Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Orzamentos da Real Academia Galega

Que pague a Xunta e que pague o goberno español, esixe Ferrín

O presidente da RAG pide a inclusión da institución nos orzamentos da Xunta e nos xerais do Estado. Avalía en 1,2 millóns a necesidade "para sobrevivir".

Redacción / EP - 17:30 08/02/2010
Xosé Luís Baltar e Méndez Ferrín

Xosé Luís Baltar e Méndez Ferrín

Na liña do que xa veu manifestando en pública desde a súa elección como presidente da Real Academia Galega (RAG), o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín insistiu en que a Xunta de Galicia debe asignar unha cantidade fixa nos orzamentos anuais coa que axudar a manter o traballo da institución.

A maiores, Méndez Ferrín reivindicou a implicación do goberno español no sostén económico da RAG. Na súa opinión, a institución "ten dereito e así debería ser". Como aval da súa proposta citou o caso da Academia Vasca á que, lembrou, apoian economicamente non só o goberno de Euskadi, as deputacións vascas e Nafarroa senón tamén o Ministerio de Cultura da República Francesa. Nese sentido calculou que as necesidades financeiras da Real Academia Galega estarían arredor dos 1,2 millóns de euros anuais. Debullou ao respecto a existencia de "28 persoas en nómina" e o desafío de diversos traballos permanentes" como é a edición do seu dicionario, "unha tarefa inacabábel", e tamén "as terminoloxías, continuar coa toponimia e na onomástica persoal".

Futuro convenio coa Deputación de Ourense
Ferrín realizou estas declaracións durante a súa visita oficial á Deputación de Ourense, onde aproveitou para subliñar que a RAG non dispón de fondos propios e está obrigada a "pedir subvencións finalistas". Ao fío, agradeceu o apoio económico "histórico" das deputacións, malia definilo de "insuficiente" e reclamou maior compromiso doutras administracións.

Pola súa banda, o presidente da deputación ourensá, Xosé Luís Baltar, asegurou que o ente provincial garante o seu "compromiso moral e económico" para que a RAG "non pase estreitezas" e ofreceu "desde agora" a posibilidade dun convenio coa institución.


4.48/5 (23 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: