Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Dispoñíbeis xa no 90% dos centros educativos

A Xunta conclúe este luns o reparto dos cuestionarios sobre o galego

A CIG critica que Educación "censure" a opinión do profesorado sobre a consulta e asegura que "non se deixarán intimidar". UXT tamén rexeita as "coaccións".

Redacción - 12:30 14/06/2009

A Consellaría de Educación prevé concluír o luns o reparto dos cuestionarios sobre as preferencias lingüísticas dos pais no ensino, que xa están dispoñíbeis no 90% dos 1.490 centros educativos do país incluídos neste proceso.

A partir de agora, os pais ou titores legais dos alumnos teñen de prazo ata o 19 de xuño para expresar a través destes cuestionarios a súa opinión acerca do modelo lingüístico no ensino "con plena liberdade e confidencialidade".

Segundo informou a Xunta, os impresos, redactados en galego e en castelán, xa se comezaron a repartir entre os alumnos, que se encargarán de facelos chegar aos seus proxenitores. Unha vez cubertos, devolveranos aos centros e, posteriormente, serán recollidos por persoal da consellaría.

A través dun comunicado, o departamento educativo recordou que todo o proceso é "voluntario e confidencial", e que se desenvolve baixo unha cadea de custodia a cargo dos equipos directivos de cada centro e de Inspección Educativa.

Un equipo específico, din, será o encargado de recoller os resultados nun tempo estimado de 10 a 15 días para, posteriormente, facelos públicos.

CIG: "Chapuza xurídica" e "pregunta tendenciosa"

A CIG-Ensino criticou que a Consellaría de Educación "censure" a opinión dos profesores sobre a consulta do uso do idioma nos centros escolares, e asegurou que "non se deixarán intimidar" e "actuarán segundo o seu criterio".

Nesta liña, o sindicato emitiu este sábado un comunicado de prensa onde denuncia que a prohibición de posicionarse imposta polo departamento aos docentes "vulnera dereitos fundamentais como o da liberdade de expresión e de cátedra".

Segundo asegura a CIG, o obxectivo da Xunta é converter os centros "nunha canle de pensamento único". "Rexeitamos esta enquisa", porque consideran busca "xustificar a involución na normalización lingüística".

Ademais, reclama que o Executivo "exima" os profesores de "responsabilizarse dun traballo alleo aos seus labores". Para rematar, insiste no seu rexeitamento ao cuestionario, que cualificou de "chapuza xurídica" e "pregunta tendenciosa".

"Para diminuír a presenza do noso idioma no ensino non hai crise", conclúe o comunicado.

UXT: "Utilización política do profesorado"

Tamén dende a FETE-UXT (sección do sindicato para o ámbito do Ensino), que este sábdo elixiu a Marcelino Brea como novo secretario xeral da súa comisión executiva, reiterou o seu rexeitamento a que a Xunta "coaccione" os docentes co cuestionario.

O labor do profesorado, sinalou, debe ser "puramente de corte pedagóxico". Segundo Brea, o idioma "non debe ser un elemento de confrontación, senón de consenso", polo que lamentou que dende a Xunta "se estea a utilizar un tema político e extrapedagóxico" co resultado da "sobrecarga dos docentes".


4.31/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: