Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Os exames imprimirans na Xunta

Prometen arranxar as fendas nos procesos de oposición

Mentres a investigación aclara a recente filtración, expulsarán os cinco aspirantes dos que se constatou que coñecían os cuestionarios.

Redacción - 13:15 07/11/2009

A Dirección Xeral de Función Pública, dependente da Consellaría de Facenda, anunciou este sábado que lle vai propoñer aos tribunais das primeiras probas dos exames de oposición ao corpo administrativo dos subgrupos C1 e C2 a expulsión de cinco aspirantes. O departamento considera probado que estas cinco persoas coñecían previamente os cuestionarios. Por este motivo, e coa fin de "achegar a máxima seguridade e transparencia" ao proceso, Función Pública determina esta expulsión e fará que a lista corra cinco postos para o seguinte exame.

No mesmo sentido, subliñan desde a Xunta que coa fin de extremar a seguridade no proceso, a confección e impresión dos exames realizarase exclusivamente nas dependencias da propia Xunta. Do mesmo xeito, nese proceso poderán participar exclusivamente traballadores dependentes da propia administración.

Exculpados os tribunais
Expoñen desde a consellaría que as investigación exculparon os membros dos tribunais destas probas, diferentes en ambos os dous exames. Así o conclúen despois de analizar que na proba C1 os seis primeiros opositores sacaron puntuacións superiores e distanciadas do resto "e que, ademais, os cinco primeiros presentaron un patrón similar de acertos e erros". Os mesmos cinco aspirantes apareceron posteriormente entre as mellores notas do exame C2.

A pescuda incluíu nas últimas semanas máis de 40 interrogatorios. A dirección xeral asegura que se chegou á conclusión de que a sexta opositora, "a única que ofreceu unha colaboración aberta co proceso e non participou no exame do C2", non ten relación directa con esta presunta actuación fraudulenta. O informe elaborado pola Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa da Consellaría de Presidencia, a instancias da Dirección Xeral de Función Pública, será enviado ao Ministerio Fiscal "para que este decida o que vexa conveniente, sen prexuízo do que Función Pública acorde no ámbito administrativo".


4.91/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: