o resto de nacións sen Estado europeas teñen que traballar en Bruxelas pola autodeterminación.

Fernando Arrizado - 18:15 20/05/2009
Iñaki Irazabalbeitia

Iñaki Irazabalbeitia

Iñaki Irazabalbeitia (1957, Donosti) é xerente de Eleka, empresa de enxeñaría lingüística especializada en traducións automáticas -colaboradora entre outras da galega Imaxin- e creadora do buscador éuscaro Elebila. Encabezou nas últimas eleccións xerais a lista de Aralar por Guipuzkoa. É candidato ao Parlamento Europeo pola formación da esquerda abertzale Aralar, integrada na coalición Europa dos Pobos-Os Verdes, e que en Euskal Herria se presenta como Independentistak eta ezkertiarrak.

Vieiros: Europa das Nacións fronte á Europa dos Estados?
Iñaki Irazabalbeitia: Europa non se está a construír dende o punto de vista dos pobos ou das identidades culturais e lingüísticas, senón dende o punto de vista dos Estados, tal e como estaban definidos a mediados do S.XX. Houbo cambios en Iugoslavia ou Checoslovaquia; Lituania e Estonia recuperaron a independencia. Para un pobo como o galego ou o vasco, ter un Estado propio en Europa sería poder ter trato directo coas institucións da UE, participar con todas as consecuencias en todas as decisións. Por exemplo, o Goberno entre comiñas da UE, a chamada Comisión Europea, noméano os estados, e o seu presidente tamén. Por certo, hai que denunciar que Rodríguez Zapatero como presidente do goberno español apoia a elección de Durão Barroso, representante xenuíno do pensamento económico neoliberal que nos levou á actual crise económica.

Por certo, estes días está de actualidade a impugnación por parte do Estado da candidatura de Iniciativa Internacionalista por ser "sospeitosa de ser afín a Batasuna", formación vasca tamén ilegalizada. Como valora as políticas do goberno español ao respecto?

Hai unha clara intención de facer desaparecer a discrepancia política, amparándose nunhas razóns que son o tema da violencia política e dos que eles chaman o terrorismo. Evidentemente non só se están aplicando a Lei de Partidos nun sentido moi estrito. Nós denunciamos esta lei como profundamente antidemocrática e feita ad hoc para ilegalizar o mundo de Batasuna. Chega até o punto que se unha persoa formou parte dunha lista ilegalizada, esa lista tamén se ilegalice. É unha especie de paranoia. Hai que denunciar a manipulación que o goberno español fai da Xustiza para alcanzar os seus obxectivos. As propias eleccións vascas son un exemplo. O número de votos nulos foron uns 100 mil o que suporía sete representantes do mundo de Batasuna no Parlamento vasco, co cal a Patxi López xa non lle darían os números para ser lehendakari..

Pensa que pode afectar no mesmo sentido nestas eleccións europeas?
Non tanto porque neste momento o apoio non é o que tiñan hai 20 anos, cando Txema Montero foi parlamentario por Herri Batasuta (HB) en Europa. A situación non é a mesma nin no número de apoios sociais, nin no número de votos; nin no conxunto de Euskal Herria, nin no conxunto do Estado. Se mal non recordo, nesas eleccións HB logrou case 400 mil votos e unha parte importante fóra de Euskal Herria. Pode afectar un pouco a nivel de Euskal Herria, mais non a nivel do conxunto do Estado, porque eses votos teñen moi difícil conseguir un escano.

Aralar ten unha longa tradición de participar nos procesos electorais coaligado con outras formacións ...
Sempre buscamos sumar. Pensamos que en política hai que unir forzas e desgraciadamente moitas veces na esquerda imos máis a dividir. En troques, á dereita dáselle moi ben iso de sumar. Isto facémolo co espírito xuntar forzas cun obxectivo común, aínda que sabemos que moitas veces non estamos ao 100% de acordo cos obxectivos finais. Nas últimas municipais fomos coaligados con Esker Batua (Esquerda Unida), que aínda que non sexa independentista, a nosas coincidencia a nivel local, de esquerdas, é practicamente total. En canto a aparición de Europa dos Pobos-Os Verdes, pensamos que xa era hora de que a maioría dos partidos de esquerda nacionalista do Estado se xuntase nun proxecto común, co valor engadido de incluír a parte máis importante do movemento ecoloxista organizado do Estado.

Neste mundo globalizado hai quen segue sen ver compatíbel ser nacionalista e de esquerdas ...

Eu creo que o señor Rodríguez Zapatero considérase de esquerdas e é un nacionalista español como un mundo. Gordon Brown, o primeiro ministro do goberno de Gran Bretaña que se di de esquerdas, renuncia a ser inglés? É que os nacionalistas só somos uns, os que non queremos as nacionalidades que nos foron impostas. Como quedou claro o mércores en Mestalla coa pitada coa que se recibiu o himno español.

Como son as relacións entre as diferentes formacións nacionalistas de Euskal Herria?
Nós mantivemos e intentamos manter relacións fluídas. Evidentemente con Batasuna temos as nosas dificultades. Porque nos ven, entre comiñas, como un inimigo. Unha forza que ten as mesmas ideas dende o punto de vista social e nacional mais que discrepan fundamentalmente no método. Aralar aposta fundamentalmente pola vía civil e política, e Aralar non acepta que ningunha organización armada lle poida dicir o que ten ou non ten que facer. Con Eusko Alkartasuna (EA), que se define como unha forza socialdemócrata, a relación ten as súas voltas. E co PNV, ao contrario, temos unha relación bastante fluída. Quizais porque ocupamos espazos políticos diferentes e cos outros, non, como con EB, que aínda que non é nacionalista, é autodeterminista.

E con PP e PSOE?
Co PP non mantemos relacións formais e co PSOE, as relacións de cortesía normais entre forzas políticas diferentes.

Ao respecto da cuestión lingüística, pensa que o cambio de goberno na Comunidade Autónoma Vasca pode afectar o proceso de normalización do éuscaro?
A miña impresión é que de cara ao exterior non farán movementos que poidan causar alarma social. Mais no que realmente importa, que é o traballo do día a día, nos temas de normalización lingüística, no tema dos perfís lingüísticos dos funcionarios, nestes temas si que pode haber un retroceso importante. E do que estou practicamente seguro é de que non vai avanzar, que a etapa de Goberno de Patxi López será de impass, o cal é unha desgraza porque nos últimos catro anos déronse pasos moi importantes dentro da Comunidade Autónoma Vasca, tanto a nivel de impulso de políticas como a nivel legal de decretos e de estruturas de apoio para a normalización.

Supoño que declaracións como as de Mayor Oreja, nas que manifestaba orgullo por que o seu bisavó non deixaba falar o éuscaro na casa, non axudan ...

Son un claro exemplo de cal é a mentalidade e o pensamento do PP, que entronca directamente con aquelo que dixo o xeneral franquista Millán Astray: "Morra a intelixencia". Astray a iso engadiulle o de "Viva a morte" e "Cando escoito a palabra cultura saco o revólver". Eu preguntaríalle ao señor Mayor Oreja se tamén está de acordo coa segunda parte desa famosa frase.

E cal é a situación do éuscaro en Nafarroa e no Iparralde?
No Iparralde está en regresión. Hai 40 ou 50 anos que se rompeu a transmisión xeracional e entre os máis novos practicamente non máis do 15% son quen de falar en éuscaro. Estase a facer un grande esforzo de recuperación a través das ikastolas de Seaska (Federación de Ikastolas do Iparralde) e tamén a través das escolas públicas bilingües onde realmente se ve que os pais queren educar os seus fillos nunha educación bilingüe en éuscaro e en francés, o cal pode axudar a parar ese proceso de perda da lingua.

En Nafarroa a situación é diferente, porque a pesar da política de xenocidio lingüístico que está desenvolvendo o goberno de UPN -co apoio do Partido Socialista navarro-, con bloqueo de axudas, etc, a sociedade navarra si que amosa unha vontade ineludíbel de recuperación da lingua. O número de alumnos que se matricula nos modelos lingüísticos con éuscaro medra todos os anos, e logrouse parar os procesos de regresión da lingua, recuperándose o numero de falantes e a transmisión da lingua dunha xeración á outra.

Voltando a Europa, que relevancia ten a UE no proceso de construción nacional das nacións sen Estado de seu?

O recoñecemento do dereito a decidir está en Bruxelas. É importante para que conciencie Europa de que hai un problema sen resolver que é o das nacións sen Estado e que un mecanismo para que iso se resolva é contactar cos escoceses, cos galeses, cos corsos, cos frisóns, para que entre todos poidamos estabelecer o dereito a decidir das nacións e dos pobos. É un dereito que se pode exercer e que se vai exercer. O que pasa é que hai que traballar en Europa non serve só traballar na nosa casa.

Está Euskadi mellor preparada que outras nacións de Europa para afrontar a crise?
Eu creo que unha das cousas que lle hai que recoñecer ao goberno de Ibarretxe foi preparar a sociedade vasca para pasar unha época de crise, conseguir un peto co que poder afrontar toda esta época de crise con recursos económicos de abondo para investir onde o hai que facer para activar a economía. Logo outra cousa é que as propostas que se fixeron dende o goberno de Ibarretxe para activar a economía non difiren moito das que fixeron outros gobernantes do mundo e que non son políticas de cambio. As tarefas fixéronse ben, e quizais o País Vasco saia antes da crise porque se crearon as estruturas necesarias, que hai que recoñecer, cousa que noutros sitios como no Estado e en CCAA controladas polo PSOE desgraciadamente non se fixo.


4.75/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: