Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DISCURSO DE FERNÁNDEZ PAZ NOS PREMIOS XERAIS

"Malia as voces que nos tentan adormecer, albiscamos o regreso de problemas que criamos superados"

O Premio de Literatura Infantil e Xuvenil realizou unha valente intervención en defensa da lingua.

Redacción - 08:00 10/06/2009

O discurso de Agustín Fernández Paz na cerimonia de entrega dos premios Xerais foi seguido por "un aplauso longo, longuísimo (nunca tal vira nun acto literario) de trescentas persoas en pé agradeceron esas palabras firmes e luminosas", en palabras de Manuel Bragado. Na súa intervención destacou a súa defensa da universalidade da literatura galega, e a denuncia da súa situación de marxinación no país, tanto nas librarías "os nosos libros, confinados nunha reserva india en boa parte das librarías", nos medios "o tratamento subordinado que recibe nos medios de comunicación" e nos discursos hexemónicos "a insistente mentira de que somos unha literatura subvencionada".

Eis unha escolma do máis destacado do discurso
Pertenzo a unha xeración que medrou aceptando como natural a diglosia granítica que se instalara moito antes na sociedade galega. O galego enchoupaba a nosa concepción do mundo, pero semellaba ser algo que coma os castiñeiros e os carballos formaba parte da paisaxe. Os libros, os xornais, o cine, a radio, todas as fiestras que nos permitían ollar máis aló do horizonte, ofrecían unha realidade monolítica en castelán (...)

Ás veces a min e aos meus compañeiros de profesión chámannos escritores periféricos, ou localistas, porque escribimos desde Galicia e en galego. Esquecen que un escritor nunca é periférico, que o centro do mundo sempre está na súa mesa de traballo. O proceso de creación non sabe de periferias, do mesmo xeito que a lingua que usamos sempre é o vehículo idóneo. 'Se puede ser provinciano en el centro de N. York y universal en una aldea de los Andes', escribiu Octavio Paz (...)

Tentamos que os nosos textos cheguen todo o lonxe que a súa calidade llelo permita. Buscamos en primeiro lugar aos lectores do noso país; eles son os interlocutores privilexiados. Despois buscamos tamén esa periferia mundial que nos rodea. Os atrancos nunca están nos textos, a creación é o ámbito da liberdade máis plena; onde os atopamos é nas cuestións políticas, nas relacións económicas e de poder. Escribirmos nunha lingua universal, pertencermos a unha lingua socialmente estigmatizada, leva aparellados serios problemas de visibilidade na sociedade, e penso agora nos nosos libros, confinados nunha reserva india en boa parte das librarías, ou no tratamento subordinado que recibe nos medios de comunicación, ou na insistente mentira de que somos unha literatura subvencionada. En Galicia hai unha fervenza de creatividade que non pode fluír con plenitude, pois unha boa parte das elites financeiras, empresariais, mediáticas e políticas desconfían e negan esa creatividade se se manifesta na lingua de noso (...)

Unha ameaza maior: que medre o número de cidadáns que non nos poden ler por non saberen de nós, ou por non posuíren a competencia necesaria para facelo. Lembro a miña nai, galegofalante de sempre, e os problemas que tiña para ler as cartas que eu lle escribía: 'ai fillo, non me escribas en galego, que non as entendo'. Á miña nai, como a moitas persoas de xeracións anteriores, furtáronlle de raíz a posibilidade de ser alfabetizada en galego. E agora, malia as voces que nos tentan tranquilizar ou adormecer, moitos de nós albiscamos o regreso de problemas que criamos superados. Persoas que aínda queréndonos ler non poden, porque no sistema educativo non desenvolveron esa competencia para lernos na lingua de noso. Ou, tamén, persoas que podéndonos ler refugan facelo, pois é aventurado achegarse con gusto a unha lingua alcumada de radical, de atrasada, de limitadora, de inútil, de imposta (...)E, para escarnio maior, coa novidade de amparar esta nova situación nunha liberdade lingüística de cartón pedra que, ao examinala de preto, deixa ver axiña as falsidades que a sosteñen. Pois non hai liberdade merecedora de tal nome se se basea no esmagamento ou na clausura dun sector da cidadanía. Non hai liberdade se non hai xustiza e se non alcanza a todas as persoas por igual. Veñen aquí ao caso as palabras do ex-presidente dos EE.UU. Lindon B. Jhonson, pronunciadas no contexto da loita contra o appartheid: Pensemos nun home que permanecese encadeado durante moitos anos. Liberámolo e conducímolo á saída dunha carreira dicíndolle: «es libre de participar cos outros». Podemos considerar que estamos sendo equitativos? (...)

Estamos afeitos a traballar en situacións adversas. Na historia da nosa literatura as liñas de resistencia activa veñen de lonxe. De Rosalía, rebelándose contra o feito de sentirse estranxeira na súa patria; de Curros, que denuncia a ameaza dos lobos e clama pola unión; de Cunqueiro pechado na súa bufarda de Mondoñedo a soñar as mil primaveras para a lingua estigmatizada; de Celso Emilio, falándolle como un irmau solidario a todos os desposuído do mundo... A nosa forma de participar na cultura da humanidade é desenvolvendo a cultura galega. Temos dentro de nós a materia que lle pode interesar a calquera persoa en calquera lugar do mundo, só precisamos plasmala a través do proceso de creación. Para conseguilo, cómpre chantar os pés na nosa realidade e, coas raíces na terra, abrirnos a todos os ventos culturais do mundo. Porque aquí están as fábricas da imaxinación das que fala Manuel Rivas, delas poden saír creacións que tamén se lean en toda a periferia mundial. Obras cargadas de vida, obras cunha luz tan forte que sexa imposible de agochar. Un dos trazos máis significativos da cultura galega, que tan ben souberon expresar os membros da Xeración Nós, é a súa vocación de ser célula de universalidade, a súa vontade de ser unha peza máis, en pé de igualdade, no mosaico mundial das culturas: a súa conciencia de que só se pode ser universal desde as propias raíces.


Ligazóns

4.77/5 (39 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: