Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PIANO E FRAUTA

Galicia XXI: o estímulo necesario para a nosa música contemporánea

A interpretación e a recolleita son as razóns de ser dun proxecto que pretende poñer en valor o patrimonio musical galego.

Isabel G. Couso (texto e vídeo) - 08:00 29/06/2009

Alá polo 1880, Francia iniciaba o proceso de selección e recompilación da súas partituras musicais na busca dun repertorio nacional. Con máis dun século de atraso, a quenda chegoulle a Galiza, da man dun proxecto que ten moito de quimera e máis de ilusión e de entrega. Chámase Galicia XXI e confórmano dous músicos de prestixio, Luís Soto e Diego García, que se marcaron como obxectivo recompilar o repertorio para frauta e para piano creado por compositores galegos de diferentes épocas e estilos.

Luís, quen na actualidade ocupa o posto de Frauta-Frautín na Real Filharmonía de Galicia, tivo a inquedanza inicial: "dunha banda, quixemos dar a coñecer o repertorio para frauta e piano de compositores galegos que, simplemente, non existía; e da outra, o noso obxectivo é o de incentivar a propia creación". A este propósito sumouse o seu compañeiro grupal, Diego, director de orquestra e cofundador de Ensemble Contra, quen subliña a necesidade de defender o noso patrimonio musical: "unha das cousas que máis hai que coidar son os nosos propios valores".

Selección e incentivo
O proceso comezou cunha primeira fase de indagación e busca da obra musical existente no país. Non en vano, segundo explica Soto "se lle preguntamos a un músico ou alumno de conservatorio galego non será quen de nomear nin a tres compositores galegos". Comezaron entón a saír nomes como Roxelio Groba, Paulino Pereiro ou Xoan Durán, que tiñan partituras para piano e frauta. Foi un difícil traballo no que houbo que acudir ás bases de datos particulares, xa que non é unha información nin accesíbel nin compilada en tendas de música ou bibliotecas.

A partir deste momento, chega unha segunda fase na que, ademais, xorden compositores mozos, interesados en compoñer. "Hoxe temos contabilizadas unhas 50 persoas neste país que están a escribir música", explica Soto, mais a súa invisibilidade fai, non só que se manteñan á marxe dos circuítos oficiais da música contemporánea, senón que sexan uns auténticos descoñecidos para os propios músicos galegos. De feito, a súa presenza no repertorio das orquestras do país non é máis que residual, "para cumprir o papel".

Iniciativa particular
Unha vez botado a andar o proxecto, o obxectivo sería que se sumasen máis e máis partituras, e non só para frauta e piano, senón doutros instrumentos. Con todo, Galicia XXI obedece máis a un desexo e inquedanza particular que a un obxectivo común. As administracións non son abondo sensíbeis cara a interpretación musical máis clásica. "Falamos coa equipa de goberno anterior, mais como agora mudou o executivo as conversas quedaron paralizadas", explican, "temos solicitada unha xuntanza cos novos dirixentes culturais, mais un obxectivo coma este non debería obedecer nin aos cambios políticos nin a unha dependencia da cultura subvencionada que hoxe padecemos".

De aí a importancia de iniciativas coma esta, porque "un compositor escribe se se lle toca, se se fomentan os lugares nas que a música é interpretada", di Soto apelando á necesidade de crear plataformas nas que a música contemporánea galega teña verdadeira visibilidade. Así, Galicia XXI convértese en si mesma un estímulo dende a propia interpretación, ademais de facelo dende a recolleita.


Ligazóns

4,64/5 (11 votos)


Comentarios (5)

Chardella #1 29/Xuño/2009 Chardella
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Diego se les isto parabéns e moito alento neste proxecto coma noutros moitos nos que o teu talento é moi necesario. Son Chema.

osimon #2 29/Xuño/2009 osimon
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Parabéns polo traballo, é desexable que os responsábeis da cultura en Galicia teñan no maxín a idea que o desenvolvemento da música require, tendo en conta que xa fican dúas orquestras en activo cunha salientable calidade musical entre nos, A Orquestra Sinfónica de Galicia, na cidade da Coruña, e A Real Filharmonía de Galicia, na cidade de Santiago de Compostela.

É agora necesario espallar o desenvolvemento dos conxuntos de Música de Cámara, que é o berce onde saen, e fan a aprendizaxe, os músicos de calidade, dúos, tríos, cuartetos, etc.

Unha orquestra mellora e mantén a súa calidade musical cando medra ou se mantén a calidade de cadanseu músico, a creación de escolas permanentes de todo-los instrumentos dunha orquestra imponse, pola contra non coller proveito do salientable crecemento no eido da música clásica cunha grande cantidade de alumnos nos conservatorios, que logo non ten acollida, tendo en conta que o traballo do músico impón entre outras, a continuidade da aprendizaxe, arelando un posto nas actuais orquestras, máis nas que sairán no futuro.

Por outra banda fica xa unha meirande cantidade de persoas que están a seguir a programación das dúas orquestras que ten un programa fixo ao longo do ano, no eido da Música de Cámara só unha entidade, a Sociedade Filharmónica da Coruña, ten decote un programa de concertos ao ano adicado á música para solistas, dúos, tríos, cuartetos, na cidade herculina, malia que este feito pon o limite aos oíntes que poderían acadar estes devanditos concertos, aos que fican na bisbarra Coruñesa.

Criselda #3 29/Xuño/2009 Criselda
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

¿Cal van a ser a nosa música contemporánea?

dieghogharsia #4 30/Xuño/2009 dieghogharsia
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Moitas gracias Chema!! ahí seguimos,na loita, xa sabes...
Unha aperta dende Escarabote!

diego

OBSERVADOR #5 30/Xuño/2009 OBSERVADOR
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Não parece muita luita essa de lhe chamar ao grupo "Galicia"...

Aí a Criselda fez uma pergunta interessante (#3)

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo: Galicia XXI explican o seu proxecto

Diego García é o pianista de Galicia XXI
Diego García é o pianista de Galicia XXI
Luís Soto é o encargado da frauta travesa
Luís Soto é o encargado da frauta travesa