Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Na busca do best-seller galego

“Larpeiros” e Domingo Villar seguen a senda da triloxía Millenium

Benigno Campos despachou nun só mes 12 mil exemplares do seu libro de receitas, que foi o máis vendido este verán.

Moisés Álvarez - 09:20 02/09/2009

Das librerías saen á unha velocidade insólita os exemplares da triloxía Millenium de Stieg Larsson. En moitos casos, os libros cómpranse de tres en tres, nun fenómeno mundial do que Galiza non quedou fóra. Á sombra do gran best-seller global que deixou en herdanza o escritor e xornalista sueco, é difícil facer comparanzas con calquera título galego. As aventuras de Leo Caldas, o detective que creou Domingo Villar, contan cunha crecente lexión de seguidores. Pero o verán deixou unha auténtica sorpresa: as vendas extraordinarias no noso mercado editorial de A cociña de Larpeiros, o libro de receitas de Benigno Campos.

A cociña de Larpeiros saíu á venda a principios de xullo, e nun mes esgotou as súas tres primeiras edicións, de 4 mil exemplares cada unha, o que obrigou a Editorial Galaxia a tirar do prelo unha cuarta edición de 10 mil exemplares. Cecilia Martínez, da Librería Nós da Coruña, non dubida que “o fenómeno de Larpeiros baséase no éxito do programa de televisión”.

Benigno Campos tamén o ten claro: “a clave do éxito está no programa. Eu sabía que o libro ía ter boa acollida, pero aínda así estou sorprendido porque estase a vender moito máis do que pensaba”. Puido certificalo no seu percorrido por Galiza ao longo do verán para presentar o libro non só en practicamente todas as feiras literarias que se celebraron nos dous últimos meses, senón tamén en citas de contido festivo e gastronómico.

“O libro é moi manexable, con receitas moi sinxelas e con boas fotos. Son receitas de cociña tradicional pero co meu toque persoal”, sinala o cociñeiro televisivo. O libro inclúe máis receitas das que presentou en antena, incluída a que máis dúbidas suscita entre os seus lectores: o polbo cocido sen auga. “Agora estou traballando noutro libro de cociña, con receitas novas e algunha sorpresa”, adianta Benigno Campos.

Á praia con Leo Caldas
Aínda que o libro galego máis vendido en xullo e agosto é un recetario, a raíña das praias segue a ser a novela. José Luis Colmeiro, da librería Follas Novas, apunta que “no verán véndese sobre todo lectura de entretemento, e baixan as vendas de ensaios e libros doutras temáticas”. Na literatura de xénero, a resposta galega a Stieg Larsson, Stephanie Meyer e Ildefonso Falcones chámase Domingo Villar.

O escritor e xornalista de Vigo deulle este verán continuidade a Leo Caldas, protagonista de Ollos de auga, coa segunda novela da serie, A praia dos afogados. Da primeira Galaxia leva seis edicións e case 12.000 exemplares vendidos en galego. A segunda case esgotou a edición de 5.000 exemplares coa que saíu, polo que a editorial prepara unha reedición. Os libreiros coinciden nun dato: as vendas das dúas novelas este verán son moi parellas. Nalgunhas librerías incluso se venden máis exemplares de Ollos de auga, algo que explican porque o boca a boca fai que os lectores queiran ler todas as aventuras do mesmo personaxe. Outra coincidencia co efecto Millenium.

O que non pode evitar Leo Caldas é que máis da metade dos lectores prefiran lelo en castelán. A maioría dos libreiros consultados coinciden en que a versión traducida das novelas de Villar véndese máis que a galega. Desde a Casa del Libro de Vigo sinalan que agora no verán medra a diferencia entre as vendas en castelán e galego debido ás compras dos turistas, pero o fenómeno reprodúcese ao longo do ano con Domingo Villar e outros autores consagrados, como Manuel Rivas ou Suso de Toro.

Outras lecturas de verán
No mercado galego é difícil falar de best-sellers. A cociña de Larpeiros pola velocidade das vendas e as novelas de Domingo Villar pola fidelidade dos lectores son o máis parecido no 2009 a este fenómeno, e constitúen os maiores éxitos do verán galego. Pero non son os únicos títulos que contan coa preferencia dos lectores. Os libreiros sinalan dous libros de Xerais entre os máis vendidos en xullo e agosto: Pirata de María Reimóndez e Monte Louro, a última novela de Luís Rei Núñez, que agora vai ser reeditada.

Tamén as obras centradas en capítulos da represión franquista contan co favor do público. Curuxás, o guerrilleiro que Franco non cazou, publicado por Carlos Parrado en A Nosa Terra e Cartas de republicanos galegos condenados a morte, de Xesús Alonso Montero en Xerais, acadaron unhas cifras de venda notables pese a non ser obras de ficción.


4.64/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: