Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Educación infantil e primaria

O primeiro contacto coas letras xa se pode ter en galego

Presentouse o proxecto Colega, que trata de cubrir as carencias de métodos en galego para a aprendizaxe inicial da lectura e a escritura.

Moisés Álvarez - 09:30 09/09/2009

Cando os mestres de educación infantil e primaria intentan iniciar aos máis cativos no coñecemento e comprensión das letras e queren facelo en galego, “ou ben elaboran os seus propios materiais ou aproveitan o que hai editado en castelán”. Esa é a experiencia da mestra Teresa Fuciños, que xunto con María Carmen García Vila e María Xosé Rodríguez Ares propúxose remediar esta situación creando un método en galego de adquisición e desenvolvemento da lectoescritura. Así naceu o proxecto Colega.

Colega, derivado de “Comprensión e Lectoescritura en Galego”, é un método dirixido aos nenos e nenas de Educación Infantil e o primeiro ciclo de Primaria que se inician no achegamento á lectura e á escritura. “Puxémonos a elaborar este método porque vimos que había grandes carencias de material pedagóxico en galego. O que existía era moi limitado e non permitía facer un traballo completo”, explica Teresa Fuciños.

Un método lúdico
Este martes presentáronse os cinco cadernos iniciais do proxecto. As autoras tentaron ir máis alá dun simple método para aprender a debuxar letras: “quixemos crear un método que resultase lúdico”, sinala a coautora, “e que ademais das actividades típicas potenciase outras habilidades: atención, memoria, discriminación auditiva e visual, etc.”. Os cadernos Colega están pensados tanto para seren empregados nas aulas como para servir de apoio na casa.

O equipo de profesoras responsables do proxecto queren darlle continuidade, e xa pensan en novos materiais que completen a adquisición de habilidades lectoras e de escrita en idades temperás: “pensamos en elaborar xogos, láminas, abecedarios, e é probable que continuemos con novos cadernos de comprensión lectora pensados para o segundo e o terceiro ciclo de primaria”.

Nova editorial técnica
A aparición dos cadernos son a carta de presentación dunha nova editorial que naceu este ano en Vigo. Chámase Glía Edición e centrará o seu catálogo no campo técnico e educativo. Os cadernos Colega son a súa segunda publicación, logo dun manual práctico para a edición en Autocad, que saíu en castelán e para o que agora preparan a edición en galego.

“A editorial formámola persoas que vimos dos ámbitos técnicos e da enxeñería, e en gran parte relacionados coa ensinanza en formación profesional”, explica Marta Vázquez, xerente de Glía Edición. “Pretendemos atender os campos de formación nos que faltan publicacións, e ir cubrindo esas áreas con edición en galego”.


4,84/5 (32 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: