Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
Entrevista

Conversa con Valentina Formoso

Nacida na Serra de Outes. É doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago e profesora de ensino medio. Comprometida coa lingua galega, é unha das persoas fundadoras da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística [CGENDL], da que é coordinadora xeral dende novembro do ano pasado.

Redacción Irimia - 21:08 07/01/2010
Tags:

Vai garantir este decreto que o galego sexa unha lingua normal? 

Tal e como está  redactado este borrador, é imposible. O ensino ten que ter un papel compensatorio da desigualdade das dúas linguas, toda lexislación debe apoiar ao débil, neste caso a lingua galega, e este decreto non o fai porque está redactado coma se o galego xa fose unha lingua “normal” en Galicia e estamos bastante lonxe diso. Baixar a cota de obrigatoriedade do galego ao 33% en centros onde xa se alcanzou o 50%, ou máis por vontade do profesorado, supón un retroceso importante, e se se quere ir cara a unha “normalización” do galego non se poden dar pasos atrás. Desde a CGENDL defendemos unha educación igualitaria, tamén na aprendizaxe das dúas linguas oficiais, nas que o alumnado debe acadar unha competencia lingüística plena ao rematar o ensino obrigatorio. Polo tanto, este decreto contén unha clara discriminación cara ao galego. 

Vai deter a perda de falantes? 

Os falantes dunha lingua non se gañan ou se perden exclusivamente no ensino, pero este é  parte fundamental dunha planificación lingüística que busque a recuperación da lingua. É imposible, nos tempos que corren, que se manteña a lingua se os falantes non teñen competencia oral e escrita na nela. Isto só o pode garantir o ensino. A lingua galega non está en igualdade de condicións co castelán e a súa presenza é practicamente nula en multitude de ámbitos da sociedade; polo tanto, é na escola onde a poden aprender. Todos os especialistas din que cun ensino de menos do 50% na lingua minorizada é imposible garantir o seu dominio. Daquela, canta menos xente sexa capaz de ter unha das competencias activas máis importantes, falar, obviamente menos falantes haberá de galego. 

Débese aumentar a presenza do inglés reducindo a do galego?
 
A presentación dunha lexislación que quere ir na vangarda do Estado español (todo el, coas comunidades monolingües en cabeza, deficitario en coñecemento de linguas estranxeiras, nomeadamente o inglés) cun ensino trilingüe, onde aparezan ao mesmo nivel as dúas linguas oficias e unha lingua estranxeira, é totalmente demagóxico. A fórmula para a aprendizaxe de linguas estranxeiras, non oficiais na nosa comunidade, non pode estar supeditada a quitarlle horas ás linguas oficiais, nomeadamente ao galego, que é a que necesita de potenciación. Desde a Coordinadora apostamos polo fortalecemento do ensino de linguas estranxeiras pero tomando as medidas pedagóxicas necesarias e facendo unha planificación seria: reducindo a ratio de alumnado por aula, dotando os centros de aulas de idiomas ben equipadas, aumentando as estadías no estranxeiro para o alumnado e o profesorado, fomentando a súa práctica con lectores nativos, etc. Estas medidas deben ser dirixidas ao conxunto de todo o alumnado, posto que o dominio das linguas estranxeiras, e en particular do inglés, non pode supeditarse ao número de materias que cada centro poida impartir nesa lingua. Outro punto máis de discriminación na educación. 

Que vai pasar coa educación infantil en ámbitos urbanos e periurbanos ou en rurais diglósicos? 

Se pretenden que as familias “voten” sobre a lingua en que queren que se lles ensine aos fillos, e se a elección vai ser ou galego ou castelán, a resposta podémola saber todos antes de que se faga o escrutinio. O galego e o castelán non xogan na mesma división, é coma se lle pregunto a un alumno meu que escolla entre un dos equipos líderes da 1ª división dos que son fans (R. Madrid ou Barça) e o Outes, por exemplo. Movémonos nun mercado lingüístico e o castelán é o que goza dos espazos publicitarios, é o que á poboación lle parece que é o garante da promoción social para os seus fillos. Daquela, se isto vai adiante, a educación infantil, que recolle a etapa na que os nenos e nenas desenvolven a linguaxe e fixan a súa lingua, será tanto nuns ámbitos coma nos outros, en castelán. Se ademais a elección se vai gañar por maiorías simples, aínda que haxa un 49% dos pais que opinen o contrario ca o 51% restante, só van ter liberdade de elección os segundos, a liberdade dos primeiros queda totalmente anulada. E para máis INRI as “votacións” serán cada catro anos, é dicir, que haberá pais que teñen agora os seus fillos en infantil e que ata dentro de 5 anos non terán a posibilidade de opinar... 

Que cres que vai pasar nos claustros á hora de tomar a decisión de cubrir o terzo do inglés cando sexa o caso?
 
Este decreto está  elaborado desde o total descoñecemento da realidade e funcionamento dos centros educativos e desde unhas bases políticas e demagóxicas. Parece que familias e alumnado teñen moito que dicir, pero o claustro do profesorado nada, non se lle vai preguntar nada. Só os consellos escolares, onde hai representación do profesorado, parece que van ter oportunidade de falar. Aclarado isto, cando non se poida cubrir o terzo do inglés, que será na inmensa maioría dos casos, atoparémonos con situacións surrealistas: pais que teñan que “votar” polo ensino nunha ou noutra lingua e que se absteñan, daquela igual deciden o tema o 10% dos pais dun centro; profesorado que sempre dou as ciencias sociais en galego (porque era obrigatorio desde o 1995) e agora teñan que dala en castelán, cando teñan os materiais preparados en galego; materias que os pais decidan (ou teñan que decidir) dar en galego para cubrir o “cupo” e que non conten con ningún libro editado en galego; profesorado que sempre deu a materia en castelán e lle “toque” dala en galego. Os claustros están formados por profesorado que ten abondo que loitar cos problemas que ten o ensino hoxe coma para poñerse, a maiores, a elaborar materiais propios en galego. Se non hai materias de obrigada impartición en galego, que editoriais van arriscar a publicar libros de texto de determinada materia en galego cando non hai un número certo de centros que os vaian demandar? E no caso de que o profesor/a teña que dar a materia en galego teremos a un docente falando en galego e ao alumnado en castelán e repetindo a lección nesa lingua, por suposto... 

Pódese equiparar a situación do castelán e a o do inglés coa do galego e darlles o mesmo peso no ensino

O galego é unha lingua minorizada, as outras dúas por circunstancias históricas, económicas e sociais son linguas de prestixio, que gozan dunha moi boa saúde neste momento. A sociedade sabe que é imprescindible a súa aprendizaxe, mentres que dubida da conveniencia do ensino do galego e do ensino en galego. Ademais, como xa indiquei, o inglés non é lingua oficial de Galicia. A administración ten a obriga de potenciar a lingua propia de Galicia, que se atopa ameazada e non a está cumprindo desde o momento en que se busca limitala no sistema educativo cunha norma moi regresiva. A escola debe buscar un equilibrio para a aprendizaxe das linguas, xa que na sociedade non o hai e ese equilibrio pasa por potenciar o galego no sistema educativo.


4.71/5 (42 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: