ostresdoeixo

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
"POR MOTIVOS ECONÓMICOS"

A Radio Galega deixa o Diario Cultural sen opinión

Comezan a escoitarse as primeiras críticas a unha decisión que atenta contra un dos piares da información cultural en Galiza.

Redacción - 18:30 02/07/2009
Helena González

Helena González

A nova dirección da Radio Galega decidiu prescindir da sección de opinión da Diario Cultural por "motivos económicos", unha medida que se suma a outras decisións do novo equipo da CRTVG, que polo de agora se centrou en recurtar ou eliminar os espazos culturais da televisión e da radio públicas do país. O espazo de opinión do Diario Cultural correspondía a Helena González os luns, Bieito Iglesias os martes, Xosé Carlos Caneiro os mércores, Débora Campos o xoves, e Miguel Anxo Murado os venres. O Diario Cultural, dirixido por Ana Romaní, emítese de luns a venres de tres a catro da tarde, e dende 1990 (celebrará o vindeiro ano o seu vixésimo aniversario) é un dos referentes na información cultural en Galiza, un espazo de pluralismo e de debate, recoñecido e respectado dentro e fóra do noso país.

A decisión, que se coñeceu hai uns días, xerou xa as primeiras críticas, comezando polos propios colaboradores do programa. Helena González anunciou a través dun correo electrónico que "xa que non me foi posíbel facelo nas ondas, coa derradeira entrega que se emitiu, despídome desta navegación, convencida da necesidade de manter o obxectivo que me propuxen: catar e debater a cultura, desde o feminismo, é dicir, criticamente".

Máis dura foi este xoves a xornalista Débora Campos, que comezou o seu artigo afirmando que "O que ten de bo o silencio é que deixa mais posibilidades para pensar. Isto non o pensan nunca os que nos fan calar. Eles pensan que abonda con que non se escoiten máis algunhas voces. Pensan que se non se escoita o son desas falas, entón non pasa nada. Pero engánanse. Porque ainda pensamos". E pechou a súa intervención dicindo que "Mándanos estar caladiños. E farémolo polo ben dese milagre radiofónico que é o Diario Cultural. Caladiños que non quedos. Caladiños que non apagados. Caladiños pero sabendo o que pasa. Caladiños pero activos. Caladiños, si. Pero calados en galego!".


4,84/5 (32 votos)


Comentarios (10)

mnawe #1 2/Xullo/2009 mnawe
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

A literatura galega tampouco é política: é anosa cultura!

Benchosei #2 2/Xullo/2009 Benchosei
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Nada novo baixo o sol da dereita.

xmpb #3 2/Xullo/2009 xmpb
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

É o colmo o que está facendo a Xunta. E os xornalistas tamén se podían posicionar. Son actitudes que non se poden admitir.

xm pacho

subela #4 2/Xullo/2009 subela
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Radio Galega = NODO

JOSEGALAICO #5 2/Xullo/2009 JOSEGALAICO
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Os libros , a música galega , as curtas , os debates , chegaron ca tesoira moi afilada.Xa empeza a dar asco a CRTVG.

MCXOSE #6 2/Xullo/2009 MCXOSE
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Xa volta ser a cagalla que foi durante o Fraguismo: Deus nnos pille confesados! Eu cada vez estou máis aferrado ao BOICOT. Estou practicando o boicot cada vez máis: hai que ter forza de vontade e ganas. Agora NON COMPRAR NADA DE PASCUAL. E así con todo, O POBO TEN O PODER!!!

Reburro #7 3/Xullo/2009 Reburro
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

Boicot
Nada de Pascual, nada de La Voz de Galicia
Boicot!

breoghain #8 3/Xullo/2009 breoghain
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Isto há que para-lo !!!!

dxkkkk #9 3/Xullo/2009 dxkkkk
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Primeiro "Aberto por reformas" agora "Diario Cultural" . Cal vai ser o seguinte?

Illana #10 3/Xullo/2009 Illana
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O do boicot está ben pero,cal é a alternativa?, porque algo queremos ver e oir . Na nosa lingua as ofertas non son moitas;deberíamos artellar outro xeito de protestar pois non temos porqué renunciar a ter unha radio(e televisión) pública e de calidade.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: