Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
'DESCARGA AO VIVO'

A música galega, que naceu en Cuba, regresa a Galiza

O espectáculo, que reúne artistas de sons dos dous países, poderá verse na Coruña, Santiago e Vigo a partir do 23 de xullo.

Redacción - 10:50 02/07/2009

Rumbas

O Teatro Mella da Habana acolleu o 22 de febreiro de 2008 a estrea do espectáculo 'Descarga ao Vivo'. Músicos galegos e cubanos recuperaban o traballo cooperativo e a construción conxunta de sons e ritmos que durante décadas, nos séculos XIX e XX, se desenvolveu de forma natural na illa, sumándolle as jotas e muiñeiras ás rumbas, guajiras e habaneras, e facendo que todos estes estilos soasen naturais a un e a outro lado do Atlántico.

O proxecto, dirixido artisticamente por Ramom Pinheiro, chega a Galiza algo máis dun ano despois, uns meses nos que os artistas e a súa música creceron e se enriqueceron. Será o 23 de xullo no Teatro Rosalía de Castro na Coruña; o 25 de xullo no Campus Sur de Compostela; e o 30 de xullo no Teatro Caixanova de Vigo. Da dirección musical encargáronse Alejandro Vargas (profesor do Instituto Superior de Arte de Cuba), Pedro Pascual (profesor de acordeón diatónico da Central Folque) e do guitarrista Marcos Teira, e contou con colaboracións como as de Pablo Milanés, Quim Farinha, Xabier Díaz, Ugia Pedreira ou Guadi Galego. O repertorio que se puido escoitar na Habana, e que repetirá nos escenarios galegos, está composto por temas que xa son clásicos da música galega e da música cubana, como Alborada galega, Un adiós á Mariquiña, Del Ferrol a La Habana, Aí vén o maio, ou Miña Ruliña.

Todo comezou coa viaxe que o profesor de aCentral Folque, Ramom Pinheiro, realizou en 2007 a Cuba. Durante catro meses fixo un traballo de investigación sobre os vínculos musicais compartidos, moi notábeis tendo en conta que os galegos foron o principal pobo inmigrante na historia contemporánea cubana. Froito desa investigación é o libro "A la Habana quiero ir. Los gallegos en la música de Cuba" (Sotelo Blanco, 2009), que se poderá adquirir nos propios concertos.

As entradas para os concertos de Vigo e A Coruña poden adquirirse a través de Servinova, con prezos entre os 12 e os 13 euros.


4.27/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: