Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Recuperación

Estivo o Medulio na Serra da Lastra?

O berciano Tarsicio Carballo reivindica a zona fronteiriza entre Galiza e o Bierzo como o lugar onde se produciu o tráxico final dos galegos prerromanos.

M. del Río - 19:15 08/09/2009

Despois de dous mil anos, séguese a descoñecer onde se atopa o Monte Medulio, lugar onde os últimos guerreiros galaicos, cántabros e astures se suicidaron para evitar seren conquistados polas lexións romanas de Caio Furnio e Publio Carisio, no ano 22 antes de Cristo.

Contan as crónicas do historiador romano Floro que os indíxenas, ao ver chegada a fin da súa resistencia, antes que seren escravos preferiron darse morte a lume e ferro no medio dunha comida, cun veleno extraído do teixo. E iso aconteceu no Medulio.

Practicamente non hai lugar do noroeste da Península Ibérica que non reivindique ser o auténtico Medulio: dende Asturias e Cantabria até Tui e A Guarda, pasando pola Baixa Limia, O Courel e diversos puntos próximos ao Miño, seguindo os textos de Paulo Orosio. Pero unha das áreas onde se situou máis veces é o Bierzo. As semellanzas dos topónimos xogan ao favor destas teorías.

Unha das últimas accións para reivindicar a situación do Medulio levouna a cabo o Partido Rexionalista do Bierzo. Un grupo de voluntarios, encabezados polo presidente da formación, Tarsicio Carballo, fixeron limpeza das silveiras dun tramo da antiga calzada romana que atravesa a zona, na Serra da Enciña da Lastra, limítrofe con Galiza e próxima ás Médulas. "Estamos seguros de que é o Monte Medulio", afirmou.

Segundo Carballo, todos os datos coinciden: "a guerra contra os cántabros fora en Bergida, que é o Castro Bergidum, a carón de Cacabelos". Ao seu entender, cando os habitantes dese recinto amurallado fuxiron aos montes veciños "e non ían fuxir a Tui, a 300 quilómetros, ou a Cantabria", polo que avoga pola Serra da Lastra.

"Ten moita vexetación, é chá, innacesíbel dende a parte do Bierzo, e ten 23 quilómetros de perímetro, como os da fosa". Aínda que os romanos facían alusión a un monte a carón do Miño, esta serra dá ao Sil, que, segundo Carballo "para eles era o Miño".

Outros puntos a favor son os restos de fosos que hai no monte e un romance do século XII "recollido hai século e medio" sobre feitos acontecidos no Medulio que recolle topónimos que aínda perduran na zona, como o monte Biobra (Biobra é unha parroquia do concello de Rubiá, tamén na Serra da Lastra).

Sobre as outras teorías que existen sobre o verdadeiro emprazamento, Tarsicio Carballo, asegura que "moitos estudos apuntan xa a que este é o Monte Medulio, ao lado do Miño, que se confundía co Sil. É unha zona onde se ve o foso. Alí caberían 40 mil persoas perfectamente. E tamén está o Pico Tara, que era o monte sagrado".

Tamén xustifica a súa teoría pola cantidade de covas que existen na serra, e nas que se atoparon restos de asentamentos moi antigos. Carballo anunciou que lles pedirá á Xunta e ao Consello do Bierzo que lles axuden a limpar o camiño cara á Cidade.


4,74/5 (19 votos)

Novas relacionadas


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: