Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
A Coruña

A poesía ao encontro do público

Lucía Aldao e Luis Eduardo Aute inician o ciclo “Poetas di(n)versos”, que leva ao directo algunhas das propostas poéticas máis interesantes.

Redacción - 10:45 11/11/2009

Sen pedantería nin solemnidade. Así quere chegar a poesía ao público no ciclo “Poetas di(n)versos”, unha proposta ambiciosa da Concellaría de Cultura da Coruña que levará á cidade a algúns dos autores máis significativos da poesía actual. Dez recitais ao longo de dez meses que xuntarán no escenario de cada vez a un poeta galego e outro de fóra de Galiza.

O ciclo está dirixido por Yolanda Castaño e aspira á estabilidade. Para iso propón unha programación de calidade e atractiva para un público amplo, na que participarán voces recoñecidas das literaturas galega, castelá, catalá, éuscara e portuguesa. O obxectivo é atraer aos amantes da poesía e seducir a lectores dubidosos para que lle perdan o medo.

Poesía con nome
A primeira das citas é este martes 17 con Lucía Aldao e Luis Eduardo Aute. Será unha cita coa poesía concibida para transmitir en directo. O de Aldao é un dos nomes máis renovadores na lírica galega actual, sobre todo pola súa capacidade para comunicar en directo coa palabra. E Aute compaxina as súas facetas de músico e pintor coa poesía, na que amosa enxeño, ritmo e expresividade.

O recital celébrase na Casa Salvador de Madariaga, onde se repetirá o martes central de cada mes. O 15 de decembro participarán Luis García Montero, un dos poetas en castelán máis recoñecidos na actualidade, e Luz Pozo Garza, a poeta galega de traxectoria máis dilatada. O 19 de xaneiro visitará A Coruña Joan Margarit, un dos grandes poetas en lingua catalá, que compartirá tempo e espazo cun referente da lírica galega, Xosé Mª Álvarez Cáccamo. O ciclo continuará logo con outras sete citas ao longo de 2010.


4.69/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: