Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Política lingüística

O mundo literario alíñase con Barreiro nas críticas á Xunta

Escritores, poetas e académicos amosaron a súa preocupación pola "crispación" sobre a lingua e apoiaron as declaracións do presidente da RAG.

Redacción / Europa Press - 19:00 07/09/2009

Escritores e académicos do país apoiaron "absolutamente" as críticas do presidente da RAG á política lingüística da Xunta, presidida por Alberto Núñez Feijoo, ao que alertou arredor da "crispación" sobre o galego.

Así, o escritor e director de Editorial Galaxia, Víctor Freixanes, remitiuse ás palabras de Xosé Ramón Barreiro "sen matizacións". "Como membro da Real Academia subscribo todo o que dixo no se discurso. A preocupación do presidente é a nosa", declarou a Europa Press.

O novo membro da RAG Manuel Rivas coincidiu en expresar o "total apoio" á intervención do presidente da academia, que cualificou de "declaración histórica" e de "acto de dignidade". Valorou que a mensaxe "vai ter un efecto positivo na sociedade e para o propio Goberno". Engadiu que "vai espertar moitos que están anestesiados, porque durante a campaña houbo moita manipulación e intoxicación no tema da lingua". Rivas tamén considerou que será "positivo" para o propio Núñez Feijoo, porque "estaba nunha nube de información e isto situarao nun plano de realidade".

En opinión de Suso de Toro, as palabras pronunciadas por Barreiro Fernández non só eran necesarias "senón que incluso chegan tarde" fronte á "escandalosa" política da Xunta. "Hai unha ruptura da continuidade de toda autonomía", e como mostra desa "hostilidade" apuntou o recente discurso de Feijoo perante o Consello da Cultura "contra o idioma galego".

O escritor tamén censurou que "o posto dun bombeiro está a ocupalo un incendiario" e amosou a súa preocupación porque "como escritor galego teño claro que este Goberno prefire que non existamos". De Toro non agarda "ningunha reacción" do presidente do Goberno ao "toque de atención" da RAG.

O intelectual galeguista Isaac Díaz Pardo dixo estar "de acordo con todo o que diga" Barreiro Fernández, e explicou que a discusión sobre o idioma "é algo técnico, como a medicina. O Goberno non pode meterse en medicina nin en física e tampouco ten razón para metese no idioma", argumentou. Atribuíu as política lingüística da Xunta a "unha equivocación" e dixo que "as institucións lingüísticas opinan e hai que respectalo". Non confiou en que Feijoo reoriente a súa política porque "non lle dá importancia" e considerou que "a nova está un pouco forzada, porque Barreiro é moi prudente e non se puxo así, só dixo que hai que normalizar as cousas".

Francisco Fernández del Riego lamentou non estar informado da polémica, aínda que asegurou "sentirse académico" e aliñarse coa "posición da academia, que é a que manifesta o presidente". "Son un permanente defensor do idioma galego, funo sempre e seguireino sendo até que morra", proclamou.

O académico Darío Xohán Cabana afirmou que comparte "absolutamente" as críticas do presidente da RAG. Lamentou que o galego "xa corría perigo con anterioridade á derrogación do decreto, pero agora está en peor situación". Estimou que "se está a introducir unha desprotección total da lingua e da súa transmisión".

Pola súa banda, Xosé Luís Méndez Ferrín advertiu de que "o camiño é o contrario do que se está a facer" e que a Xunta "está tratando de desmantelar, de destruír" o galego. Confirmou estar "absolutamente de acordo" coas críticas do presidente da RAG e considerou un "disparate" a crispación arredor do galego: "Queren desfacer miles de anos de historia".

A poeta Iolanda Castaño celebrou tamén o "acto de coraxe e de honestidade" de Xosé Ramón Barreiro por denunciar a "vontade de crispación" da Xunta, ademais dunha serie de "medidas que non fan máis que recuar en materia de normalización lingüística". Nese senso, concluíu que "despois do moitísimo que custou e cando se podía encarar o futuro con maior optimismo, non se fixo máis que dar pasos atrás, levantar polémicas interesadas onde non as había".


4.95/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: