Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
ENTREVISTAS EN BARCELONA

Biblos Clube de Lectores: proxectos de activismo cultural

O 25 de abril o Centro Galego de Barcelona encheu a Sala Ferrío para acoller e escoitar as iniciativas e inquedanzas dos creadores de Biblos Clube. Falamos con eles.

Lito Caramés - 19:30 22/06/2009

Á cita nas Ramblas barcelonesas acudiron os dous promotores de Biblos Clube de Lectores, Carmela González e mais Tucho Calvo, e tres dos catro gañadores das edicións do Premio Biblos-Pazos de Galicia. Na presentación repartiuse unha revista de Biblos a cada asistente e mais tivéronse presentes exemplares das novelas gañadoras dos citados premios Biblos-Pazos de Galicia.



Que vén sendo Biblos Clube de Lectores?



Para comezar, sirvan as verbas de Alberto Ramos (gañador da 3ª edición do premio Biblos-Pazos de Galicia coa obra Dor Pantasma). Dá unha visión persoal e atractiva: Nun ámbito persoal, podo dicir que é como unha familia (desestruturada máis ou menos, como toda familia moderna como Deus manda), un grupo de persoas que leva esta nave de nome Biblos aos mellores portos nos que pode atracar. Unha familia na que me sinto identificado e na que me conformo con ser un fillo máis ou menos recoñecido.



Máis concisa é a visión de Iria López Teixeiro (gañadora do 1º premio Biblos-Pazos de Galicia coa obra Meniña de Cristal): Biblos é un clube de lectores que pretende achegar as literaturas galega e portuguesa directamente aos fogares. Coido que Biblos é unha aposta e, por descontado, trátase un proxecto no que é doado crer.



Os promotores de tan interesante proxecto resúmeno así: Biblos é un intento de dar resposta aos problemas que teñen os produtos culturais galegos para chegar ao seu destinatario polas características tradicionais de Galicia cunha poboación moi dispersa, polas dificultades propias da vida actual e a falla de tempo de moitas persoas para poder gozar do pracer de acudir a unha libraría e remexer nos andeis á procura da obra desexada, e pola barreira que supón a distribución para chegar aos galegos que están fóra do país. E quéixanse de cousas habituais nas vilas e cidades, como do peche de librarías e salas de cine: cada vez hai menos librarías e menos tendas de discos. Un desastre para a nosa cultura. No momento en que non contemos xa coa rede de librarías independentes quedaremos en mans unicamente das grandes cadeas e dos seus intereses, que van coincidir ben pouco cos dos editores do país.



Preguntados pola orixinalidade da empresa Biblos Clube de Lectores, as respostas foron dispares, centrando cadaquén a singularidade nas fasquías que consideran máis novidosas. Escollemos algúns parágrafos ao chou:



- É un dinamizador da literatura e da cultura galega, impulsor de moitas iniciativas e partícipe doutras moitas.



- Biblos ten unha serie de intereses moi marcados, como a distribución da literatura e da música galegas, o apoio aos creadores novos e a aposta por iniciativas culturais, intereses que priman por riba do económico ou puramente rendible.



- Biblos é un apoio máis para o labor editorial do país, recoñecido pola súa pluralidade, variedade e calidade. Procuramos sumar esforzos nun proxecto común, ofrecer calidade para presentar coa dignidade que lles corresponde os autores e as súas obras.



- Permite o acceso ás literaturas galega e portuguesa comodamente, desde os nosos fogares, e así achegarnos toda a oferta cultural.



- A orixinalidade de Biblos reside no traballo das dúas persoas que dirixen esta iniciativa. Tucho Calvo e Carmela González compoñen os pentagramas que dan música a Biblos. O seu traballo e o seu compromiso permiten que se leven a cabo actividades culturais que só se fan dende Biblos.



A colección Mandaio e unha coidada revista.


Cada dous meses Biblos envía unha revista ás socias e mais aos socios. Nela van as novidades de toda a xeira editorial galega e unha escolma da portuguesa. A portada sempre leva unha ilustración, creada por artistas galegos adrede para a revista. Entre os ilustradores das portadas cóntanse Francisco Leiro, Luís Loureira, Alfonso Costa, Xoán González Otero, Anxo Baranga, Kiko da Silva, Pepe Barro, Norberto Fernández, Vítor Mejuto, Miguelanxo Prado, Xosé Cobas, Manuel Facal, Alberto Taracido, Xavier Correa Corredoira, Pinto & Chinto, Álvaro Valiño etc.



A revista ten calidade, e unha finalidade moi clara: Biblos ofrece a posibilidade de coñecer puntualmente cada bimestre, de forma ordenada e a través dunha publicación de gran calidade, practicamente a totalidade dos libros que son novidade sen excluir a ninguén, e tamén os discos e as películas que saen ao mercado na nosa lingua, e mesmo unha selección dos produtos que aparecen no mercado portugués. Poñemos un gran de area para a necesaria visualización dos traballadores galegos da creación e o resultado dos seus esforzos. Así que temos unha revista á que Xoán González imprime cada bimestre o seu selo persoal de orixinalidade e bo facer.



Despois de facer o pedido a socia ou socio recibe no seu domicilio libros, discos e filmes solicitados e, como agasallo, un exemplar da colección Mandaio. Cada bimestre un diferente. A colección Mandaio fórmana libros inéditos, editados con moito esmero por Biblos, e de temática moi diversa (novela, relato, teatro, debuxo, guión de cinema, etc.) Entre as autoras e autores que teñen obra editada na colección Mandaio pódese citar a Xosé Carlos Caneiro, Francisco X. Fernández Naval, Eva Veiga, Ángel de la Cruz, Santiago Lopo, Kiko da Silva, Lois Dieguez, Salvador Garcia-Bodaño, os gañadores do premio Biblos-Pazos de Galicia, etc.



Gadis practica “vivamos como galegos” tamén na literatura.



Con este titular estase a referenciar o xa famoso anuncio (Vivamos como Galegos) desta cadea de tendas de comestibles (Gadis), do que xa van varias edicións e versións. Pois si, a cousa non queda aí. En colaboración con Biblos Clube de Lectores, Gadis reparte libros gratis co gallo da celebración do Día das Letras Galegas. Así aconteceu nas últimas edicións de tan sinalada data: en 2007 editaron conxuntamente 7.000 exemplares de O xabaril branco, de Tucho Calvo e con debuxos de Miguelanxo Prado, en 2008 foron xa 20.000 exemplares da novela Santa matriusca, de Iria López Teixeiro. Hogano chegouse aos 25.000 volumes de Game over, de Santiago Lopo. En 2006 a colaboración con Gadisa consistiu na distribución do folleto Biblos difusión, nº 1", no que se recollía un conto de Teresa Moure (Presentimento) e do que se repartiron 350.000 exemplares. Desta mesma cabeceira, Biblos difusión, fixéronse edicións con varios concellos e mais coa Consellería de Cultura para festexar o 25 de Xullo e o Día das Letras. A iniciativa e entusiasmo de Carmela e mais de Tucho son inmensos, tal e como indican eles nestas verbas: na medida das nosas posibilidades, ninguén deixou de contar coa nosa colaboración para traballar pola cultura galega.



O Premio Biblos-Pazos de Galicia.



- É sen dúbida unha das nosas iniciativas máis queridas. Para nós, investir en xuventude é garantir o futuro. Os mozos e mozas que teñen participado no premio Biblos-Pazos de Galicia para menores de 25 anos (cando andamos xa pola quinta edición) amosaron con rotundidade que a creación literaria galega vai ter neste século XXI toda a forza que precisamos. Non procuramos a mellor novela da historia e nin sequera a do ano, queremos dar unha oportunidade os máis novos e acompañalos cun titor de recoñecido prestixio para que entren no sistema literario galego cunha primeira obra digna.



O Premio Biblos-Pazos de Galicia é un concurso literario para mozas e mozos que non pasen dos 25 anos, un premio consistente en redactar a novela titorados por escritoras de sobrada valía e recoñecemento público (polo de agora fixeron ese traballo Xosé Lois Méndez Ferrín, Helena Villar, Darío Xohan Cabana, Agustín Fernández Paz, e na edición de hogano Manolo Rivas), para rematar coa publicación da novela por Biblos. Quen tivese menos de 25 anos!!



Agora fala a mocidade que tivo o privilexio de gañar e traballar este atractivo premio:



Patricia Casas (gañadora da 2ª edición do Premio Biblos-Pazos de Galicia, coa obra Teselas de cidade): Este proxecto serve, en primeiro lugar, para animar a mozos e mozas que teñen inquedanzas literarias a escribir e, por outra banda, é unha maneira de promover entre os rapaces a literatura en lingua galega. A orixinalidade de Biblos está no propio premio, que consta dun portátil, da publicación da novela pero sobre todo na posibilidade de que o gañador poida rematala axudado por un escritor en lingua galega, pasando todo un mes nunha pazo rural para rematar a súa novela.



- O Premio Biblos de Novela estase a converter nunha cita anual moi interesante dentro das letras galegas e considero que o será máis co paso dos anos. É unha axuda imprescindible para que, pobres diaños como o que está a falar, teñan a oportunidade de conseguir algo tan complexo como é escribir e publicar unha novela. Biblos desenvolve un traballo de mecenado que hai que agradecer e que, imaxino, nunca se lle agradece o suficiente a Tucho e a Carmela (Alberto Ramos).



Berta Dávila (gañadora do 4º Premio Biblos-Pazos de Galicia, coa obra Bailarei sobre a túa tumba) O premio ten como chaves dous valores: o apoio á creación nova, e a concepción da produción literaria como un traballo, non como un talento, de aí a figura do titor que guíe e aconselle ao novelista novo.



- É unha oportunidade única para todos aqueles mozos e mozas galegos que desexan converterse en escritores. A través do premio non só se brinda a oportunidade de acceder ao mundo editorial galego, senón que se procura dar un pequeno empurrón no camiño da aprendizaxe literaria da man de escritores consagrados e dun talle relevante (Iria López).



Xeira cultural en Barcelona



A tarde do 25 de maio Biblos Clube de Lectores foi presentado no Centro Galego de Barcelona. As cinco persoas que viñeron para facer a cerimonia pasaron unhas 48 horas na cidade. Preguntadas sobre a curta estadía en terras catalás, coincidiron en salientar dous aspectos: o bo trato recibido e o activismo cultural que pulsaron no Centro Galego de Barcelona. Algunhas mostras das súas valoracións:



- Biblos conta con moitos socios en Barcelona e con grandes amigos. Ter a oportunidade de dirixirse a un salón de actos do sempre colaborador Centro Galego de Barcelona que estaba cheo de xente foi unha experiencia do máis satisfactoria. Oxalá o dármonos a coñecer, rompendo tantas barreiras como existen, contribúa a converternos en embaixadores da cultura galega ante esa colectividade tan enorme que son os galegos que están fóra. (Carmela e Tucho)



- Compartirmos uns días coa comunidade do Centro Galego de Barcelona foi enriquecedor e, no meu caso, abriulle a porta a unha realidade exterior onde a cultura galega está moito máis presente do que eu consideraba até o de agora.(Iria)



- O traballo de promoción cultural que se leva a cabo no Centro Galego de Barcelona é admirable. (Patricia)



- Foi una moi boa experiencia. O trato que recibimos foi espectacular, a xente do Centro Galego e os Furafollas acolléronos cos brazos abertos. Tratáronos tan ben que case nin temos que mentir á hora de dicir: "que ben nos trataron!". (Alberto)



Como remate da presentación de Biblos, o grupo Furafollas Agrupación Teatral ofreceu a súa obra “Revolução”, aproveitando a coincidencia de ser o aniversario da “Revolução dos Cravos”(1974), actividade da que hai ampla información na revista de Biblos (maio-xuño '09) e noutros medios de información electrónicos.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Portada da revista de Biblos
Portada da revista de Biblos
"O humor non engorda... !!!", de Kiko da Silva
"O humor non engorda... !!!", de Kiko da Silva
Eva Veiga no cárcere de Teixeiro
Eva Veiga no cárcere de Teixeiro
Presentación de "Dor Pantasma", de Alberto Ramos
Presentación de "Dor Pantasma", de Alberto Ramos
Presentación de "Medidas Preventivas", de Gustavo Pernas, no aeroporto da Labacolla.
Presentación de "Medidas Preventivas", de Gustavo Pernas, no aeroporto da Labacolla.