Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PANORAMA HISTÓRICO

As voces da Costa da Morte atopan espazo en Google Earth

'De Pondal ao Batallón Literario' é unha antoloxía poética editada por Miro Villar e Modesto Fraga

Redacción - 13:05 23/09/2009

De Pondal ao Batallón Literario. 120 anos de poesía na Costa da Morte é unha estensa antoloxía poética editada por Miro Villar e Modesto Fraga que xunta "todas as voces que existen na Costa da Morte" dende o Bardo até María Lado. Con textos desta publicación, culturagalega.com quixo facer a primeira antoloxía poética que leva a un percorrido visual en Google Earth. 


A idea desta obra nace do desexo de realizar "un panorama histórico da poesía da Costa da Morte" explica Miro Villar. Cando trazaron o proxecto, "propúxoselle a publicación á asociación Neria" e a organización dou o si. O 11 de xullo, a recuperación dos textos líricos de 26 autores dábase a coñecer nas Torres do Allo, en Zas. Pouco despois xorde a iniciativa de culturagalega.com, ideada por Manuel Gago, director da páxina. Consiste en sinalar un punto no mapa de Google Earth, e coa aplicación "podes ler un poema da Costa da Morte" que fala dese lugar, ademais de ofrecerche información sobre o autor. Tamén nalgúns poemas, o programa dá "a posibilidade de ver a imaxe" á que se refiren os seus autores. 

Para a obra, coeditada por Sotelo Branco e Neria, tivéronse en conta "basicamente dous criterios": que sexan autores da Costa da Morte e que "xa tivesen un libro individual publicado". A traxectoria da Costa da Morte a ter en conta foi a recollida por Fernández Carrera, "de Fisterra ás Sisargas" confirma o escritor ceense. Porén, "hai poetas que non son de aquí. Persoas que tiñan unha relación íntima co territorio", que tamén foron consideradas para a antoloxía coma Suso Baamonde, por exemplo. 

Así mesmo, os textos recollidos van do 1886 con Queixume dos Pinos até o 2006, de xeito que poetas novos coma Diana Varela, Diego Cousillas, Abel Mendes ou Alberto Lema, que contan con publicacións individuais non aparecen nesta antoloxía. 

O Batallón Literario 
"En realidade foi unha agrupación de escritores", recorda Miro Villar, quen tamén formou parte deste movemento. Os poetas do Batallón Literario tiñan a "idea de compartir cousas en común". Ademais sacaban unha revista que se ofertaba de balde e que levaba o nome dun poema de Pondal: Feros corvos. Tratábase dun "encontro de escritores" cuxo único requisito para entrar a formar parte era escribir. Despois de dous anos de intensa actividade, "discrepancias persoais dinamitaron o batallón", comenta o poeta.


4.11/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: