Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A OUTRA MIRADA

Á caza de talasónimos polos mares de Baiona

O Instituto de Estudo Miñoranos organiza unha curiosa travesía didáctica en barco para dar a coñecer os inumerábeis nomes que garda o mar.

Europa Press / Redacción - 14:10 22/08/2009

   O Instituto de Estudos Miñoranos organizou para o próximo martes unha travesía pola baía de Baiona a bordo da embarcación 'Nauja' que, ademais de servir para poder contemplar o patrimonio natural desta zona, ten o obxectivo de intentar revitalizar a cultura marítima do sur de Galiza, sobre todo o vocabulario que se vai perdendo ao longo do tempo.

O paseo didáctico estará guiado por Xosé Lois Vilar, quen explicará aos participantes algúns dos costumes mariñeiros así como toda a talasonimia --os topónimos do mar-- que existe  nesta franxa do litoral galego, e onde, aínda que a maioría de termos pervive na tradición oral, están en risco de desaparecer.

   Vilar é un dos autores do libro 'Talasonimia da costa sur de Galicia' no que se recollen até 1.300 termos, rescatados de documentos como guías, diarios mariñeiros ou cartas de navegación, pero tamén da cultura oral. Así, o experto destacou a "enorme densidade" de vocabulario, tendo en conta que o ámbito de estudio --o litoral da Guarda a Nigrán-- son "menos de 60 quilómetros de costa".

Del total de 1.300 termos localizados, pouco máis de 300 se conservan escritos, xa que a maioría do léxico recompilado pervive "na mente" de mariñeiros, mariscadores, percebeiros e outras xentes do mar, especialmente os de maior idade.

A bordo do 'Nauja', un pesqueiro danés de principios do século XX, os que se decidan a participar na travesía do próximo martes recibirán explicacións sobre todos os ámbitos do saber que debía de coñecer un pescador tradicional. "Tiña que ser biólogo e coñecer os hábitos dos animais para poder construír embarcacións e trampas adecuadas", aínda que tamén tiña que ser meteorólogo" ou "coñecer a topografía do mar", explicou a Europa Press Xosé Lois Vilar, que tamén é membro do Instituto de Estudos Miñoranos.

Así, o experto incidiu en que os homes de mar tiñan todo "perfectamente" nomeado, e "categorizar: as zonas costeiras, a orografía do litoral e os fondos, as diferentes áreas do mar, os tipos de pedras e areas segundo as súas características ou as referencias que tomaban para orientarse antes de que aparecesen os GPS.

O mar
No mar de Baiona hai zonas que reciben nomes segundo puntos de referencia como poden ser A Illa (Cíes), As Estelas ou A Costa --na zona de Oia-Mougás--, aínda que tamén está "bautizado" o fondo do mar. De feito, segundo explicou Vilar, un dos aspectos que máis sorprende é a sabedoría que os pescadores acumulaban ao respecto, malia "non mergullarse"; un coñecemento que era necesario para saber onde localizar as especies animais do seu interese.

Para iso, o experto explicou que se facía uso do denominado 'cebeiro' ou 'escandallo', unha pedra unida a un cabo e cun cebo no fondo que tiña unha dobre utilidade. Por unha parte, coa corda podía saber a profundidade das augas e, por outra parte, cos materiais que quedaban adheridos podía saber se o fondo era de pedra, area ou cunchas, e de que tipo.

   Outras zonas do mar teñen os nomes inspirados en naufraxios, sucesos dos que a costa de Baiona foi protagonista nunhas 100 ocasións durante o último século En moitos casos, as áreas onde houbo afundimentos reciben o nome da embarcación sinistrada, se ben tamén é frecuente que se faga referencia ao cargamento perdido ou mesmo ao propietario da nave.

Marcas
   En canto aos métodos de orientación tradicionais, destacan as marcas, que delimitaban espazos do mar moi precisos e que eran o resultado de combinacións de liñas imaxinarias que se tomaban a partir de puntos de referencia na costa, que tamén tiñan as súas propias denominacións. Dentro delas, figuran as coñecidas por toda a comunidade --o nome da cal estaba bastante estendido-- pero tamén as de tipo privado, que só se coñecían dentro dunha familia de mariñeiros.

Vilar explicou que existe unha grande cantidade de nomes e, de feito, un dos documentos que se reflicten na obra de talasonimia é un "caderno de marcas" escrito completamente en galego por un mariñeiro nos anos 40 do pasado século e que inclúe "máis topónimos que todas as cartas náuticas de Baiona dende o século XIII".

Ademais dos pescadores, existen outros oficios relacionados coa explotación de recursos mariños que tamén contan cunha grande cantidade de vocabulario específico en función da actividade que desenvolven. É o caso dos percebeiros e as rochas, posto que para o seu traballo é importante falar de localizacións moi precisas. Como exemplo diso, destaca o feito de que só na zona de Cabo Silleiro existen máis de 50 áreas diferenciadas.

“Masa homoxénea”

Segundo afirmou Vilar, mentres que calquera persoa vai o mar como unha "masa homoxénea" de auga, un pescador tradicional enxérgao "con outros ollos" ao percibir distinta información das "aves, a brisa, o mar e o vento", polo que cada concepto específico recibe unha denominación.

Non obstante, todo este patrimonio inmaterial corre perigo de perderse, por o que asociacións como o Instituto de Estudos Miñoranos traballa para poñelo en valor e difundilo entre a poboación, con iniciativas como a travesía didáctica de aproximadamente dúas horas de duración que se celebrará o próximo día 25.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: