Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Revival musical

Volve o guateque a Vilagarcía

Un concerto xuntará de novo os grupos que xurdiron na localidade nos 60, cando a canción lixeira deu paso ao primeiro rock.

Moisés Álvarez - 17:00 10/11/2009

Melodía, ritmo e actitude. A Los Ibéricos non lles faltaba ningún deses ingredientes, e por iso non dubidaron en vestirse de exipcios para interpretar en “Salto a la fama” de Televisión Española o seu “Tutankamon Twist”. Era 1963, e Los Ibéricos eran a cabeza visíbel da febre musical dos 60 en Vilagarcía de Arousa. Moitos daqueles grupos e solistas que fixeron a transición da canción lixeira ao pop-rock volverán subir ao escenario o 4 de decembro para recordar o son da rúa, os locais sociais e as radios da época na vila.

A concellería de Cultura de Vilagarcía e o Arquivo da Memoria Social da localidade organizan este reencontro, entre a nostalxia e a reivindicación, que leva o nome dunha mítica cancións de The Beatles: “Coa axuda dos meus amigos”. O proxecto naceu da vontade de recuperar a música que naquela década se interpretaba en Vilagarcía. “Como non contamos con gravacións, pensamos que si podiamos recuperar as cancións nas voces dos artistas”, explica Antonio Caeiro, do Arquivo da Memoria Social.

Entre os Striker's e a “Perla de Arosa”
O concerto abranguerá toda a diversidade musical da época en Vilgarcía. “Chegou a haber uns dez grupos na localidade ao mesmo tempo naqueles anos”, di Caeiro. Agromaron bandas de pop e rock na onda daquelas primeira influencias dos Beatles e os Stones no Estado español, como Los Striker's, Los Lunnik's, Los Kiwis, Los Relámpagos ou os xa mencionados Ibéricos, dos que naceron Los Duendes, que chegaron a gravar algún traballo discográfico nos 70. Uns grupos sucedíanse a outros e algún aínda está en activo: é o caso dos 7-70, formado por músicos daquela época.

E xunto a un bo feixe de formacións masculinas apareceron as 8+X, un nome curioso que esconde un grupo formado por oito mozas na onda do pop-rock melódico. En cada actuación facíanse acompañar por un noveno compoñente, ademais de facerlles os coros a algúns dos outros grupos.

A do pop é só unha das caras da música que soaba na época. Daquela estaban tamén os grupos ligados ás parroquias, os que actuaban en locais, teatros e liceos da vila en estilos máis clásicos, con certames como “Perla de Arosa”. Manolo Porto e Milucho interpretarán a canción coa que gañaron ese concurso. Na radio Voz de Arosa soaban canción lixeira, bolero, copla e pasodobre, estilos que se recuperarán no próximo concerto nas voces de Marita Gómez, María Anselma e Manolo Pérez. E o músico Casalderrey volverá desde Brasil para tocar a harmónica e guitarra, como facía daquela.

En Vilagarcía hai ganas de botar o oído cinco décadas atrás. As entradas voan con rapidez, pero o Arquivo da Memoria Social encargarase de que, esta vez si, todo quede rexistrado para a memoria futura.


4.2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Los Ibéricos
Los Ibéricos
Membros de Los Lunnik's e Los Striker's ensaiando na actualidade
Membros de Los Lunnik's e Los Striker's ensaiando na actualidade
Casalderrey tocando a guitarra e a harmónica
Casalderrey tocando a guitarra e a harmónica