Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
Entrevista con José María Castillo

"Xesús mandou os apóstolos descalzos e ao Papa recíbeno como a un xefe de Estado"

José María Castillo é  un dos grandes da teoloxía en España e no mundo. É un teólogo que sabe combinar á perfección o ensaio profundo e a divulgación. Por iso se converteu nun teólogo de referencia. Hai uns anos deixou a Compañía de Xesús. É un teólogo, como todos os que están en fronteira, perseguido por Doutrina da Fe (con varios mónitums contra el), pero que segue na brecha. Por exemplo, co seu novo ensaio editado por Trota: A humanización de Deus.

A versión orixinal desta entrevista podedes atopala en Religión Digital, de onde foi tomada e traducida.

Religión Digital - 16:17 08/03/2010

 
P- Cal é a tese fundamental do teu novo libro?
 
R- Está indicada no título. Deus, na historia das relixións, é considerado como un ser transcendente e, polo tanto, inalcanzable. Nunha orde completamente distinta e inasequible ao ser humano. Xa que logo, as relixións ao máximo que chegan é a falar da relación do home con Deus. A orixinalidade do cristianismo é que fala da unión do ser humano con Deus. E desde ese momento hai que preguntarse se é que o home é elevado á condición divina, ou se Deus se identifica coa condición humana. O Concilio de Calcedonia, no século V, optou por unha solución que parecía intermedia: dicir que é verdadeiro Deus e que é verdadeiro home, pero que nel hai unha soa persoa que é divina. Co cal, sen dicilo, está dicindo que é máis Deus ca home.  

P- E ti pretendes darlle unha volta?
 

R- Só quero tomar como punto de arranque un misterio central do cristianismo: a Encarnación. Que Deus se fai carne. E facerse carne é descender e identificarse co máis profundamente humano. Desde ese punto de vista, temos todo o dereito do mundo a dicir que Deus, en Xesús, se humanizou e, polo tanto, identifícase con todo o humano. Ata o extremo de poder dicir: "O que fixestes a un destes, a min mo fixestes".  

P- Pero iso é tamén doutrina da Igrexa?
 
R- Iso está no Evanxeo, e por iso a Igrexa ten o deber sacro de ensinalo, defendelo e explicalo.

 
P- E no Credo?
 
R- Si, pero o que ocorre é que o Credo, tanto na súa fórmula curta (do Concilio de Nicea) como na máis ampla (do Concilio I de Constantinopla) redactouse baixo a influencia política dos emperadores. Os catro primeiros concilios da Igrexa non foron convocados polos papas, senón polos emperadores. Custeados, aprobados e promulgados por eles.

 
P- Segue hoxe a Igrexa tendo medo á humanización de Cristo?

 
R- E non só de Cristo, que era plenamente humano, senón de Deus. A clave está na pregunta de Filipe: "Señor, móstranos ao Pai" ...Ver a Xesús era ver a Deus. Oílo era oír a Deus. Tocar a Xesús era tocar a Deus.  
Xa que logo, desde o momento en que Deus se humaniza, fúndese co máis débil da condición humana, asumindo toda a debilidade, menos o pecado. Menos a maldade, que é inhumanidade, deshumanización.

 
P- A humanización segue traendo hoxe problemas? Pagola é un claro exemplo actual.

 
R- Evidentemente. Porque o humano é o máis básico da nosa condición, anterior ao cultural, ao relixioso, etc. E Deus identifícase con iso. A Deus atopámolo ante todo no laico, no común a todos os seres humanos. Por exemplo: a saúde, a alimentación, o respecto, as relacións humanas. Estas foron as grandes preocupacións de Xesús. E para iso apelaba a Deus. Porque Xesús sabía moi ben que sen fe, sen unhas conviccións fondas, a condición humana non dá de si. Porque o inhumano predomina en nós, o Pecado Orixinal. Entón, a min paréceme que a orixinalidade do meu libro é que di que a Deus o temos que buscar, ante todo, no humano. E que o cristianismo está para humanizarnos.  
A Xesús coñecémolo pola historia evanxélica. Pódese discutir sobre o valor histórico, aí está a realidade dun galileo, traballador do século I, que viviu de tal forma, tivo tales conviccións, fixo tales cousas e morreu de tal xeito, sabémolo con sobrada seguridade. A partir de aí temos que coñecer a Deus.

 
 
P- Un déficit que sinalas na cristoloxía  é a cristoloxía política da Igrexa antiga. Que queres dicir con iso?

 
R- Refírome ao cesaropapismo. Á influencia dos intereses políticos na teoloxía. Compréndese que isto pasase, porque era o tempo da decadencia do Imperio. Aquilo ía ao traste, e agarráronse ao que puideron. Como viron que o cristianismo ía en aumento, agarráronse a el. Pero, claro, a eles non lles interesaba un Deus crucificado. E o problema co que se atoparon foi que o cristianismo predicaba que o deus no que crían era un crucificado. E iso significaba un escravo, ou un estranxeiro, ou un subversivo. Como arranxaron iso? Creando un deus todopoderoso. O pantocrátor, que era un título imperial, colgáronllo a Xesucristo. Pero o Deus que sae nos evanxeos é un Deus misericordioso.

 
P- "Todobondadoso"
 
R- Iso é. A xente non necesita poderes que a dominen, senón comprensión, misericordia, respecto, tolerancia, axuda para a nosa debilidade. Este sería o mellor servizo que a Igrexa podería facer.

 
P- E iso pódeo facer a igrexa do poder, identificada co Vaticano? Só ver o Vaticano dá a sensación de que estamos ante un gran poder.

 
R- Non é só unha sensación, é unha realidade. A cúpula e a praza de San Pedro, a maxestosidade dun cardeal revestido con todos os seus ornamentos son unha expresión simbólica dunha realidade. A Igrexa predica o Evanxeo. Hai moita xente na Igrexa que o vive, e sofre por causa do Evanxeo. Hai bispos e sacerdotes e relixiosas e relixiosos en sitios aos que non vai ninguén. Por exemplo, en América Latina. Curas que o pasan fatal, nos peores sitios. Pero iso non é noticia en ningures. O que é noticia son as grandes reunións na Praza de San Pedro ou en calquera sitio onde vaia ser recibido o Papa como un grande deste mundo, como un xefe de Estado. E a xente non se aclara. Xesús mandou os apóstolos a evanxelizar. Díxolles: "Non levedes diñeiro, nin bastón de mando, nin sandalias; non levedes dúas túnicas". Porque así se evanxeliza. Eu creo que evanxelizou máis San Francisco de Asís coa súa humildade e a súa sinxeleza, ou a boa xente por aí perdida, curas, monxas, laicos..., ca estes personaxes que aparecen con esa pompa.

 
P- Imos cara a unha Igrexa da pompa e da liturxia e afastámonos dos pobres?
 
R- Claro, a medida que vai perdendo poder no tecido social, aférrase a esas cousas. Perde influencia por toda Europa, por todo o mundo. Por iso a Igrexa se agarra ao integrismo dogmático, á política, etc. pensando que con iso vai compensar as carencias noutros ámbitos, que coidan decisivos. Decisivo é o Sermón do Monte, que determina a convivencia entre a xente. Pero iso non se transmite, non se lle contaxia á opinión pública, ao pobo.

 
P- Ves algunha saída? Hai algunha posibilidade de que esta crecente involución poida dar marcha atrás?

 
R- A esperanza que temos é  que van chegar a tal límite que se van dar conta de que por aí  xa non se avanza máis. Hai moita xente convencida diso, non soamente entre laicos e segrares, senón tamén entre os bispos. O que pasa é  que nos ambientes clericais hai moito medo. E, xa que logo, falta de liberdade. Cando era xesuíta, un bispo faloume con toda confianza. Estaba nunha gran diocese de España, e contoume como os controlan desde Roma, mediante un mónitum, un aviso. E contoume algún exemplo, como o do cardeal de Barcelona morto hai uns anos, ao que lle mandaban mónitum tras mónitum por cousas moi estrañas. Ata que un día se fartou, tomou un avión, foise a Roma e preguntou: "Que pasa aquí?". O caso é que buscaron, e atoparon que aqueles mónitum víñanlle ao cardeal de Barcelona nada menos que por denuncias que mandaba a Roma un sacerdote que estaba nun psiquiátrico.

 
P- Hai medo, autocensura? 
R- Nin somos conscientes do medo. Hai unha afirmación dun psicanalista francés que di: "A obra mestra do poder consiste en facerse amar". E se o poder é relixioso, faise amar moito máis. Amamos ao que nos controla, ao que nos prohibe, nos ameaza e non nos deixa pensar con liberdade.

 
P- Ese círculo é o que rompes ti cando decides que non hai espazo suficiente para respirar (dentro da Compañía de Xesús)? 
R- Si, iso influíu notablemente para tomar a decisión que tomei. Que, aos 78 anos, non é fácil tomar. Pero é que a min se me facía moi difícil pensar con liberdade e dicir libremente o que pensaba. E díxenme: "O pouco tempo de vida que me quede, que non será moito, quero poder pensar e falar con liberdade, ata onde me sexa posible".

P- Quen manda na Igrexa española neste momento? 
R- O cardeal Rouco ten un poder moi grande.

 
P- Sen contrapesos? 
R- Tenos, pero están ocultos, segundo din os que coñecen o mundo interno da Conferencia Episcopal. Rouco deuse conta de que a liña que el tomou é bastante coincidente coa que domina hoxe no Vaticano. Alguén dirá: "Pois iso é o que ten que facer". Pero eu diría: "Coidado". Porque esa liña é coincidente co fundamentalismo relixioso máis tallante, e coa dereita política. 

P- E iso ata pecha o "mercado relixioso", o potencial. Se Igrexa somos todos, sexamos todos, non? 
R- Unha das esperanzas que teño é que se vexan cada día máis angustiados economicamente. Porque a cruz vaina pór cada vez menos xente na casa da declaración da renda, porque cada vez vai menos xente ás igrexas e, xa que logo, as doazóns diminúen a unha velocidade de vertixe. E vanse ver nunha situación na que non lles vai  quedar máis remedio -e é duro e desagradable dicilo- ca reformular moitas cousas.

 
P- Deberíanse reformular algunhas cousas por esgotamento? O celibato dos curas, a ordenación das mulleres, que a min me parece... 
R- ...Evidentemente. Empezando porque Cristo non ordenou mulleres, pero tampouco homes. Cristo non ordenou a ninguén. Hoxe máis da metade das parroquias do mundo non teñen párroco, porque non hai sacerdotes suficientes. Antes có dereito da Igrexa a impor sacerdotes célibes ou só homes, está o dereito dos fieis a seren atendidos. Porque o primeiro é a Comunidade.

 
Grazas, mestre.

 
R- Moitas grazas.

 


4.5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: