Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Campionato galego para menores

Hai canteira de superheroes do triatlón: e veñen fortes coma carballos

Os pequenos da especialidade deron recital deportivo hai poucos días en Portomarín. Quilómetros de ilusión a pé, nado e bici.

Redacción - 09:30 23/07/2009
Xavier Gómez Noya nunha imaxe de arquivo, coa camisola da selección galega

Xavier Gómez Noya nunha imaxe de arquivo, coa camisola da selección galega

Cen metros coma peixes furando polo Miño adiante, catro quilómetros apertándolle á bicicleta e un quilómetro máis a pé, lixeiros deica a meta. E todo isto marcando tempos por baixo do cuarto de hora. Os maiores chegan aos doce anos, e compiten aínda na categoría alevín, pero xa apuntan maneiras de campións. A pasada fin de semana tiveron a súa festa deportiva na vila luguesa de Portomarín. Aló competiron tamén, no dobre de distancia, as rapazas e rapaces de categoría infantil (13 e 14 anos), e co triplo de desafío (algo máis coa natación, 500 metros) os da categoría cadete (15 e 16 anos).

Galiza celebrou así a quinta edición dunha proba inédita a nivel estatal, xa que no conxunto do Estado non se organiza campionato para os máis pequenos. Segundo relata para Vieiros o presidente da Federación Galega de Triatlón, Francisco Villanueva, a cita é a cada edición máis exitosa e reúne maior número de participantes. De xeito especial, destaca a presenza de rapazas, xa que actualmente os campionatos xuntan case un número similar de cativas e cativos, cando apenas hai uns anos as féminas apenas aparecían nesta especialidade deportiva.

Alicia Paz e Martín Liste foron os vencedores na proba alevín. Laura Blanco e Antonio Serrat gañaron en Infantil. E Camila Alonso e Marcos del Río foron os máis rápidos en categoría cadete. Hai que salientar que, xustamente os cadetes (en alevín e infantil non se disputa o campionato estatal), as mozas e mozos galegos son con diferencia os mellores do Estado, tal e como amosaron nas últimas citas. O sábado pasado, Marcos del Río, do AD Fogar, de Carballo, parou o cronómetro en 34'43'', logo de 500 metros de natación, 12 km de bici e 3 km de carreira a pé, un chisco por diante de Roberto Barral, do Bricosa. Na categoría feminina, Camila Alonso, do Triatlón Ferrol, bateu as rivais cun tempo de 38'02, moi por diante da segunda clasificada, Maria Verdia, do AD Fogar, que pechou en 40'18.

As figuras arrastran, e a escola faille sitio ao triatlón
Varios factores explican que a especialidade do triatlón prendese forte entre os novos. Con Francisco Villanueva repasamos varios deles. En primeiro lugar a aparición de figuras de relevo internacional. O ordense Iván Raña en primeiro lugar e o ferrolán Xavier Gómez Noya a continuación, son ídolos imprescindíbeis para entender a atención mediática e social que foi gañando o triatlón. Admiten desde a federación que, malia o importante número de triunfos, a atención, comparativamente, é aínda pequena, pero destacan o incremento de minutos e liñas conseguido na prensa en datas recentes.

Cando hai anos ía polas escolas a dar algunha charla sobre o triatlón, Villanueva comezaba preguntando quen coñecía do triatlón. Se cadra apenas unha ou dúas mans se erguían nas aulas, recorda. En contraposición, hoxe a cousa virou ben distinta, xa que "o 90% sabe de que se trata o triatlón". Máis aínda, alén de Raña e Gómez Noya, os nomes máis comúns, en moitas escolas coñecen tamén dos triunfos e a categoría de nomes como Saleta Castro e Aida Valiño. A galería de heroes deportivos dos escolares aumenta e, desde a federación, agradecen tamén o compromiso conseguido da administración durante a anterior lexislatura.

"A organización de probas escolares foi decisiva", explica Francisco Villanueva. Lembra o dirixente do triatlón galego que durante todo o curso realízanse competicións para as escolas que convidan máis aló dos rapaces que xa se moven arredor dos clubes. A maioría son probas de duatlón (só bici e carreira a pé), e acercan a moitas rapazas e rapaces a este deporte. Na actualidade, a Federación Galega de Triatlón non conta aínda co compromiso do actual goberno para o mantemento do apoio á especialidade.

Traballo incansábel dos clubes e apoio dos pais
Un terceiro eixo é o compromiso dos clubes deportivos, na actualidade un total de 22 a nivel galegos, malia que só 9 traballan con regularidade coa canteira. Seis deles acudían a pasada fin de semana a Portomarín. Na cima da clasificación por equipos atopamos ao poderoso Cidade de Lugo Fluvial e no segundo posto por escadras vemos aos composteláns do Bricosa Arcade Inforhouse. Na terceira praza quedou o AD Fogar, de Carballo. Participaron ademais o Triatlón Ferrol, o Olímpico de Vedra e o Triatlón Mar de Vigo. Malia a escaseza dos recursos, a ilusión e a fame deportiva dos rapaces unida ao compromiso de nais e pais, valoran desde a federación, outórgalle azos adicionais ao triatlón en Galiza.


4.63/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A aparición de figuras como Noia, Raña, Aída Valiño ou Saleta Castro (na imaxe) estimula a aposta dos pequenos por este deporte
A aparición de figuras como Noia, Raña, Aída Valiño ou Saleta Castro (na imaxe) estimula a aposta dos pequenos por este deporte