Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
concerto esta quinta feira, en Compostela

Chegan as 'Vozes Novas' da música galega

O xornal Novas da Galiza e o colectivo Komunikando editan un cedé coa participación de 19 grupos do país, dos que 15 aportan pezas inéditas.

Redacción - 11:30 24/06/2009
Marcos Payno e Carlos Barros, na presentación de 'Vozes Novas'

Marcos Payno e Carlos Barros, na presentación de 'Vozes Novas'

O xornal Novas da Galiza e máis o colectivo Komunikando xuntaron as súas forzas para editar un cedé cos "berros frescos e directos" do novo panorama musical galego. Para crear este disco xuntaron 19 grupos do país, dos que 15 aportaron temas inéditos que conforman Vozes Novas.


Sacha na Horta, Amodinho [Inédito]

O director do Novas da Galiza, Carlos Barros, destacou que na creación deste cedé conflúen un proxecto xornalístico e outro musical, que crearon un espazo común de traballo e difusión da música e da cultura galega, "como non podía ser doutra maneira, na nosa lingua, "máis agora", destacou, cando a Xunta está a dar mostras da súa "hostilidade" cara o galego, mentres "promociona o castelán". "Entendemos que os movementos sociais deben facer novos esforzos para que a sociedade galega emerxa, en todos os ámbitos, tamén no musical, que, ademais ten un potencial altamente normalizador", recalcou Barros.


Os 3 Trebóns, Rapsodia [Inédito]

"Levamos xa sete anos traballando alén do eido meramente xornalístico, de tal xeito que poidamos intervir na sociedade, dende unha perspectiva de comunicación libre, na nosa lingua", subliñou Barros, sinalando que a proposta de presentar un disco cos traballos dos novos grupos galegos chegou dende Komunikando. "Somos conscientes de que a música galega está a desenvolverse nun escenario anovador, de moita calidade e con distintos estilos -o cedé recolle temas de bandas folk, punk, hardcore, pachanga...-, que conforman diferentes maneiras de comunicar. Pensamos que era preciso facer un recompilatorio para ofrecerlle á xente unha escolma deste panorama", recalcou o director deste xornal.


The Homens, Ilha Formosa [Inédito]

Polo seu lado, Marcos Payno, tamén presente na conferencia de prensa en representación de Komunikando, sinalou que o cedé estará dispoñíbel no Nadal para descargar de balde n'A Regueifa, mais que agora tamén se pode copiar e distribuír á vontade, xa que estea editado baixo licenza Creative Commons. Payno tamén recalcou que todos os grupos colaboraron abertamente neste traballo, "e moitos ficaron fóra, porque non cabían, pero a ver se para o ano teñen un sitio".


O En-Riquinho (Arremecághona's Produçións), Eu nunca serei yo (refram sobre umha ideia de Séchu Sende) [Inédito]

Concerto de presentación, esta quinta feira en Compostela
O cedé foi fabricado por Falcatruada e será distribuído pola Lonxa Cultural, a través das súas redes, mais tamén chegará a todos os centros sociais e espazos alternativos do país, revelou Barros, quen recalcou que con estas colaboracións entre distintos proxectos téntase "estabelecer sinerxias moi positivas para a promoción da cultura galega. "Por isto contamos con proxectos que teñen en común ser ferramentas de comunicación alternativa en diferentes ámbitos", recalcou o director do Novas da Galiza.

O cedé recolle temas de Bonovo, Banda Potemkin, Taru e os paxaros de coiro, Ataque Escampe, Novedades Carminha, The Homens, Projecto Mourente, Fanny e Alexander, GalegoZ, Sacha na Horta, Festicultores, Skárnio, Zimmer 103, Nao, Chiquilicuatres, Os 3 Trebóns, O En-Riquinho (Arremecaghona's Produçións), Planeta grelos e Magnifique Band. Custará 8 euros, e esta quinta feira presentarase en Compostela, na Sala Nasa, cun concerto. Será ás 21h30, e nel estarán, ao vivo, Sacha na Horta, Ataque Escampe e Arremecaghona's Produçións, coa intervención d'O Leo de Matamá e O En-Riquinho.


4.68/5 (22 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Cartaz do concerto-presentación desta quinta feira, en Compostela (clique para ampliar)
Cartaz do concerto-presentación desta quinta feira, en Compostela (clique para ampliar)