Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O NOVO ESCENARIO POLÍTICO

Beiras quita as pinturas de guerra

O ex portavoz do BNG afasta a posibilidade dunha excisión pero advirte que para enterrala é fundamental respectar a pluralidade interna e abrirse aos movementos sociais.

Ramón Vilar - 18:15 06/07/2009

-A última aposta?

-Non última. É a aposta despois do enterro, porque a min enterráronme cinco veces e debéronme sepultar outras tantas... Pero seica resucitei... (Ri) O que é importante é recordar que moita xente que está nese plano, se isto volve funcionar, esa xente reactívase e recupérase. Hai xente que non cre, pero como a historia do santo e aquel ao que lle dicían, "non cres? mete a man aquí na ferida", pode volver crer.

-Cantas veces ao longo destes anos Xosé Manuel Beiras pensou que había que soltar amarras?

-Moitas.... Pero non para montar outra cousa. Eu non. De feito deixei durante moito tempo a actividade política na organización, deixei de ir cando vin que non valía de nada, pero non montaba cristo... E dediqueime máis a outras liñas de traballo, a escribir, a predicar, a estar en relación cos movementos sociais. Caso do Foro Social Galego, a revitalización da Conferencia de Nacións sen Estado de Europa, o Consello Internacional do Foro Social Mundial... 

Estas eran dúas das preguntas da longa entrevista celebrada na Redacción de Vieiros o pasado 23 de marzo. Por aquel tempo, cunha asemblea á volta da esquina, o BNG fervía e o histórico líder nacionalista tiña debuxada na cara as pinturas de guerra. Sostiña que o Bloque precisaba unha refundación que o reconciliase cos movementos sociais e que, á mesma vez, servise para profundizar na mensaxe nacionalista e de esquerdas. Naquela altura non eran poucos os que temían unha excisión interna liderada por Beiras, pero os medos viñan de moito antes.

O ano que se puxeron as cartas boca arriba
A xestión do BNG no Goberno non contentou a todos dende un principio. Porén, dentro do movemento nacionalista, o malestar comezou a facerse máis palpábel pasado o ecuador do mandato. En 2008 houbo algúns movementos claros que apenas trascenderon á opinión pública pero que non pasaron desapercibidos para a cúpula frontista.

A un ano das eleccións ao Parlamento, os sectores máis críticos do BNG (Encontro Irmandiño e Movemento pola Base) comezaron unha serie de contactos nos que tamén participaron en ocasións representantes da FPG. No decurso destes encontros, analizábase a situación xeral do nacionalismo. Aínda que sen pasos en firme, sobre as reunións sobrevoaba unha pregunta: Era posíbel unha alternativa unitaria ao Bloque?

Fontes consultadas por Vieiros recoñecen que Beiras, que ten estado presente nalgunha das xuntanzas, nunca deixou claro se estaba disposto a abandonar un proxecto que fundara en 1982. Máis ca el, eran outros os que soñaban que fose o que nuclease unha fronte plural alternativa ao BNG. Sabían que aos seus 72 anos (daquela) seguía a ser un líder cun carisma excepcional.

O futuro

Mais as conversas, que nun principio avanzaban con soltura, comezaron a atoarse. Logo do fracaso electoral, foi o propio Beiras o que petou enriba da mesa. O de Roxos consideraba que o naufraxio nas urnas servía para que as hostes do Bloque fixesen un alto no camiño e reflexionasen sobre os posíbeis erros.

Catro meses despois daquel berro de guerra e logo dunha asemblea que marcou unha nova correlación interna de forzas, deixa claro que quere rematar a súa vida política dentro da organización na que xa ten sido todo. Este mesmo luns, nunha entrevista na TVG, descartaba “montar cousas” e afirmaba que quería seguir activamente na organización frontista. Iso si, poñendo como condición unha liña infranqueábel: que se respecte a pluralidade interna. Para Beiras, a receita segue a ser a mesma: recuperar o carácter asembleario e volver conectar cos movementos sociais.


4.25/5 (24 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: