Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
NORMALIZACIÓN

Intervención de Rafael Cuíña na sesión inaugural de Ecolingua

Ofrecémoslle de xeito íntegro o texto do empresario e articulista lalinense que vén de erguer unha enésima polémica con Galicia Bilingüe.

Redacción - 12:41 17/12/2009

O GALEGO É DE TODOS

Bo día

En primeiro lugar o meu máis sincero agradecemento aos presentes pola súa asistencia, e ao ISTITUTO GALEGO DE ESTUDOS EUROPEOS E AUTONÓMICOS por convidar un empresario galeguista a facer a intervención de apertura destas xornadas representativas da dignidade dun país.

Agradecemento tamén, por ter a valentía, e facer o tremendo esforzo, de deseñar un programa plural no que a diversidade de tendencias que ten Galicia, en canto á súa concepción de país se refire, se vexa reflectida  nuns relatorios á altura do que esta bendita terra merece.

Non é ningún segredo afirmar que en tódolos ámbitos da sociedade galega, aprézase a triste existencia dun momento complicado para un dos símbolos e alicerces fundamentais da cultura dun pobo, como é a súa ferramenta de comunicación enraizada no imaxinario colectivo, tras séculos de utilización, sendo sustento no noso caso dunha concepción social autoidentificadora de pobo diferenciado, cunha visión complementaria cara outras realidades lingüísticas do Estado, mais non excluínte.

Cando tantos milleiros e milleiros de galegos se manifestan nas rúas dese mar de pedra estremecido polo vento, como lle chamou Celso Emilio Ferreiro a Compostela, como símbolo do sentimento e da simbiose entre o pobo galego e a súa cultura, temerosas pola vixencia da identidade de seu, mais dispostas a defendela co empuxe e a determinación dos que saben que teñen a razón; o primeiro que tiñan que recoñecer os que están a crear este problema, é de facto a súa existencia. Os que se amosan dispostos a abrila “caixa de pandora” da indecencia lingüístico-cultural e se converten en creadores de brétemas artificiais evocadoras de complexos de inferioridade, saben que teñen enfronte unha lexión de galegos, dignos defensores do que non deberían ter que defender, mais prestos a facelo, por enfrontarmonos a un futuro lingüístico incerto, no que as cuestións que de verdade odiamos facer, son as que tememos coñecer xa a resposta.

Pois si, rotundamente, o galego é de todas e de todos, é a alma dun pobo de traballadores e empresarios, de políticos, xornalistas e financeiros, e de xentes de toda condición social con ampla visión das necesidades do seu pobo reflectidas de base no seu propio ser.

É dos militantes do PP, do PSOE, do BNG; é de conservadores, liberais, socialdemócratas e marxistas; é dos que como Castelao pensamos que “sendo galego non podo ser máis que galeguista”, é a demostración máis sinxela do seu tremendo potencial como elemento de cohesión social entre sectores en ocasións enfrontados por intereses bastardos. Nestas ocasións, é cando se poden facer gabanzas dos representantes sociais que buscan consensos, e a denuncia dos elementos hostís que provocan actitudes destrutivas de todo aquelo que con tanto esforzo fomos gañando co tempo, como é o galego.

Denuncio os irresponsables políticos dispostos a ser verdugos  de todo aquilo que non sexa “pragmatismo castelanista”, e aos partidos que os sustentan mirando cara outro lado cando esto se está a producir.

Denuncio os empresarios que consideran “infantilismo utópico” a utilización dun idioma propio que non provoque rendementos de capital inmediato, sen aprezar nin ter en conta o potencial do propio, cara investimentos en mercados irmáns como o portugués, o brasileiro e tantos outros emerxentes ou xa consolidados.

O reduccionismo mental da asunción do “pragmatismo existencial”, como referencia para o desenvolvemento empresarial, é un déficit daqueles que non son capaces de ter a grandeza de miras de utilizar unha lingua propia, coexistente e en pé de igualdade coa do Estado, como oportunidade engadida, máis que como un problema. É a demostración palpable dunha miopía empresarial que utiliza garfos nun mundo de sopa.

E como denuncio estes posicionamentos, tamén gabo os contrarios, os de tantos empresarios que non só non se esconden nas súas obrigas co entorno no que traballan e crean riqueza, senón que o promoven e o sustentan.

Denuncio tamén a aquelas asociacións cidadáns, por marxinais que estas sexan, que se disfrazan de defensores da liberdade lingüística, e presionan a gobernos,  cando en realidade son monolingüistas  que consideran ao idioma nai desta terra como un elemento accesorio, mais nunca prioritario. A suposta liberdade de elección dun idioma, non pode deixar aberta a porta ao negacionismo cultural, como avala o propio Tribunal Supremo nunha recente sentenza. Intentar rebaixar a presenza do que vai na propia esencia, é propio de imbéciles e escuros, como di o himno de Pondal.

Debemos ter en conta que nos intentos de contenda, incluso cando un gaña o que crías que querías, pode de repente ser revalorizado; de aí que de todo isto xurdan organizacións que representan a dignidade dos galegos, como pode ser “Prolingua”, ou a propia “Queremos Galego”, como se dunhas modernas “Irmandades da Fala” se tratasen, que ante os devanditos ataques dalgunhas pseudoélites urbanas, e demais grupos de presión, contra a lingua galega, reaccionan/reaccionamos con principios “unamunianos” como “venceredes pero non convenceredes”, aínda que eu son directamente máis partidario da esperanza de dicir “como non convenceredes, non venceredes”, debe ser seguramente un “ramalazo” meu de “infantilismo utópico”. Por tanto ese bilingüismo falso, non é máis ca un elemento potencial inductor de ambigüidade e asfixia cultural identidaria; xa sexa por acción ou por omisión, xa sexa por dolo ou culpa, é un salto ao baleiro da nosa cultura, coa posibilidade e perigosidade  case viral, de transmisión posterior a calquera ámbito social.

Fronte ao negacionismo lingüístico, traballo arreo en prol de nosa cultura.

Fronte aos que miran cara outro lado nestes momentos, denuncia sen paliativos.

E fronte a indignidade, sempre COMPROMISO.

Lémbrolles a algúns a súa responsabilidade ante a Historia deste pobo; as súas accións negativas sempre estarán no “debe” existencial del, pola súa ignorancia fagocitadora cultural, e as súas achegas, no “haber” do orgullo de pertencer á caste galega. No “haber” sempre estarán verbas cargadas de simbolismo e máis aló do efectismo, como POSITIVISMO, CONSENSO E COMPROMISO.

Lonxe de aceptar a existencia dunha suposta imposición, e evidenciando que é un debate viciado pola mala fe, o meu modesto recoñecemento persoal a persoas como Anxo Quintana, que co decreto do galego aínda  vixente, e próximo a ir ao “soño dos xustos”, buscaba máis “poñer” que “impoñer” dentro da realidade de Galicia como ente plurilingüe.

Reitero como mensaxe principal que non se pode entender Galiza sen ter o seu idioma nai como referente absoluto, nin se pode entender por parte da nosa sociedade, a non existencia de consensos coa nosa cultura, como alicerce de desenvolvemento social, empresarial e vital. Esa “baraka” na que viviron durante décadas os que consideraban unicamente o galego como parte dun folclore, máis que como a esencia da alma dun pobo, rematou. Somos a nación do Estado español, na que maior porcentaxe de xente estatisticamente coñece a súa lingua chamada “vernácula”, e fronte aos que pensan que é unha teima endogámica nacionalista, a realidade é que a lingua maioritaria de tódalas forzas do abano parlamentario, -e dos que non o son-, utilizada polos seus votantes, é o galego.

Unha vez que perdamos o valor incalculable da nosa lingua, xa non teremos posibilidade de “plan B”, e o dano sería determinante para o noso futuro como pobo. Por todo elo prégolle a nacionalistas e galeguistas, a  “piñeiristas” e a militantes de partidos centralistas de calquera recanto de Galicia, simplemente compromiso co noso. Un, que comparte a visión en canto a concepción de Galicia como nación, lingua , territorio, tradición e institucións propias con espírito e alma colectivas, na liña de Risco, máis ca na do tamén admirado Boveda, probablemente aposte pola metade do camiño, e para rematar lembre os fermosos versos de Cabanillas que levo marcados a lume na alma:

Galicia! Nai e señora
Sempre agarimosa e forte
Preto e lonxe; onte, agora,
Mañán, na vida e na morte.

Moitas grazas


4.82/5 (49 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: