Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Sentenza xudicial

Un avogado consegue que lle devolvan o canon dos CD que mercara

Un xulgado sevillano recoñécelle o dereito a recuperar o importe por empregar o soporte para copiar xuízos, que son actos públicos sen protección intelectual.

Redacción - 12:31 28/09/2009

O canon dixital que grava, entre outros soportes, os CD, pódese devolver se se demostra que o soporte non se empregou para reproducir obras protexidas por dereitos de autor. A primeira sentenza xudicial que o recoñece beneficia, precisamente, un avogado, ao que se lle reintegrarán 1,12 euros.

O letrado Joaquín Moeckel demostrou que usou os discos para copiar xuízos, que son actos públicos non suxeitos ás leis de protección da propiedade intelectual. O Xulgado do Mercantil número 1 de Sevilla condenou un comerciante a devolverlle o importe do canon de catro soportes dixitais ao avogado.

A sentenza declara que "queda suficientemente acreditado que o destino ou uso final" dos CD non foi a copia privada, que é o que grava o canon dixital, e que recada a Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE). Segundo Moeckel, a decisión xudicial podería beneficiar a todo o sector da Xustiza e mesmo a outras profesións como a Sanidade pública, que empregan discos para reproducir documentos de carácter público.

O avogado convidou "toda a avogacía" a non pagar o canon, porque "encarece o custo da Xustiza" e que se mobilice para cambiar unha lei que "presume a ilegalidade das actuacións dos profesionais". Cada un dos CD adquiridos polo avogado custáronlle 45 céntimos de euro, dos que 28 correspondían ao canon dixital.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: