Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
OS GOYA NA INTERNET

A rede réndese a Luís Tosar

Redes sociais e blogs reciben con entusiasmo o premio ao actor, que fixo parte do agradecemento en galego.

Redacción - 12:45 15/02/2010
Tosar falou "na súa lingua" na gala

Tosar falou "na súa lingua" na gala

Os blogs e as redes sociais fanse eco do Goya obtido este domingo por Luís Tosar polo seu papel en Celda 211. En Twitter, facendo unha busca simple da palabra "Tosar" pódese comprobar a ampla recepción que tivo o galardón tanto entre internautas de Galiza como do resto do mundo e, se se retrocede un par de páxinas, asistir ao momento en que se facía público o premio, que moitas persoas seguiron ao vivo.

Nos blogs tamén se poden ler xa comentarios arredor do filme, como é o caso de Trafegando Ronseis, que recomenda ir xa ver Celda 211; A Biblioteca do Colmeiro; Ferradura en tránsito; De todo un chisco, que lle manda os parabéns a Tosar; Xabier Pita, que repasa todos os premiados, ou Olladas de fiestra, que menciona tamén o premio Maruxa Villanueva a Gonzalo Uriarte.

No Facebook xa existía un grupo que pide o Goya e mais o Oscar para Luís Tosar por Celda 211, e que conta xa con máis de 170 apoios. Por outra banda, a páxina do actor ten xa máis de 1.800 seareiros.

Outra galega no escenario
Pero na noite dos Goya tamén houbo outra galega que recibiu un premio. Emma Lustres, directora de Vaca Films e produtora de Celda 211, foi a encargada de recoller o premio ao mellor filme, da man de Pedro Almodóvar.

"Parabéns e lección de dignidade"
O BNG transmitiulle este luns os "parabéns" a Luís Tosar e enxalzou a "lección de dignidade" que ofreceu na gala dos Goya ao empregar a lingua propia de Galiza nos agradecementos. Para o BNG, é "unha moi boa nova", non só para o actor, senón tamén para o audiovisual galego, do que Tosar "é xa un referente indiscutíbel".

Con respecto ao uso do galego que fixo Tosar no discurso de agradecemento, salientou que foi un acto de "autoestima e de posta en valor dun dos principais sinais de identidade nacional".

Tamén a voceira de Cultura do PSdeG no Parlamento, Concepción Burgo, fixo pública á última hora da tarde a felicitación á produtora Vaca Films e ao actor Luís Tosar polos premios que, ao seu xuízo, demostran o "potencial" e a "fortaleza" da industria audiovisual do país "en todas as súas manifestacións".

Roberto Varela "emocionouse"
O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, felicitou a Luís Tosar polo seu premio Goya, asegurando que se "emocionou" na entrega de galardóns.

Varela afirmou que "escoitar palabras en galego en Madrid sempre senta ben", aínda que as desvinculou dalgún tipo de reivindicación lingüística de Tosar, afirmando que "el sempre fai os seus discursos en galego" e que a súa intención foi facerlle "un chisco á súa familia, terra e amigos".

O conselleiro engadiu que a película é "maioritariamente galega" e que, polo tanto, Tosar "reivindicou a autoría e produción" para que a xente "soubese que se trataba dun produto de Galiza", polo que a actitude do actor "aledouno moito".


5/5 (47 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Emma Lustres recolle o premio ao mellor filme

Luís Tosar recibe o galardón ao mellor actor