Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Apagamento analóxico

Toda Galiza "será dixital" a tempo, despois dos atrasos

Comeza a transición á TDT no sueste do país, co acendido de 73 reemisores, que culminará o 18 de xaneiro. O resto cumprirase o 3 de abril.

Redacción - 09:30 19/11/2009
Concellos incluídos na área de Meda

Concellos incluídos na área de Meda

O 3 de abril "toda Galiza será dixital", asegurou o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, que presentou este mércores en Ourense o apagamento analóxico na zona de Meda, que comprende practicamente todo o sueste do país. Abril é a data límite fixada no Estado Español para despedir as emisións televisivas tradicionais, que no caso galego corresponderanlle ao sudoeste e ao nordeste do país. Case tres meses antes, a partir do 18 de xaneiro, quedarán sen televisión analóxica Compostela (centro-oeste), Ourense Leste, Meda (sueste) e Ares (norte).

Os proxectos de Compostela e Ourense Leste estaban incluídos na primeira fase de implantación da TDT, que tiña os seus apagamentos previstos para arredor do 30 de xuño, pero os atrasos, que o secretario xeral lle imputou ao anterior Goberno, obrigaron a adialos até a segunda fase, do 31 de decembro, que, á súa vez, se atrasou dúas semanas para non interferir coas festas do inverno.

Na área de Meda programouse un calendario de acendidos dixitais que se estenderán aos seus 85 concellos. Os primeiros 26 centros dixitalizados serán Quintá (Baltar), Arnuído (Vilar de Barrio), Lobeira, Maus de Salas (Muíños), Marzas (Baños de Molgas), Grou (Lobios), A Derrasa (Pereiro de Aguiar), Montederramo, Feas (Calvos de Randín), Casaio (Carballeda de Valdeorras), Pazos de San Clodio (San Cibrao das Viñas), Ponte Ambía (Baños de Molgas), Sarreaus, Xermade (Muíños), Prado (Vilar de Barrio), Pena (Xinzo de Limia), Liñares (Beariz), Lebozán (Beariz), Brues (Boborás), Pazos (Boborás), Xendive (Boborás), Santa Tegra (Castro Caldelas), Sas de Penelas (Castro Caldelas), Vilariño (Coles), Parada (O Irixo), Reza (Ourense) e Mourelos (O Saviñao). O resto dos centros acenderanse a un ritmo de oito por semana para rematar a tempo, na primeira quincena de xaneiro.

A actuación conta cun investimento de 2,2 millóns de euros, cofinanciados pola Xunta e polo Ministerio de Industria a partes iguais, e supoñerá a posta en funcionamento de 73 novos repetidores. A cobertura final na zona será do 97,3%. O resto da poboación terá que acceder á televisión a través do satélite.

Cabaleiro quixo destacar que a implantación da tecnoloxía dixital estana a facer empresas do país, polo que "é un motivo de orgullo que neste proceso os fabricantes, as empresas de enxeñaría e os instaladores son empresas galegas", que mesmo están a ter un "protagonismo especial" na implantación da TDT no Estado Español e en Europa, o que demostra que "temos un sector das telecomunicacións punteiro".

Máis canles
O subdirector xeral de Enxeñería e Planificación de Telecomunicación, Radio, Televisión e Multimedia, Ignacio Otero, explicou que todos os repetidores analóxicos instalados polos concellos pasarán a dixital, grazas á colaboración dos gobernos locais. Tamén anunciou que, despois do apagamento analóxico, volverase ampliar a oferta televisiva, engadíndolles "outras 20 canles" ás dúas ducias actuais.


3.67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: