Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Máis de 2.500 reclamacións

Medran as queixas ao Valedor

A supresión da tarifa nocturna, os atrasos nas compensacións da Lei de Dependencia e as listas de espera sanitarias foron as protagonistas de 2008.

Redacción - 17:45 26/05/2009

As queixas presentadas pola cidadanía perante o Valedor do Pobo aumentaron en 2008 con respecto ao ano anterior. O informe anual ordinario, presentado este martes, recolle 2.558 queixas, 300 máis ca en 2007. Benigno López fíxolle entrega do documento á presidenta do Parlamento, Pilar Rojo.

A área que acaparou máis reclamacións foi a de administración económica, comunicacións e novas tecnoloxías, co 13% do total. Porén, segundo López, ese posto é "máis ben simbólico", por coincidir con dúas iniciativas masivas: a de veciños de Carnota contra o canon do servizo da auga e a dun cento de escritos contra a emisión de touradas en TVE.

Seguíronlle industria, comercio e turismo, co 11,3%, que correspondeu maioritariamente con reclamacións pola supresión da tarifa eléctrica nocturna. Seguíronlle emprego e interior (11,1%) e sanidade (8,6%).

A principal novidade foi a área de Servizos Sociais. Aínda que as reclamacións deste grupo apenas chegan ao catro por cento, o Valedor do Pobo destacou que máis de 50 queixas estiveron relacionadas coa Lei de Dependencia. Segundo López, "puido evidenciar que a administración demora, en non poucos casos, a resolución dos expedientes ou a execución da prestación", o que reflicte o grao de desgusto da cidadanía. "É obriga deste Valedor exixir como solución unha tramitación máis dilixente dos expedientes", asegurou.

En 1.301 casos, o Valedor pediu informe a diferentes departamentos do Goberno, dos concellos, das deputacións e das universidades. A Xunta aglutinou 729 dos casos, seguida dos concellos, con 551 expedientes. A consellaría que foi alvo de máis queixas foi a de Sanidade, seguida da de Educación, a ampla distancia dos demais departamentos. As listas de espera foron as máis criticadas, con 46 reclamacións.

Análise sociolóxica
As queixas foron, maioritariamente, a título individual e máis redactadas por homes (60%) ca mulleres e máis no medio urbano (87%) ca rural. Pouco máis de 200 das peticións procederon de fóra do país.

No ano 2008, Benigno López non tivo que formular ningunha declaración de hostilidade, aínda que lles enviou advertencias á Consellaría de Educación e á de Industria, en dúas ocasións a cada unha, e mais á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e á Consellaría de Política Territorial. O concello máis apercibido foi o de Vigo (seis veces), seguido do de Boiro (tres). Unha vez foron avisados os de Abegondo, Cabana de Bergantiños, Carballo, Oroso, Ribeira, Cospeito, Arbo, Cangas, Ponteareas, Pontevedra, Tui e A Illa.


2.33/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: