Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
VIII XORNADAS DO PAN

Na terra do queixo tamén lle rende culto ao pan

A Asociación Ánxel Casal organizou un ano máis un evento co que aposta pola recuperación dos traballos comunais como un parte activa da nosa tradición.

Pablo García Martínez - 20:59 27/09/2009

Este sábado celebrouse en Arzúa a última parte das Xornadas do Pan que dende hai xa oito anos  organiza a Asociación Cultural Ánxel Casal: a fornada. Igual que nas edicións anteriores o muíño da Fonte Santa, na parroquia de Lema, foi o escenario elixido para o último día de traballo e Pepe Conde, o muñeiro, volveu abrir as presas ao tempo que facía como anfitrión diante das case 300 persoas que se achegaron ao lugar durante todo o día. Así, malia que o verán do 2009 estivo preguiceiro e non se apurou a chegar, retardando a sega e deixándolle pouco tempo ao trigo para secar, as XIII Xornadas do Pan foron, novamente un motivo de ledicia e satisfacción para os que participaron nelas.

Dende primeira hora da mañá comezaron a renxer as pedras do muíño e segundo a fariña ía saíndo limpa da peneira un grupo de experimentadas panadeiras ían amasando os bolos e preparando as empanadas que despois comerían á hora do xantar, nunha pequena tregua para preparar a merenda. No medio dos cafés comezou a chegar a xente e cando os músicos empezaron a facer bruar as súas gaitas arrincou unha romaría na que se ofreceu unha degustación de chourizo, queixo e o pan feito durante todo o dia.

Así decorreu, un ano máis, unha xornada que serve aos máis vellos para rememorar as xuntanzas que se organizaban á volta dos traballos de labranza nos anos en que destes saía toda a comida que enchía o prato; e aos máis novos para manter vivo o vencello a unha tradición que a nosa idiosincrasia se obceca en lembrarnos.

Un costume nas parroquias do concello
Dende que no ano 2002 se fixera a primeira sega na parroquia de Maroxo e despois se mallara o trigo en Burres, as parroquias de Arzúa saben que coa chegada do verán teñen unha cita obrigada coas Xornadas do Pan. Este ano a sega celebrouse en San Martiño de Calvos, o día 31 de xullo, e foi alí tamén onde o día 8 de agosto se celebrou a malla. A asociación Ánxel Casal encárgase de dotar dun carácter litúrxico estas actividades de recuperación das nosas costumes, e nesa liña ían a entrega dos premios aos mellores segadores e as mellores atadoras que os agraciados ían recoller co sorriso de quen tempera dunha reliquia.

Remataron as VIII Xornadas do Pan e na despedida abondaron os “de hoxe a un ano” remoendo aínda as últimas faragullas aqueles para os que, por un día, o pan de millo e o de broa teñen o mesmo sabor: o sabor da nostalxia.


4.67/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O muíño traballando con millo
O muíño traballando con millo
Tamén o forno fixo o seu traballo
Tamén o forno fixo o seu traballo
As panadeiras, amasando
As panadeiras, amasando
Cos gaiteiros comezou a romaría
Cos gaiteiros comezou a romaría
Ao final do día houbo que darlle a proba ao pan
Ao final do día houbo que darlle a proba ao pan