Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CICLO DE MÚSICA DE CÁMARA DE OURENSE

Que teñen de malo as batutas?

O xoves 4 o concerto dos cuartetos Ardeo e Quiroga no Paraninfo do IES Otero Pedrayo pechará a tempada.

Redacción - 13:40 03/06/2009

O Ciclo de Música de Cámara Sen Batuta remata a actual tempada coa celebración do concerto dos Cuartetos Ardeo e Quiroga, que terá lugar o xoves 4 de xuño, a partir das 20:30h no Paraninfo do Instituto Otero Pedrayo de Ourense.

O Cuarteto Ardeo naceu no Conservatorio Nacional Superior de Música e Danza de París, no ano 2001 e foi moi pronto recoñecido pola crítica como unha das máis sobresaíntes agrupacións novas francesas. Actuou desde entón en diferentes festivais en España, Francia, Finlandia, e mesmo en Moscova. O Cuarteto Quiroga naceu coa vontade de render homenaxe á figura do gran violinista pontevedrés Manuel Quiroga e desde entón leva actuando en diferentes salas e festivais por todo o mundo e ten a súa residencia na Fundación Museo Cerralbo de Madrid.

Sen Batuta é un ciclo de música de cámara que se celebra en Ourense desde o pasado mes de setembro, incluíndo tamén unha programación didáctica, dirixida aos centros de ensino. Máis de 300 alumnos de diferentes centros de estudos asistiron aos concertos e moitos participaron no concurso proposto. Nestes últimos meses pasaron por Ourense dez das formacións de música de cámara máis importantes de Europa; grupos novos, de recoñecido talento internacional. Foi a primeira vez que se puido gozar no noso país dunha tempada de concertos de música de cámara, regular e de abono. Este tipo de formacións estivo sempre moi ligado á modernidade, á creación contemporánea e ás vangardas. Ademais "nesta experiencia musical non hai tutelas, non hai divismos, non hai líderes, non hai grandes estrelas. Non hai, simbolicamente, 'batutas'. É a experiencia musical democrática por excelencia, o triunfo da diferenza, o diálogo feito son".


3,4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: