Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Libro-CD de OQO editora

Magín Blanco chimpa á literatura infantil con 'A nena e o grilo'

Producido na parte musical por Uxía e ilustrado por Iván Prieto, conta coa colaboración de varios compositores.

Redacción - 18:55 09/02/2010

"Estas cancións aloumiñan os oídos, pero tamén contan historias. Falan dun país onde as portas sempre están abertas e ninguén se sente estranxeiro. Alí viven unha nena azul e mais un grilo que, para escapar do aburrimento, inventan mil pasatempos".

Magín Blanco, unha das figuras máis senlleiras do pop do país, dá o salto ao público infantil co libro-CD A nena e o grilo da man de OQO editora. Neste traballo bibliodiscográfico, producido na parte musical por Uxía e ilustrado por Iván Prieto, colaboraron Guadi Galego, Ugia Pedreira, Fred Martins ou Tarci Dávila, e tamén João Afonso, nas letras.

Un mosaico de textos, cancións e debuxos conforman este volume no que o coñecido compositor ourensán se encarga de encaixar todas as pezas. Respecto ás ilustracións, Prieto utiliza unha multitude de recortes con diferentes tonalidades e texturas para as imaxes, acaídas a esta historia híbrida e heteroxénea, cunha estética urbana e actual.

A nena e o grilo
procura conectar a escola coa vida e adoptar unha actitude crítica e construtiva a prol de valores básicos como o respecto pola natureza, a liberdade, a solidariedade, o afecto, a convivencia, a identidade ou a amizade. Unha obra que convida a ter fe na vida e nos outros.

Ao tempo, salientan desde OQO editora, "é un material, para todos os que traballan e apostan por un ensino aberto, innovador e significativo, no marco dos problemas e os cambios sociais que teñen lugar na realidade".


3.38/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: