Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
"Roteiros das burras"

Ceibes no monte

O Concello de Gondomar apoiará a iniciativa traballada polo alumnado do IES Terras de Turonio, estabelecendo roteiros culturais polos camiños do monte deica os curros.

Redacción - 11:15 24/06/2009

Cunha camiñada polos roteiros de Vincios e Morgadáns, rapazas e rapaces do Instituto Terras de Turonio, acompañados por profesorado e polo concelleiro de Medio Ambiente en Gondomar, inauguraron este martes os roteiros. A idea abrollou no propio instituto, no marco do Ciclo de Actividades Físico-Deportivas impartido neste centro e que inclúe no seu currículo as actividades de monta a cabalo e sendeirismo.

Deste xeito, e baixo o epígrafe "Ceibes no Monte", desenvólvese un proxecto no que colaboran co Instituto local o propio Concello e os gandeiros propietarios de cabalos e das comunidades de montes. O obxectivo inmediato é elaborar unha sinalización específica para o camiño das greas desde o punto onde son xuntadas até o lugar do curro. Segundo explican desde o centro escolar, a presenza dos cabalos en liberdade nas serras do Galiñeiro e da Grova é unha "práctica ancestral" mesmo documentada nos petroglifos achados nos montes da zona, con escenas de monta equina atopadas en Couso, Sabarís ou Oia. "Esta actividade de cría e de mantemento de mandas de cabalos no monte mantense viva no Concello de Gondomar grazas aos gandeiros que herdaron de xeracións anteriores os saberes e as prácticas de coidados e mantenza dos animais en liberdade", contan.

Escola e institucións colaborarán así en espallar e converter en atractivo turístico esta manifestación cultural, nunha idea que xa foi ademais premiada pola Fundación Antonio Fraguas e polo Museo do Pobo Galego. Inicialmente vanse estabelecer tres roteiros das "burras" como sendas de interese cultural (con "burra" refírense no Val Miñor aos cabalos). Na área do curro e no de concentración dos cabalos colocaranse paneis informativos co esquema do itinerario e unha explicación sobre as actividades gandeiras e a vida dos cabalos en liberdade. O IES Terra de Turonio forma parte da rede de centros da Axenda 21, programa que se está a desenvolver tamén no Concello de Gondomar e que procura contribuír a un desenvolvemento sostíbel fomentando prácticas ecolóxicas e sustentábeis.


4.33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: