Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Gaba a política lingüística de Feijoo

O xornal alemán con maior difusión no estranxeiro chama "nacionalistas radicais" aos manifestantes do 21-X

O 'Frankfurter Allgemeine Zeitung' analiza o 'problema lingüístico' no Estado Español, creado a raíz da "chegada dos nacionalistas aos gobernos rexionais".

Fernando Arrizado - 16:30 01/02/2010

O Frankfurter Allgemeine Zeitung (FAZ), de tendencia "conservadora-liberal", é o xornal alemán con maior difusión no estranxeiro. De feito, conta co máis grande plantel de correspondentes de entre todos os periódicos que se editan no mundo.

Na súa edición deste domingo faise eco da folga de propietarios de salas de cine en Cataluña que "se ven ameazados" pola nova lei que impulsa a Generalitat ao respecto da dobraxe dos filmes ao catalán -ao "dialecto local", en palabras do rotativo xermano.

Aproveitando a actualidade que chega do país mediterráneo, o xornalista Leo Wieland fai unha análise do 'problema lingüístico' no Estado Español. Bota man da situación do catalán, éuscaro e galego durante a ditadura de Franco, e como supostamente as tornas mudaron tanto que agora son os "separatistas de Cataluña e doutras zonas os que amolan a maioría".

"A pacífica Galiza"
"Mesmo na pacífica Galiza queimaron hai uns días bandeiras españolas. Varios milleiros de nacionalistas radicais protestaron en Santiago de Compostela, contra a tentativa do novo goberno (conservador) do presidente Alberto Núñez Feijoo de derrogar as normas adoptadas polos seus antecesores socialistas-nacionalistas", 'informa' o rotativo.

E engade: "Feijoo quere que nas escolas se utilice un terzo de galego, español e inglés, respectivamente, como lingua de instrución, e quere que os pais sexan libres para decidir cales destas linguas queren para os seus fillos".

"Electoralismo dos separatistas coa lingua"

O FAZ considera que o cualificativo de "históricas" deu pé a Cataluña, País Vasco e Galiza a manter vivos o catalán, o éuscaro e o galego. No caso de Galiza, "que fai fronteira entre o castelán e o portugués", "promoveuse o galego con éxito -coa axuda do antigo presidente Manuel Fraga Iribarne, que no seu día foi ministro da censura con Franco".

Neste senso, afirman que "os partidos separatistas fan electoralismo coa lingua". "Así que un partido nacionalista chegou a un goberno rexional, as leis foron reescritas para que nas escolas, teatros, Administración e incluso nos cines se fale doutro xeito", conclúen.


Ligazóns

1.17/5 (30 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: