Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Nova montaxe de Berrobambán

Ano de 'Bicharada'

Humor sen palabras para pequenos e grandes, baixo a dirección artística de Evaristo Calvo. 'Bicharada' xa de xira polos escenarios.

Redacción - 11:15 19/01/2010

"Unha araña e unha formiga viven tranquilas na paz do seu recuncho, até que un día aparece un animal misterioso... un escaravello! A integración do novo veciño vai ser máis complicada do que parece". Así de simple se explica un espectáculo argallado cun "equipo de bichos de excepción". Gastronomía e enredos deses seres tan pequenos "que normalmente non reparamos neles".

Paula Carballeira, Chiqui Pereira e Anabel Gago soben aos escenarios para darlle vida a unha peza que promete peneirar con sinxeleza escenografía, vestiario e iluminación para encher os teatros de de maxia e imaxinación. Unha proposta coa que a compañía Berrobambán volve ao territorio mudo, á linguaxe visual e humor sen palabras, espremendo a súa experiencia no ámbito do teatro infantil.

Para darlle forma a esta nova obra, Berrombambán conta coa dirección artística de Evaristo Calvo, quen como autor e director realizou dous espectáculos para a compañía Sapristi: “Hotel Run” e “So Sobre”, que destacan na súa traxectoria pola súa singularidade "e porque neles se amosa o peculiar mundo surrealista deste creador". Coñecido especialmente nos escenarios polo seu traballo á beira de Víctor L. Mosqueira na compañía Mofa e Befa, Evaristo Calvo foi premio María Casares en dúas ocasións: pola súa dirección e dramaturxia para Qui pro Quo, de Ollomoltranvía, e como actor, por Anxeliños. Enriba das táboas estarán desta volta a actriz, contacontos e escritora Paula Carballeira, Chiqui Pereira e Anabell Gago,gañadora en dúas ocasións do premio María Casares polas súas interpretacións. Ademais, música en directo a cargo dos propios bechos, ambientación musical gravada composta por Manolo Panforreteiro, e voz en off da actriz Patricia de Lorenzo.

A Bicharada estará o domingo 24 de xaneiro, ás 12.00 e 18.30, no Teatro Principal de Pontevedra, en funcións inseridas na programación “Domingos no Principal”. Ao día seguinte, luns 25, haberá tamén dúas funcións escolares, ás 10.00 e 12.00. Xa o venres 29, haberá unha nova función, ás 18.00, no Auditorio Municipal do Carballiño.


2.5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: