Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LOGO DAS RECLAMACIÓNS HISTÓRICAS

A Real Academia Galega recibirá máis fondos do Estado

O PSOE reclama a equiparación do seu orzamento co do Institut d'Estudis Catalans e co da Euskaltzaindia , que reciben máis de medio millón de euros.

Redacción - 12:30 06/03/2010

O Institut d'Estudis Catalans recibiu unha partida de 1,04 millóns de euros do goberno español con cargo aos seus orzamentos xerais. Pola súa parte, a Euskaltzaindia (Academia da Lingua Vasca) recibiu outros 520 mil euros, tamén incluídos como partida específica dos orzamentos. Pola súa parte, no mesmo ano, a Real Academia Galega (RAG) recibiu do Estado a cantidade de 204.652 euros, en réxime de competencia competitiva.

Nos pasados meses, e logo da asunción da presidencia por parte de Xosé Luís Méndez Ferrín, a Academia reiterou a súa petición de financiamento tanto a cargo dos orzamentos da Xunta como dos do Estado. Así, en febreiro, Ferrín calculaba que as necesidades financeiras da RAG estarían arredor dos 1,2 millóns de euros anuais, necesarios para manter as 28 persoas empregadas e para asumir os retos pendentes como a edición do seu dicionario e outras publicacións como terminoloxías, toponimias ou onomásticas.

O PSdeG amosara inicialmente a súa vontade de colaboración, mais agora deu o paso definitivo. Os grupos socialistas tanto do Parlamento como do Congreso presentaron en ambas Cámaras dúas iniciativas simultáneas nas que exixen o incremento do orzamento da RAG até “equiparala con outras institucións semellantes en Cataluña e Euskadi”. Este movemento político no Congreso traducirase probabelmente nun incremento efectivo nestas contas, á luz da súa previsíbel aprobación co propio PSOE no goberno español.

E a Xunta?
Neste contexto, o PSdeG tamén exixe á Xunta que dote “dos fondos precisos” á RAG para que poida atender ás súas prioridades, entre as que nomea o arranxo do tellado do Pazo Pardo Bazán, sede da Academia. “A situación de precariedade económica da institución plásmase de xeito dramaticamente gráfico no estado do tellado do Pazo, con fondos bibliográficos xusto debaixo”, alertan os socialistas.

Precisamente nestes días negócianse os cartos que a Administración galega podería achegar á institución académica. Con todo, a oposición que mantivo a RAG ao decreto do galego presentado polo Goberno podería dificultar o posíbel acordo. A ameaza, publicada nalgúns medios como El País, é recortarlle até nun 30% os cartos achegados pola Xunta.


4.73/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: