Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
NO PARLAMENTO

O Valedor do Pobo nega ter fobia ao galego e asegura que a lingua non corre risco ningún

Benigno López acusou ao BNG de facer do tema lingüístico o principal problema da sociedade galega.

Redacción - 18:00 03/06/2009

"O castelán non está en perigo, pero o galego tampouco". Así o asegurou o Valedor do Pobo, Benigno López, na súa intervención na Comisión de Peticións no Parlamento. Nesta liña reiterou unha e outra vez que "non hai risco para o galego, que se foi quen de superar a longa noite de pedra, tampouco desaparecerá agora, que está en pleno proceso de potenciación".

O deputado nacionalista, Alfredo Suárez Canal, solicitara ao alto comisionado que as queixas por agravios á lingua galega tivesen o mesmo tratamento tanto se foran reclamacións individuais como en serie, é dicir, varias co mesmo contido. López asegurou que a xestión conxunta de queixas de contido único se está a aplicar en todas as áreas e asegurou que o BNG puxo a súa atención nesta cuestión lingüística porque ten "unha especial querencia" por este ámbito e porque "trata de alardear" de que "o principal problema da sociedade galega está nos ataques ao idioma".

Maniqueísmo con respecto ao galego
Benigno López fixo un repaso ás reclamacións presentadas en materia de lingua: dixo que foron un total de 140 (cinco menos que o ano anterior), que a maioría foron presentadas en serie e que versaron sobre "a vulneración da Lei de Normalización Lingüística, tano nos ámbitos privados como nos públicos. Ao tempo, recoñeceu que a metade destas queixas foron presentadas en lingua galega e que a meirande parte das que se canalizaron por internet estaban nesta lingua: "estou encantado e satisfeito por este motivo", dixo, "o que demostra que non teño fobia ningunha ao galego", en referencia aos cualificativos que nos pasados días lle adicaron responsábeis do ámbito nacionalista.

Xa na quenda de réplicas, Suárez Canal recordou que o Estatuto de Autonomía estabelece o "deber dos poderes públicos de promocionar o galego", do que se desprende que "é a lingua débil do país". Concordou con el o socialista Francisco Cerviño quen asegurou que o idioma "si está en risco" e que "perde falantes a chorros" polo que insistiu na necesidade de cumprir as normativas vixentes en materia de lingua.

Finalmente, o Valedor lamentou o "maniqueísmo" co que se está a enfocar este tema, no que só é posíbel "estar comigo ou contra miña" e falou de "potenciar o galego, co límite de respectar os dereitos fundamentais das persoas".


Ligazóns

4.2/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: