Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Declaracións de Roberto Varela

"A RAG e a sociedade galega van en distinta dirección", retruca o conselleiro de Cultura

A Academia lamenta que a Xunta insista en manter o borrador. Tamén este martes houbo xuntanza entre Educación e os sindicatos da Mesa Sectorial do Ensino.

Redacción - 18:25 19/01/2010

No día despois de que a Real Academia Galega (RAG) fixese pública a súa opinión sobre o borrador do decreto do galego no ensino, foi o conselleiro de Cultura quen asumiu a crítica por parte do Goberno. Roberto Varela defendeu o documento elaborado pola Xunta e reiterou que “garante” o uso do galego no ámbito da educación, ao tempo que asegurou que o informe da RAG inclúe “cousas erradas”.

Varela sostivo que as bases elaboradas polo Goberno teñen “os compoñentes para que sexa un decreto que funcione”, que “abre a posibilidade para o futuro da introdución do inglés” e que “en absoluto pon en perigo ao galego”. Ao respecto da análise da RAG insistiu en que “unha cousa é o expresado por esta institución e outra a sociedade galega, que vai noutra dirección”.

O conselleiro de Cultura saíu así en axuda do seu homólogo de Educación, moi criticado estes días, e en defensa da política lingüística da Xunta, escenificando o apoio co que conta esta iniciativa por parte de todos os membros do Goberno. Confírmase así a estratexia do Goberno do PPdeG de mobilizar os seus responsábeis, amais das súas bases, para amosar un consenso popular en torno ao tema da lingua.

A RAG lamenta que a Xunta insista en manter o borrador
Pola súa parte, ao remate da xuntanza mantida co conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, o presidente en funcións e secretario da Real Academia Galega (RAG) lamentou que a Xunta “insista en manter as liñas básicas” do decreto. Cualificou o encontro de “aberto, franco e positivo”, no que a Consellaría “insistiu nos seus argumentos” mentres que a Real Academia incidiu no “contido crítico” do seu informe.

Nesa liña, o académico subliñou que houbo algún “elemento positivo” durante a xuntanza: que o Goberno insistiu en que a súa proposta é “un texto aberto” e que “eran conscientes de que aínda hai que melloralo”, polo que asumen que “haberá que introducir cambios”.

Os sindicatos, sen fisuras
Tamén este martes celebrou a xuntanza entre a Consellaría de Educación e os sindicatos da Mesa Sectorial do Ensino: CIG-Ensino, CCOO, FETE-UXT, ANPE e STEG. Todas as organizacións, que apoian a convocatoria de folga do vindeiro xoves, achegáronlle a Vázquez a súa preocupación pola situación na que queda o galego.

Así, a rolda de contactos desenvolveuse segundo o previsto. De todas estas organizacións, a máis próxima ao PPdeG, ANPE-Galicia, confirmou o seu achegamento ás teses defendidas polos colectivos contrarios ao decreto. O presidente deste sindicato, Julio Díaz, pediulle a Vázquez “que tome unha decisión política sobre que materias se darán en galego e cales en castelán”, xa que “ten que haber un equilibrio importante” entre a porcentaxe de ambos idiomas que “baixo ningún concepto” debe partir da decisión dos pais.

Doutra banda, a Asociación Sociopedagóxica Galega (AS-PG) remitiu unha carta ao conselleiro de Educación e ao secretario xeral de Política Lingüística lamentando que non tivesen en consideración a súa traxectoria (máis de trinta anos traballando no campo da normalización) á hora de levar a cabo a rolda de consultas sobre o borrador do decreto.



4.4/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: