Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ACCIÓN FUXIDÍA

O Taller Atlántico Contemporáneo preséntase cunha obra musical interpretada por 111 ciclistas

O domingo 21, durante 90 segundos, percorrerán a Avenida Xoán XXIII cara ao Obradoiro ao ritmo de 'Eine Brise' de Mauricio Kegel.

Redacción - 09:30 13/03/2010

O 30 de marzo van comezar no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) as actuacións da ensemble de nova creación Taller Atlántico Contemporáneo (TAC). A agrupación presentarase o domingo 21 en Compostela cun vistoso acto público.

Un total de 111 ciclistas interpretarán a obra Eine Brise, do compositor arxentino Mauricio Kagel. A escolla débese a que en cada un dos concertos do TAC aparece a bicicleta como leit-motiv. Ademais, a obra de Kagel está dedicada ao Opus 111 de Beethoven, de aí que se deba interpretar con ese número de bicicletas. Dura 90 segundos e executarase baixando pola Avenida Xoán XXIII cara á Praza do Obradoiro.

A acción precisa da colaboración dese máis dun cento de persoas, polo que, segundo avanzou Luís Soto, o grupo está xa a recabar o apoio tanto de ciclistas profesionais como de políticos e, por suposto, de xente anónima. Para iso ten aberto un enderezo de correo electrónico para que se sumen candidatos, tallerac@tallerac.com, e un vídeo en YouTube onde explica en que consistirá o concerto e como participar.

O ensaio xeral terá lugar ás 11 da mañá e unha hora máis tarde comezará o acto. Como xa avisan no vídeo, abstéñanse persoas con tendencia a comportamentos infantís. Contarán coa colaboración do servizo de bicicletas do concello, para quen lle resulte imposíbel desprazar o seu vehículo. Tamén será imprescindíbel que asista público, pois sen público non hai obra.


4.2/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: