Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
EN CASTRO CALDELAS

Dúas noites de saudade lusófona

O recoñecido cantautor brasileiro, Fred Martins, e a cantante galega Uxía encherán o mosteiro de San Paio dos sons do Atlántico.

Redacción - 18:00 11/08/2009
Imaxe de Martins e Uxia nun concerto en Ferrol

Imaxe de Martins e Uxia nun concerto en Ferrol

O Atlántico lusófono cobrará vida musical estes mércores e xoves no incomparábel escenario do Mosteiro de San Paio, en Castro Caldelas. A construción románica dará acubillo a dúas noites de boa música e de exaltación patrimonial. O obxectivo, rehabilitar o mosteiro, legado dun lugar perdido no corazón da Ribeira Sacra ourensá, e revitalizar os seus dominios, porque na súa orixe este patrimonio foi feito para vivirse, para crear unha comunidade, que hoxe se reivindica.

Sons lusófonos
O espectáculo, que organiza a Asociación de Amigos de Caldelas, arrincará o mércores 12 de agosto coa música do compositor brasileiro Fred Martins, quen estará acompañado polos músicos Sérgio Tannus (guitarras, cavaquiño e mandolina), Isaac Palacín (batería) e Álvaro Iglesias (contrabaixo). Dono dunha grande creatividade e de ritmos lusófonos que o cantautor fluminense interpretou ao carón de nomes como Joâo Donato e André Abujambra, Martins xa conquistou a crítica e público, que lle adicaron cumpridos como o de consideralo un dos mellores compositores da súa xeración.

Xa o xoves 13 será a quenda do espectáculo de Uxía "A Travesía da saudade", un percorrido polas músicas de Galza, Brasil, Portugal e Cabo Verde. Os músicos Sérgio Tannus (guitarras, cavaquiño e mandolina) e Sérgio Salles (teclados) acompañarán á voz de Uxía nun concerto ao que chegará a brisa da grande música do Atlántico lusófono, do alalá ao fado, da morna á música tradicional azoriana.

O mosteiro de San Paio, en Santa Tegra, Castro Caldelas, xa acollera a primeira edición deste festival o ano pasado. Daquela, Dúas Noites estivo adicado á narración oral, coas actuacións de Carlos Blanco e Quico Cadaval. Agora é a quenda da música, unha aposta para poñer en valor un espazo diferente do rico patrimonio da Ribeira Sacra da man da emoción dos sons lusófonos.

O programa en detalle

12 de agosto
FRED MARTINS (Voz, guitarra)
SÉRGIO TANNUS (Guitarra)
ISAAC PALACÍN (Batería)
ÁLVARO IGLESIAS (Contrabaixo)

13 de agosto
A TRAVESÍA DA SAUDADE
UXÍA. Voz
SÉRGIO TANNUS (Guitarra, cavaquiño, mandolina)
SÉRGIO SALLES (teclados e melodía)

Hora:10:30h.
Venda anticipada de entradas a través de Caixa Galicia (9€)
E media hora antes de cada función, no propio mosteiro (12€).
Aforo limitado.


Ligazóns

4.45/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dúas Noites celebrarase este mércores e xoves en Castro Caldelas
Dúas Noites celebrarase este mércores e xoves en Castro Caldelas
O Mosteiro de San Paio, en proceso de rehabilitación, será o escenario dos espectáculos
O Mosteiro de San Paio, en proceso de rehabilitación, será o escenario dos espectáculos