Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Obstáculo á fusión galega

O goberno español turra contra a lei de caixas

Redacción - 16:20 05/02/2010
A vicepresidenta do goberno español, María Teresa Fernández De la Vega

A vicepresidenta do goberno español, María Teresa Fernández De la Vega

Tal e como se agardaba, á saída do Consello de Ministros deste venres, a vicepresidenta do goberno español, María Teresa Fernández de la Vega, confirmou que o goberno español vai presentar recurso de inconstitucionalidade contra "determinados preceptos" da lei galega de caixas de aforros recentemente aprobada polo Parlamento. De la Vega apuntou que a norma "vai máis alá" das competencias de Galiza "á hora de determinar a solvencia e a natureza das entidades de crédito". Por este motivo, explicou, decidiron que a lei galega "non se axusta á lei estatal" no que respecta aos órganos de representación das entidades.

Na práctica, este recurso vai frear a renovación en marcha dos órganos de goberno de Caixa Galicia e Caixanova, evitando que nos próximos dous meses se produza o cambio do 75% da representación das asembleas das dúas caixas. O adiamento derivado do proceso xudicial, e de non haber un acordo para a retirada do recurso, implicaría que se excedese o prazo autorizado pola administración europea para o outorgamento de inxeccións públicas de liquidez ás entidades. Isto significa a paralización da potencial fusión entre Caixa Galicia e Caixanova.

Unha manobra que sitúa o futuro das entidades galegas no contorno de posíbeis absorcións por parte de caixas foráneas a través do previo paso de alianzas a través do Sistema Institucional de Protección (SIP). Cara a ese escenario, Caixa Galicia mantén abertas canles de negociación con Caja Madrid, nunha operación que podería incluír tamén a Caja de Ahorros del Mediterráneo. Pola súa banda, Caixanova ten en proceso negociacións a varias bandas con Cajastur, Caja Cantabria, a balear Sa Nostra e Caja Murcia.


2.45/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: