Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
HOMENAXE A NEIRA VILAS EN FENE

75 anos de 'camiñantes descoñecidos' en Barallobre

Este sábado o monumento, inaugurado en 1934 e dedicado aos autores galegos, celebrará o seu aniversario co escritor de Gres como protagonista.

Redacción - 14:05 03/07/2009

O 'Monumento ao Camiñante Descoñecido' inaugurouse o 1 de xullo de 1934 en Barallobre, Fene, nun acto ao que acudiron Ramón Otero Pedrayo, Ramón Vilar Ponte ou o médico Rof Codina. A idea deste monumento xurdiu en abril de 1932 da man do cronista do xornal Pueblo Gallego Alfonso Piñón. Recorda o feito de que Barallobre sempre foi un lugar de paso de peregrinos (a Santiago polo Camiño Inglés e a Santo André de Teixido) e de viaxeiros (a Ferrol), pero dende o comezo homenaxeou aos autores galegos, inscribindo o nome de Rosalía, Curros, Pondal ou Castelao. E tamén o de Neira Vilas, dende hai uns anos. O monumento trasladouse da súa ubicación orixinal en maio de 1984 para permitir a supresión do paso a nivel, unha reinauguración presidida por Xosé María Pérez Parallé.

Este sábado o monumento celebrará o seu 75 aniversario, cunha homenaxe ao propio Neira Vilas, o único persoeiro vivo da cultura galega con banco de seu neste parque. As actividades comezarán ás once e media da mañá cun pasarrúas até o monumento, onde se realizará unha ofrenda floral. Despois, celebrarase un festival folclórico no que participarán a banda de gaitas Fontornela de Mera, a agrupación folclórica Donas e Galáns de Ferrol e o grupo de baile Bolboretas da Liga de Amigos de Barallobre. Xa pola tarde celebraranse distintas actividades de deporte rural e xogos tradicionais así como unha churrascada a partir das oito da tarde e como peche de festa un festival folclórico no que tomarán parte as cantareiras de Bolboretas, o grupo folk Estimaba que viñeras e a gaiteira Cristina Pato.


4.5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Pérez Parallé inaugura a nova praza en 1984
Pérez Parallé inaugura a nova praza en 1984
Inauguración do monumento, en 1934
Inauguración do monumento, en 1934