Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PILAR GARCÍA NEGRO, PROFESORA DA UDC

"Cómpre unha contestación urxente a esa arremetida golpista contra o galego"

Presentou na Universidade da Coruña o volume colectivo 'Sobre o racismo lingüístico', editado por Laiovento.

Redacción - 07:30 13/07/2009

A obra, coordinada pola profesora García Negro, inclúe análises sobre prexuízos lingüísticos ou lexitimidade lingüística de numerosos expertos, a maior parte deles profesores da Universidade da Coruña, como Celia María Armas García, Manuel Ferreiro Fernández, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Xosé Manuel Sánchez Rei, Goretti Sanmartín Rei, Francisco Rodríguez Sánchez ou Luís Villares Naveira.

Pilar García Negro cre que "hai que proclamar unha evidencia, que temos que converter nun berro: que as galegas e os galegos estamos vivas, que somos galegofalantes e desexamos selo a tempo completo". E engade que "non aceptamos resignadamente que se nos inoculen doses mortais de amnesia, que derrame ou vaporice tantas décadas de loita pacífica, democrática e pedagóxica a prol do idioma".

A coordinadora do volume explica que a obra naceu "cando a editorial Laiovento, encabezada polo seu director Francisco Pillado, alarmouse, como moita outra xente, no momento en que recruaron os ataques contra o galego dende organizacións políticas coma o PP, fundacións coma a FAES e medios de comunicación españois e galegos".

"Cómpre unha contestación urxente a esa arremetida golpista contra o galego, cun obxectivo de exclusión aínda que se presentase baixo ropaxes pretendidamente bilingües", explica, e engade que "os bilingües de boa fe que hai en Galiza deberían reclamar, no canto diso, unha maior presenza do galego, pois mesmo asumindo un obxectivo de fifty-fifty, a realidade é que en case todos os sectores a distancia en favor do español é moi grande".

O camiño que se debe seguir agora
Sobre o camiño que se debe seguir neste momento para defender a lingua galega, nuns meses nos que se están poñendo sobre a mesa distintas propostas, Pilar García Negro cre que hai tres vías, que deben funcionar en paralelo: "a primeiro é a da contestación directa, a mobilización elocuente: témonos que rebelar e revelar, para impedir que se dean pasos atrás; hai que deter os intentos de desmantelar a cativa lexislación que existe para defender e promover o galego", di. "A segunda é a de convencer, a de explicar, a de gañar espazos en todos os eidos, sendo conscientes da realidade e non ocultándoa, pois ao galego fáltalle moito máis por conseguir do que conquistou até agora", engade para concluír dicindo que "en terceiro lugar temos que traballar unidos: o que non pode ser é que se se crea un novo colectivo, guinde pedras contra os partidos políticos, colectivos e asociacións que até o de agora traballaron a prol da lingua".


4.59/5 (27 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: